Óscar Riveiro iniciou a súa actividade na horta no 2009 no concello lugués de Castro de Rei como un traballo complementario. Co aumento da demanda e en consecuencia do traballo decidiu dedicarse en pleno a Riveiro Ecológicos. Actualmente cultiva pataca, trigo, nabiza, faba e cebola en exterior e en tres invernadoiros xudía, tomate e pemento principalmente. Combina comercialización directa a particulares e restaurantes con empresas de distribución para grandes volumes.
Dende que no 2009 Óscar Riveiro iniciou a súa actividade na agricultura fóronse sucedendo diversas melloras e ampliacións ata ser hoxe un dos produtores referentes na Terra Chá. “Comecei con algunha finca que tiña en propiedade que estaba alugada, despois co tempo fun aumentando a base territorial facéndome con parcelas de monte porque así non era necesario o período de conversión e xa a primeira colleita levaría o selo ecolóxico”.
A pesar de ter un traballo preto da casa e en boas condicións, Óscar decidiu facer un cambio e emprender o seu propio negocio. “No 2009 decidín comezar coa produción de pataca nunhas fincas da casa, tiña isto como un complemento. Posteriormente a demanda foi aumentando, fun incorporando novas parcelas e mesmo me foi necesario contratar a un empregado. Facíaseme complicado compatibilizar os dous traballos polo que era necesario escoller un camiño ou outro e apostei por dedicarme exclusivamente ao campo. É un traballo que hai que dedicarlle horas e que nalgún caso é máis esixente fisicamente pero ao mesmo tempo dá moita liberdade”, recoñece.
A pataca e a nabiza son os dous cultivos con mais hectáreas ocupan
Actualmente en Riveiro Ecolóxicos trabállanse diferentes cultivos, tanto agrícolas como hortícolas. Nas 13 hectáreas certificadas polo Craega, Óscar traballa principalmente pataca, trigo, cebola e faba no verán e nabiza no inverno. A maiores, nos 3 invernadoiros colléitase xudía, tomate e pemento principalmente. Son os cultivos principais que se traballan todos os anos, aos que en función do mercado e das demandas se poden sumar outros.
Traballar en ecolóxico require dun traballo de observación constante
Ao traballar en ecolóxico a observación dos cultivos e a anticipación son fundamentais tanto para previr enfermidades como para facer fronte á competencia con outras plantas. “É unha produción que require de máis man de obra e mais dedicación que a convencional. Para facer tratamentos fitosanitarios aplicamos cada pouco produtos en prevención, como o cobre no caso das patacas. No caso das malas herbas tamén require de maior dedicación, pois todo ten que ser de xeito mecánico ou manual, sen empregar herbicidas”, explica Óscar.
Continúa dicindo que “para a pataca teño preparado un apeiro de púas e uns arados que hai que pasar varias veces durante o ciclo de produción. No caso doutros cultivos como a cebola é necesario facelo todo á man. Facémolo cando a herba está nacendo para que sexa máis fácil de eliminar”.
A falta de relevo xeracional e de man de obra son un problema de futuro para o sector
Óscar cualifica a horta como un sector con futuro, “hai mais demanda da que está cubrindo con produtores galegos, coa contrapartida de que cada vez somos menos por falta de relevo xeracional”. Sen embargo os plans en Riveiro ecolóxicos non son de aumentar, senón manterse. “Agora estou traballando eu só na explotación, contrato habitualmente os servizos dun autónomo e en épocas de maior carga de traballo como a recolección da pataca veñen cuadrillas. Non penso en aumentar polas dificultades para conseguir man de obra estable, manterei a produción que teño actualmente para cumprir e manter os acordos actuais ademais de atender ós meus clientes”, asegura.
En Riveiro Ecológicos combínase a venda directa con empresas de distribución
Esta produción ecolóxica canalízase ao mercado por dúas vías principalmente. Por unha banda, nos cultivos de maior volume como son a pataca, a nabiza e o trigo combínase a comercialización directa coa venda a empresas de distribución. Aproximadamente un 30% desta produción resérvase para venda ao cliente final. A nabiza supuxo nas últimas campañas unha boa parte do traballo no inverno, e consecuentemente de ingresos, coa venda tanto para conserva como fresco.
Para produción restante como a cebola ou faba, e cultivos de invernadoiro como pemento, tomate ou xudía o cliente final é a principal vía de saída. “Traballo con restaurantes de toda a comunidade, aínda que maioritariamente na zona centro e norte de Lugo, con panadarías e con particulares. Teño unhas furgonetas para o reparto que fago semanalmente polas zonas máis próximas, para o resto fago envío por medio dunha axencia de transportes”, explica.
Ao mesmo tempo Óscar é socio das cooperativas Aira e Terras da Mariña. “Cando comecei coa venda de nabiza foi a través de Aira e dende entón sigo con eles, aínda que o contacto co cliente xa o realizo directamente. Con Terras da Mariña participo na venda da faba. Este xeito de comercialización, aínda que unha porcentaxe queda na cooperativa, ás veces é necesario sobre todo cando un está comezando e non ten unha situación no mercado”.
Ademais do selo ecolóxico emprega selos de varias IXP
Toda esta produción está amparada polo selo de agricultura ecolóxica do CRAEGA e ademais conta con selos de indicación xeográfica protexida para a pataca, o trigo e a nabiza. “Son un complemento, o principal é ter un bo produto que ofrecer aos clientes, ese é o mellor selo que podes ter”, subliña.
Para o abonado das fincas únicamente se emprega esterco e cal para corrixir o ph do solo. Ao igual que nos tratamentos fitosanitarios para o abonado non se emprega ningún tipo de composto químico. “Emprego esterco dunha granxa de vacún en semiextensivo e outra de ovellas. Cunha cantidade de entre 18 e 20 toneladas por hectárea é suficiente para acadar boas colleitas. Deste xeito, un ano normal de pataca a produción ronda as 18 toneladas por hectárea, algún ano extraordinario chegamos a cerca de 30, igualmente no trigo houbo bos anos con máis de 2.000 quilos por hectárea”, afirma Óscar.
“O cambio no clima xera problemas cos que temos que convivir”
Os cambios no clima son unha variable que xa hai que ter en conta. “Ultimamente os invernos son máis suaves e estamos vendo que na nabiza non desaparecen os limacos nesta época do ano, dándonos máis traballo á hora de seleccionar e limpar. Igual que sucede cos vermes que atacan as pradarías, causan problemas en outros cultivos dado que comen todo tipo de plantas. Nesta campaña da pataca, en cousa de poucos días, arrasaron con parte dunha finca de pataca. Por sorte plantárase cedo e xa estaban practicamente para sacar. Comezaron comendo a folla da pataca e cando remataron comezaron a comer os fariñentos, é unha especie que avanza moi rápido e que come todo o verde. É unha especie que sempre houbo pero ao vir os invernos mais suaves non morreron”.
No caso das sementeiras e das colleitas o tempo tamén é algo que crea incerteza. “Este ano a primavera veu fresca e húmida polo que se atrasaron os cultivos e aínda que veña bo tempo agora non van acadar a mesma produción. Agora os días xa teñen menos horas de luz e as noites refrescan, as plantas non van sacar o mesmo rendemento. No caso da colleita, que veñan de súpeto varios días de moito calor acelera as colleitas. A faba verdina temos que recollela nun momento moi concreto para que manteña as características propias. Na campaña pasada tiñamos previsto facer a colleita nunha data concreta pero coincidiron dous dias de moita calor e tivemos que adiantar a colleita case 10 días. O clima está cambiando e é algo no que non podemos influír directamente polo que nos temos que adaptar”, relata.
8 hectáreas en convencional para facer rotación herba e millo
A maiores de Riveiro Ecológicos, Óscar traballa outras 8 hectáreas en convencional. “Surxíu a oportunidade de coller estas fincas que están preto da casa e son de boa calidade. Actualmente fago rotación de millo con herba para vender a explotacións de vacún. Aínda así, estou vendo a posibilidade de poñer unha parte a patacas porque hai demanda pero hai que ver como é posible facelo de xeito administrativo. Nunha mesma explotación non se pode ter unha mesma variedade de cultivo en ecolóxico e en convencional”.
“É necesario un control da administración pero sempre e cando sexa lóxico”
Este, o administrativo, é un dos aspectos que Óscar cualifica como necesario pero dentro dunha lóxica. “Actualmente temos unha sobrecarga de trámites administrativos que non sempre se ven necesarios. Para facelos todos un mesmo é practicamente imposible porque algúns son complexos e necesitarían moito tempo, e no caso de realizar mediante unha empresa externa son un gasto considerable a final de ano”.