Ofrecen forraxes aos gandeiros afectados polos incendios

LUMES OURENSE

A Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG) ponse a disposición dos gandeiros e agricultores que se viron afectados polos incendios forestais que se produciron nas zonas agrogandeiras. A cesión de forraxes é a principal aportación que poden realizar dende a ASPG.

A asociación que preside Miguel Gómez xa está a facer un inventario das forraxes que están dispoñibles para servir de xeito inmediato. Ademais, teñen a posibilidade de coordinar o transporte ata as ganderías que arderon total ou parcialmente.

Javier Blanco, gandeiro de Maceda e socio da ASPG, está disposto a ceder 80 hectáreas de terreo para que se poidan trasladar animais ata elas ou depositar forraxes para a súa distribución. “Aquí hai familias que perderon o 100% das forraxes e non teñen absolutamente nada co que alimentar o gando. Eu sei ben o duro que é eso e estou disposto a axudar en todo o que poida, como están o resto de socios da ASPG”, explicou.

A ASPG conta con 147 socios na provincia de Ourense, moitos deles produtores de cereal e pataca na comarca da Limia. Sinalan que dispoñen de forraxes almacenadas para facer fronte a esta situación de emerxencia e din estar dispostos a axudar a todos e cada un dos gandeiros e agricultores afectados polo lume, repartindo os recursos de xeito equitativo.

A asociación reclama que se declare zona catastrófica todo o territorio que ardeu nesta vaga de incendios e lembra que a gandería desta parte de Galicia xa estaba moi afectada polo impacto da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica na cabana de gando vacún.

Agora xa se está a dialogar coa deputación provincial de Ourense e cos concellos afectados para coordinar a distribución das forraxes entre as explotacións que foron pasto das lapas e que non teñen con que alimentar o gando. Por outra banda, a ASPG tamén se puxo en contacto coa Consellería do Medio Rural para poñer no seu coñecemento a posibilidade de ofrecer axuda os gandeiros e solicitouse algunha fórmula de colaboración. Polo momento non houbo acordo.

Os gandeiros e agricultores que desexen acollerse á axuda que ofrece a ASPG poden dirixirse á asociación no seguinte enderezo electrónico:

asociaciondosectorprimariodegalicia@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información