Ofertas de leite nas cadeas de distribución no peor da crise gandeira

O sector produtor denuncia ante o Ministerio promocións con baixos prezos do brik nas cadeas de supermercados, con casos por baixo dos 50 céntimos

Ofertas de leite nas cadeas de distribución no peor da crise gandeira

Leche Galicia, envasada por Río, a 47 céntimos nun Makro. / Imaxe: Enba.

Os gandeiros son conscientes de que a crise de prezos en orixe do leite ten múltiples causas pero tamén saben que as ofertas de leite nas cadeas de distribución, lonxe de arranxar o problema, empeórano. En Euskadi téñense detectado nas últimas semanas prezos a 47 céntimos, en Girona hai un caso denunciado polo sector a 29 céntimos e en Galicia os produtores advertiron onte dunha oferta a 50 céntimos.

Estes prezos de comercialización, que organizacións agrarias e cooperativas consideran irregulares e claros casos de vendas a perdas, están a ser denunciados ante a Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura.

En todo o Estado, a maioría das cadeas de distribución contan con leite en oferta por baixo dos 60 céntimos, o umbral que cooperativas e organizacións agrarias marcan como liña vermella de referencia. A maioría das promocións rondan os 55-60 céntimos, se ben onte xerouse gran malestar no sector gandeiro galego por unha oferta de Campo Nuestro, a marca branca de Gadis, a 50 céntimos en compras de 6 unidades (53 céntimos un brik so), unha promoción criticada tanto desde a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) como desde Unións Agrarias, que anunciou a presentación dunha denuncia ante a AICA.

Oferta actual de Gadis.

Oferta actual de Gadis.

Informe
A Agencia de Información y Control Alimentario (AICA) é a encargada de velar polo cumprimento da Ley 12/2013 de Mejora de la Cadena Alimentaria, que naceu para tratar de reequilibrar o poder de negociación entre as distintas partes da cadea, de xeito que se reducise o uso de determinados produtos como reclamo. O aceite e o leite son os dous grandes cabalos de batalla que se lle presentan á AICA, se ben polo de agora a súa actuación logrou escasos éxitos no escenario lácteo.

Preguntada días atrás sobre a resolución das investigacións abertas no caso do leite, a AICA remitiunos á presentación dun próximo informe sobre a súa labor. O organismo, dependente do Ministerio, adoita trasladarlle as propostas de sanción ás comunidades autónomas, con competencias na materia, se ben polo de agora, só trascenderon multas polas vendas de leite a baixos prezos nas comunidades de Murcia e de Cantabria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información