Ofertas continuistas para a renovación de contratos de compra do leite ás granxas na primavera

Lactalis baixa dous céntimos até o verán e recupera o prezo base de 41 céntimos en outubro. Larsa presenta unha proposta escalonada para os 12 meses na que mantén os 42 céntimos até xullo e aplica despois baixadas de 3 céntimos. Reny Picot viuse obrigado a subir o leite en decembro para igualar cos seus competidores e frear a marcha de gandeiros

Lactalis propón manter prezos até agosto e unha baixada de 2 céntimos a partir de setembro

Lactalis propón unha baixada de 2 céntimos até agosto para recuperar de novo os 41 céntimos a partir de outubro

A dous meses da data de renovación dos contratos lácteos en Galicia xa se comeza a intuír un escenario de prezos continuista, a xulgar polas ofertas presentadas nos últimos días polas principais industrias e que decaerían en 15 días se os gandeiros non lles fan caso.

Lactalis e Larsa, as dúas empresas que máis leite recollen na comunidade, propoñen ofertas a un ano escalonadas. A multinacional francesa propiedade da familia Besnier aplica primeiro unha baixada de 2 céntimos de abril a setembro, quedando o prezo base en 39 céntimos, para volvelo despois de novo aos 41 céntimos de outubro a marzo.

A estratexia contraria é a que segue Larsa. No caso da asturiana CAPSA, mantén o prezo base en 42 céntimos nos primeiros meses cunha baixada posterior de 3 céntimos para o outono, recuperando de novo un no inverno: abril-xullo a 42, agosto-novembro a 39 e decembro-marzo a 40.

En Naturleite os gandeiros grandes están molestos porque teñen o mesmo prezo que os pequenos ao non contar con primas por volume

No entorno dos 42 céntimos mantéñense as outras dúas subministradoras da cadea Mercadona en Galicia: Entrepinares (que está a pagar neste momento a 47 céntimos e deixou o trámite de presentación de ofertas por un ano a 42 céntimos xa feito en decembro) e Naturleite (que propón 40 céntimos máis dous de primas de calidade hixiénica, benestar animal e medio ambiente).

Reny Picot, que non acumula a finalización de todos os contratos na mesma data, senón que os ten repartidos ao longo do ano, segue ofrecendo tamén 40 céntimos de prezo base, pero chegando a pagar finalmente nalgún caso por enriba dos 48 para evitar a marcha de gandeiros, mentres que Inleit renovou contratos no verán até o 31 de marzo a 42 céntimos de prezo base.

A lexislación obriga a presentar ofertas con 2 meses de antelación pero o prazo remataba o venres pasado e Celta e Inleit aínda non o fixeron

Malia que a lexislación obriga ás industrias a presentar ofertas aos gandeiros con dous meses de antelación á finalización do contrato (o prazo para facelo remataba o pasado venres), algunhas empresas non o cumpriron, caso de Celta ou Inleit, que non presentaron aínda ofertas, quedando rezagadas e arriscándose a sancións por parte da AICA.

O Grupo Lence renova un mes máis tarde, o que pode ser unha arma de dobre fío

Máis tempo para facelo ten o Grupo Lence, xa que asinou no seu momento un mes máis e ten contrato en vigor até o 30 de abril. Coa vantaxe de coñecer a estratexia dos seus competidores, non se agarda, sen embargo, que Leite Río e Leyma saian con baixadas importantes de prezo, posto que ao renovar máis tarde serían un branco fácil para aquelas empresas que precisasen coller leite en abril.

As empresas agardan unha “renovación tranquila” con poucos movementos

Con todo, non se agardan grandes movementos, máis aló de pequenos axustes nalgunhas rutas, ante o temor habitual nos meses da primavera, sobre todo das empresas que se dedican a envasar leite líquido, de ver cheos os seus almacéns.

Mercadona segue a tirar dos seus provedores

A cadea de supermercados valenciana Mercadona, líder na venda de produtos lácteos en España e que a nivel europeo xa superou á francesa Auchan (Alcampo), situándose como a undécima empresa de distribución de alimentos da UE, está inmersa en plena expansión en Portugal, abrindo unha ducia de novos establecementos cada ano.

Ese crecemento está a impulsar a actividade dos seus principais provedores lácteos: COVAP (Naturleite) e CAPSA (Larsa) no leite líquido, Entrepinares e Queizuar (Bama) nos queixos e a americana Schreiber para os iogures.

Entrepinares e Bama están a subministrar queixo para os supermercados de Mercadona en Portugal

Todas elas se están a ver beneficiadas nas súas contas de resultados do incremento de prezos no lineal trala ola inflacionaria e do aumento da demanda do seu principal cliente, Mercadona.  No caso de Entrepinares, a ampliación realizada na queixería de Vilalba está xa plenamente operativa, tras un investimento de 25 millóns de euros, e o 90% do queixo que sae da fábrica galega da empresa vallisoletana vai parar á cadea de supermercados de Joan Roig, tanto en España como en Portugal, o mesmo que o queixo con denominación de orixe que produce para ela Queizuar, a empresa de Benigno Pereira en Touro.  

Larsa incrementou a recollida en novembro nuns 50.000 litros diarios

No caso de Larsa, a planta de Outeiro de Rei adiantouse aos seus competidores no mes de novembro, na renovación de contratos de decembro a marzo, captando uns 50.000 litros diarios de leite a outras empresas, principalmente á tamén asturiana Reny Picot, para facer fronte ao aumento de pedidos de leite Hacendado e compensar o descenso de entregas en Asturias.

José Armando Tellado, responsable de CAPSA, asumiu tamén o 1 de xaneiro a dirección de Central Lechera Asturiana SAT pola xubilación de Francisco San Martín

Central Lechera Asturiana sofre desde fai anos o peche continuado de explotacións, o que está a descompensar o balance entre os socios en activo, que seguen entregando leite, e os socios pasivos. Para tratar de corrixir esta situación, na Xunta Rectora da cooperativa celebrada a principios de decembro, na que se tomou a decisión de nomear a José Armando Tellado como director xeral de CLAS (xa o era de CAPSA), aprobouse tamén dar entrada como socios de pleno dereito de Central Lechera Asturiana aos abastecedores (ganderías provedoras non socias). Esta decisión non afectaría sen embargo ás granxas galegas que entregan a Larsa, tal como pide a Xunta.  

Reny Picot vese obrigada a subir prezos

O movemento agresivo de Larsa en novembro, tratando de captar máis leite en Galicia, obrigou a ILAS (Reny Picot) a moverse para non quedar descolgada en prezos e frear a fuga de granxas a CAPSA.

A empresa da familia Rodríguez, que estaba a pagar en orixe menos que os seus competidores, optou por subidas na renovación de contratos realizada en decembro, elevando prezos para igualalos cos de Larsa e mesmo superalos, con importes finais de 49 e mesmo 50 céntimos nalgún caso (Larsa chegaba aos 48 céntimos nas granxas de maior volume de entregas).

A empresa da familia Rodríguez apresurouse a presentar ofertas para a primavera xa a mediados de xaneiro, cun prezo base de 40 céntimos, na liña das anteriores

Reny Picot, que tiña un lote importante de contratos que finalizaban en decembro, renovounos até marzo, para coincidir na seguinte renovación coas outras empresas e non verse de novo atacada nos contratos que vencen a destempo.

A espada de Damocles do benestar animal

Un dos elementos que está a pesar na decisión da maioría de empresas ha hora de captar novas granxas segue a ser a certificación de benestar animal. Lactalis deixou explotacións nos últimos meses na provincia da Coruña, en zonas como Ponteceso ou Bergantiños, que non pasaban as auditorías de Welfair, na maioría dos casos por tratarse de ganderías de vacas trabadas nas que os animais non saían nunca fóra.

A multinacional francesa está a tratar de certificar o 100% do leite que recolle (supera xa o 95%) mediante a estratexia de deixar as granxas que non cumpren, normalmente ganderías pequenas, compensando o volume que deixa de recoller mediante a captación dalgunha outra explotación.

Larsa introduce por primeira vez unha prima de 1€/tonelada por cada punto Welfair logrado nas auditorías

Tamén está a acelerar a certificación das súas granxas Larsa, sobre todo a raíz de comezar a envasar leite para Mercadona. Os equipos de campo de CAPSA estiveron durante o 2024 visitando todas as granxas (unhas 880 en Galicia) para sometelas ás auditorías do protocolo Welfair.  

Agora, na oferta que fixo chegar ás explotacións a semana pasada, introduce por primeira vez unha prima de benestar animal, de 1 euro/tonelada por cada punto obtido, o que supón 0,51 céntimos como mínimo. Ao igual que Lactalis, tamén Larsa deixou algunha granxa por motivos de benestar animal, captando algunhas máis grandes de Reny Picot para compensar.

Feiraco lánzase ao leite A2

En canto ás cooperativas, Clun subiu medio céntimo en xaneiro e subirá outro medio en febreiro despois de baixar medio céntimo en novembro. O prezo final de Feiraco está a ser neste momento competitivo, sobre todo para as granxas máis grandes, de máis de dous millóns de litros, situándose no entorno dos 47,5 céntimos para unhas calidades de 3,80% de graxa e 3,20% de proteína.

Feiraco subirá 1 céntimo entre xaneiro e febreiro despois de baixar medio en novembro

Outra das decisións da cooperativa con sede en Ames é comezar a valorar o leite A2, un segmento no que até o de agora só Leite Noso (Deleite) estaba posicionada. Feiraco pretende envasar Unicla A2, para o que esixirá alimentación con sementes de liño e vacas con xenética A2A2. A cooperativa ofrecerá 5 céntimos máis ás granxas que lle subministren este leite diferenciado.  

No que respecta a Aira, á falta de ver que implica o acordo anunciado con García Baquero, neste momento está a ocupar o oco que mantiña Codeira antes do verán como subministradora principal da planta que a queixería manchega ten en Palas de Rei.  

Cambios en Inleit

No campo das calidades, segue mandando a graxa na maioría de industrias (a excepción de Entrepinares, que paga a décima de graxa a partir de 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos). O Grupo Lence, por exemplo, endureceu as condicións na última renovación, subindo o mínimo para cobrar a prima de 0,4 céntimos ao 3,8% de graxa, mentres que Lactalis segue a pagar unha prima variable a partir do 3,7% en función da cotización da manteiga no Observatorio Lácteo da UE, onde neste momento se sitúa en 740€. Por enriba de 600€ supón 0,5 céntimos por décima de graxa para os gandeiros de Lactalis e por baixo dese nivel 0,4 céntimos.

Lactalis paga a décima de graxa neste momento a medio céntimo pero baixaría a 0,4 se a manteiga cae na UE por baixo dos 600€/tonelada

En canto a Inleit, na anterior oferta a un ano, presentada na primavera pasada, a planta de Teixeiro subía as exixencias de calidades a un 4,2% de graxa e un 3,4% de proteína, moi por enriba do estándar máis frecuente nos contratos asinados en Galicia (3,7% de graxa e 3,2% de proteína).

Inleit fixo cambios no seu departamento de compras, reforzándose con persoas procedentes de Grupo Lence e Leche Celta

A empresa de capital español e estadounidense segue a ser refuxio de excedentes de outras empresas, como as cooperativas Aira ou Leite Noso, e remodelou nos últimos meses o seu departamento de compras, reforzándoo coa incorporación de persoas procedentes de Leite Río e Leche Celta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información