Ofertas continuistas para os novos contratos do leite, con boas perspectivas de mercado

Lactalis e Larsa inician a presentación de propostas de 12 meses ás súas granxas proveedoras. Unións Agrarias considera que nas próximas semanas chegarán novas ofertas á alza. A organización chama a reducir a brecha de prezos de ata 9 céntimos entre as granxas máis pequenas e as de maior volume

Ofertas continuistas para os novos contratos do leite, con boas perspectivas de mercado

Dado que o pasado inverno as principais industrias lácteas subscribiron contratos a curto prazo, estas semanas comeza a fase de renovación dos acordos, pois unha parte importante deles vencen a 1 de agosto. Os primeiros movementos chegaron de Lactalis e Larsa, que xa lle presentaron ás súas granxas proveedoras unha oferta continuista, sen cambios nos prezos, cunha duración de 12 meses.

Igual que en anteriores fases de renovación, é previsible que nas próximas semanas as industrias fagan unha oferta a máis curto prazo. Se a inicios de ano, a primeira oferta a 12 meses chegou con descontos e finalmente asinouse un acordo a 5 meses á alza, agora que as industrias fan unha primeira oferta de continuidade de prezos, a lóxica dicta que nas próximas semanas poidan chegar ofertas á alza.

Cunha primeira oferta continuista, a lóxica dicta que nas próximas semanas chegarán propostas á alza

Perspectivas
“Todas as circunstancias de mercado son positivas” -explica Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “Os prezos na UE son moi superiores á media galega, pois fronte ós 48 céntimos de Galicia, a media na UE está en 53 céntimos de media e con perspectiva de aumentos. A produción está caendo no conxunto de España e, no último mes, tamén en Galicia. Pensemos que no último ano en Galicia pecharon 369 granxas, máis dunha ó día, e as que quedan xa non son capaces de cubrir a produción das que pechan”, advirte Pose.

Así as cousas, a organización agraria considera que é bo momento para continuar aproximando ó prezo medio galego ó do resto de España, que se sitúa 3 – 4 céntimos por riba (sen contar o leite de Galicia).

“Hai que recoñecer tamén que esta primavera reduciuse o diferencial de prezo, pensamos que en parte pola campaña que estivemos facendo en demanda de prezos xustos para o leite galego, pero esa nivelación do prezo medio galego co de España ten que continuar”, demanda Félix Porto, vicesecretario de Unións Agrarias, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto con Pose para analizar a coxuntura do sector.

Diferencial que prexudica ás granxas pequenas
A nivel de prezos, as granxas peor paradas en Galicia son as de pouco volume de produción, pois cobran arredor de 9 céntimos menos que as de maior volume, segundo os datos do Observatorio de Prezos galego que trasladou hoxe Unións na rolda de prensa. “Probablemente haxa diferenzas incluso superiores, de 10 – 11 céntimos, pois o último treito do Observatorio fai unha media a partir dos 700.000 Kg. e hoxe hai granxas que están moi por riba deses volumes”, advirte Óscar Pose.

“Probablemente haxa ata 11 céntimos de diferenza entre a granxa que menos cobra polo leite e a que máis”

Unións pide que a Xunta se implique en xestionar co sector industrial unha redución desas diferenzas entre granxas. “Boa parte da reducción do diferencial do prezo galego co do resto do Estado terá que vir por unha mellora do prezo nas granxas máis pequenas”, defenden.

Contactos coas industrias
A organización agraria quéixase de que a maioría de contratos que ofrecen industrias e primeiros compradores de leite (intermediarios) son de adhesión, sen posibilidades de negociación. Desde Unións levan anos tratando de forzar negociacións colectivas a través da súa organización de produtores, Ulega, se ben ata o de agora cun escaso éxito, máis alá dalgún acordo puntual que permitiu revalorizar contratos de parte dos socios de Ulega.

As granxas o que necesitan é estabilidade, contratos a longo prazo suxeitos a índices de mercado

De cara ó futuro, Unións proxecta reactivar Ulega, coa idea de estender negociacións reais coas industrias.

“A día de hoxe, as granxas, cos investimentos que están facendo, o que necesitan son acordos estables, que poidan estar indexados a determinados índices, non andar con esta incertidume de renovar contratos cada poucos meses”, valora Félix Porto.

Proposta para que o Ligal estableza un punto crioscópico por granxa

Un problema adicional dos contratos do leite co que se están atopando as granxas nos últimos anos é o do punto crioscópico. Existe consenso científico en que o punto crioscópico do leite sitúase en – 0,512 ºC, que vén sendo o punto de conxelación do leite.

Ata hai uns anos, ese era o punto crioscópico que esixían tódalas industrias en Galicia, pero nas últimas campañas, son varias as que se foron descolgando, esixindo puntos crioscópicos máis estrictos, como – 0’519 ou – 0,515, o que remata derivando en penalizacions para as granxas que non cumpren con ese corte.

“O punto crioscópico víñase utilizando como xeito de comprobar que non se lle engadía auga ó leite. O punto de corte para validar que iso non sucede sitúase en -0,512 e incluso hai países onde se flexibilizou a – 0,506. O que sucede en Galicia é que as industrias están endurecendo ese punto como se fose un criterio de calidade do leite, cando non o é”, cuestionan en Unións Agrarias.

“As industrias endurecen o punto crioscópico como se fose un criterio de calidade do leite, cando non o é”

A organización vén de remitirlle unha carta á Federación Nacional de Industrias Lácteas para pedirlle o retorno das empresas transformadoras ó consenso científico. Tamén abordará esta cuestión nunha próxima reunión do Laboratorio Interprofesional Galego do Leite (Ligal), no que participan industrias, organizacións agrarias, cooperativas e Administración.

“Se non logramos un cambio por ningunha destas vías, iremos pola vía xudicial”, conclúe Félix Porto.

A proposta de Unións Agrarias é que o Ligal estableza puntos crioscópicos por granxa, tendo en conta factores como o seu manexo, o microclima comarcal e a meteoroloxía. A organización lembra que hai moitos factores que poden afectar ó punto crioscópico, pois por exemplo, as ganderías en pastoreo non teñen o mesmo punto que as intensivas. Ou cando hai vagas de calor, como a actual, tamén adoitan rexistrarse anomalías nos puntos crioscópicos.

Son todos eles factores que están fóra do control das granxas, polo que Unións considera fóra de lugar que as industrias lácteas establezan penalizacións económicas por esixencias de puntos crioscópicos máis restritivos do estándar científico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información