A familia profesional agraria manterá no curso 2026-2027 unha ampla oferta pública de Formación Profesional en Galicia, con estudos vinculados a sectores estratéxicos para a economía e o desenvolvemento sostible do territorio. Así o destaca a Asociación de Profesorado de Ensino Agrario de Galicia (APEAGA), que vén de divulgar a distribución das titulacións e dos centros nos que se impartirán durante o próximo curso académico.
Segundo a entidade, preto do 70 % da oferta pública destes estudos se imparte en centros dependentes da Consellería de Educación, como os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), os Institutos de Educación Secundaria (IES) e os Centros de Educación Especial. O resto corresponde a centros dependentes doutras administracións, entre eles os Centros de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA).
APEAGA subliña que a formación agraria abrangue ámbitos como a produción agrícola e gandeira, a xestión forestal, a conservación do medio natural, a xardinaría, o paisaxismo e a floraría. Trátase de sectores cun peso relevante na economía galega e que resultan fundamentais para afrontar desafíos como o cambio climático, a protección dos recursos naturais e a dinamización do medio rural.
A asociación destaca tamén a elevada inserción laboral de moitas destas titulacións, así como o interese crecente que espertan entre persoas que buscan incorporarse ao mercado de traballo ou impulsar proxectos empresariais propios vinculados ao sector primario.
A oferta formativa pódese consultar nos seguintes mapas:
A formación estrutúrase en tres grandes áreas que teñen cobertura en numerosos centros repartidos por toda Galicia. A primeira é a de xardinaría, paisaxismo e floraría, con estudos orientados ao deseño e mantemento de espazos verdes, a produción vexetal e a arte floral. A segunda corresponde ao ámbito forestal e de conservación do medio natural, cunha formación centrada na xestión sustentable dos recursos naturais e en actividades como a prevención de incendios ou a conservación ambiental. A terceira engloba a gandaría e a produción agrícola, preparando profesionais para traballar en explotacións agrarias, cooperativas, empresas de servizos agrícolas ou clínicas veterinarias.
As persoas interesadas en acceder a estas ensinanzas poden presentar a súa solicitude de admisión ata o próximo 30 de xuño ás 13.00 horas. Co obxectivo de facilitar a consulta da oferta, APEAGA elaborou tamén materiais gráficos nos que se recollen as titulacións dispoñibles en cada centro para o curso 2026-2027.
A maiores da formación pública, a oferta de ciclos formativos agrarios complétase coa oferta de centros concertados, como as EFAs de Galicia (Fonteboa e Piñeiral).
Galego










Control OJD