ODC Planning asegura buscar gandeiros para unha industria transformadora

A firma lucense, que está remitindo cartas a granxas da comarca do Deza e doutras zonas de Galicia, nega que vaia actuar como intermediaria na compra-venda do leite

ODC Planning asegura buscar gandeiros para unha industria transformadora

Carta enviada por ODC Planning ás explotacións lácteas.

A firma lucense ODC Planning asegura estar buscando granxas no Deza e noutras comarcas de Galicia co obxectivo de poñelas en contacto cunha industria transformadora. ODC Planning está estes días enviándolle cartas ás explotacións gandeiras en busca de posibles interesados: “O noso traballo limítase a recabar os datos das persoas interesadas para despois convocalas a reunións que organizará a empresa transformadora”, explica o xerente de ODC Planning, Óscar Valiño.

A busca de leite por parte de ODC Planning saiu á palestra estes días a raíz dunha nota de prensa do Concello de Lalín na que lle pedía prudencia ás explotacións lácteas ante a aparición desta demanda de leite por parte dun operador descoñecido no sector.

ODC Planning, unha firma multiservicio que traballa tamén en sectores como o funerario ou o da construción, aclara que non se vai adicar á compra venda de leite. “Só traballamos na busca de granxas proveedoras para unha industria transformadora. Nós nin somos primeiro compradores de leite nin imos operar no sector”, subliña o seu xerente.

Sobre a identidade da industria para a que traballan, Óscar Valiño renuncia aportar o seu nome, se ben sinala que se trata dunha empresa “importante” de fóra de Galicia. A web de ODC Planning inclúe unha imaxe do leite ‘Campo Latino’, elaborado por Quesos Campo Latino SL, unha empresa creada en Madrid no 2015 que se adica á produción de queixos e que traballa tamén outros produtos como arepas ou embutidos. Desde ODC evitan valorar se é esta firma a que está detrás da busca de leite en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información