O pasado domingo 1 de febreiro abriuse o prazo para solicitar as axudas agrícolas e gandeiras da Política Agraria Común 2026, que finalizará, en principio, o vindeiro 30 de abril. “Son varias as novidades e modificacións que encontramos nesta nova PAC, pero, sen dúbida, a máis destacada e que máis problemáticas vai supoñer á hora da tramitación das solicitudes, é a obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas titulares dos recinto de máis dunha hectárea en réxime de arrendamento, que deberá coincidir coa persoa titular catastral do recinto”, explica o Sindicato Labrego Galego.
Esta novidade, anunciada no Real Decreto 1039/2025 do 19 de novembro de 2025, tratouse, xunto a outras cuestións vinculadas coa PAC, na xuntanza do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) á que acudiu o SLG o pasado luns 26 de xaneiro en Lugo.
Previa a esta normativa, as persoas propietarias que non querían que as súas parcelas fosen declaradas na PAC podían ir ao FOGGA e acreditar que son propietarias desas fincas e bloquealas, polo que non era obrigatorio identificar ás persoas propietarias. Pero esta posibilidade coa nova normativa desapareceu.
Diverxencias entre titularidade real e a catastral
“Cando declaras unha parcela que teña máis dunha hectárea e non sexa propiedade túa, tes que identificar ao propietario desa parcela, entón identificas simplemente poñendo o DNI. O problema é que neste país temos problemas coa propiedade e o catastro, xa que hai moitas herdanzas que aínda están sen partir, polo tanto a propiedade está a nome do avo ou do pai, ou de herdeiros. Entón, en moitos casos, existen diverxencias entre titularidade real e titularidade catastral”, explica Andrés Castro, técnico tramitador da PAC do Sindicato Labrego Galego.
Esta esixencia choca de cheo con outra obriga legal das persoas solicitantes das axudas, xa que a norma di que as persoas beneficiarias teñen que declarar a totalidade das parcelas das que fan uso
Por iso, desde o SLG advirten de que a obrigatoriedade de indicar o DNI ou NIF das persoas arrendadoras vai supoñer problemas, o primeiro é a redución na superficie declarada, xa que sen o DNI dos propietarios as entidades tramitadoras non poden declarar esa parcela, pero iso non significa que non se estea facendo un uso dela.
“Isto choca de cheo con outra obriga legal das persoas solicitantes das axudas, xa que a norma di que todas as persoas beneficiarias teñen que declarar todas as parcelas das que fan uso, pero se as propietarias non ceden o DNI, a tramitadora non pode incluílo. Ademais, a titularidade catastral debe coincidir coa titularidade da PAC e non sempre se cumpre. Todo isto vai atrasar en grande medida a tramitación das axudas, xa que agora as persoas solicitantes teñen que engadir unha información que, en moitos casos, vai ser complicada de conseguir”, asegura Andrés Castro.
Galego









Control OJD