A Asociación Forestal de Galicia está a iniciar o seu programa de formación anual, dirixido tanto a propietarios forestais particulares como a comunidades de montes ou público interesado na materia. Este mércores 19 de agosto desenvolverase en Cedeira un obradoiro sobre técnicas forestais de poda, que terá outra edición no Corgo (Lugo) o 26 de agosto. Con anterioridade, xa houbo outro en Boqueixón (A Coruña) a inicios de mes.
As actividades formativas, que contan cunha parte teórica e outra práctica, realizaranse integramente ó aire libre, en parcelas forestais. O obxectivo é que as persoas participantes adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alta calidade.
O taller abordará tanto a poda en piñeiros como en frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, cerdeira, etc.). Explicaranse os fundamentos e características da poda forestal e presentaranse os equipos e ferramentas de poda, cos que as persoas participantes poderán facer prácticas.
A asistencia é gratuíta pero requírese inscrición previa nos teléfonos 981 564 011, 981 569 140, 618 752 214 ou no enderezo afg@asociacionforestal.org. Os grupos serán reducidos.