Obradoiros para mulleres rurais en Teixeiro, Ordes e Sobrado

A cooperativa Arabías organiza unha serie de encontros para mulleres este verán dentro do seu programa EspadEla. Tratarán a prevención de violencias machistas, os coidados persoais e abordarán a recuperación de saberes relacionados coa experiencia e os traballos desenvolvidos por mulleres

Publicidade
Obradoiros para mulleres rurais en Teixeiro, Ordes e Sobrado

Unha das actividades recentes organizada pola Cooperativa Arabías.

Data inicio: 11/06/2021
Data fin: 26/06/2021
Lugar: Sala de usos múltiples de Teixeiro, Curtis

A Cooperativa Arabías, entidade sen ánimo de lucro, organiza este verán unha nova edición da súa Escola de apoderamento feminista para mulleres que habitan o rural, EspadEla. Logo do éxito da iniciativa noutras localidades, esta cuarta edición desenvolverase en Teixeiro, Ordes e Sobrado. Para a organización deste ciclo de actividades, a cooperativa conta coa colaboración da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

Neste mes de xuño levaranse a cabo tres encontros en cada un dos municipios que logo continuarán coa escola no terceiro trimestre do ano. Os obradoiros centraranse en tres liñas formativas:

CON VOZ PROPIA
Obradoiro para traballar arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abórdase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.

HABITANDO O NOSO CORPO
Obradoiro para traballar arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizarán ferramentas da Biodanza, da Atención Plena e do ioga integral, como medios para chegar a esa conexión sempre dende o goce e o autocoidado.

OS NOSOS SABERES
Obradoiro para recuperar e poñer en común saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.

Datas e inscrición

En Sobrado, os obradoiros iniciáronse o pasado día 4 e retomaranse este venres 11 e o 18 de xuño, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Os encontros celébranse na Escola das Casiñas.

No caso de Teixeiro o ciclo arranca este sábado día 12 e continúa os días 19 e 26 de xuño en horario de 11.00 a 13.00 horas na sala de usos múltiples de Teixeiro, no concello de Curtis.

Os obradoiros en Ordes terán lugar o sábado 12 de 11.00 a 13.00 horas e os venres 18 e 25 de xuño de 16.00 a 18.00 horas. Neste caso, aínda está por concretar o lugar onde se celebrarán.

As mulleres que queiran saber máis sobre este proxecto poden escribir a arabias.coop@gmail.com ou chamar aos teléfonos: 619457324 / 649509806.

Espadela_21 cartel grande

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información