Obradoiro de poda de castiñeiro para producir madeira de alto valor

Obradoiro de poda de castiñeiro para producir madeira de alto valor

Imaxe dun obradoiro anterior con frondosas da Asociación Forestal de Galicia. / Arquivo.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) desenvolverá o venres 10 de xuño un curso práctico sobre poda de castiñeiro para a produción de madeira de alto valor. A actividade, que se fará no Monte Demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña), busca promover unha correcta silvicultura nas plantacións de frondosas caducifolias orientadas á produción de madeira.

O taller é gratuíto, será impartido polo enxeñeiro Braulio Molina e o capataz forestal Martín Cao, e terá lugar este venres 10 de xuño ás 17,00 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón).

Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago: teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org.

O obradoiro de poda continúa así a liña de traballo que vén desenvolvendo o Monte Demostrativo do Pico Sacro desde o 2018. Entre outras actividades, o Monte xa acolleu demostracións prácticas de plantación de frondosas, de poda de castiñeiro e nogueira, un obradoiro de poda e rareo de carballo americano ou unha demostración de recollida mecanizada de castaña.

Monte Demostrativo do Pico Sacro
O proxecto do Monte Demostrativo do Pico Sacro, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, ocupa 18 hectáreas de monte e superficie agraria en Boqueixón. A iniciativa, posta en marcha na primavera do 2018, ten como obxectivo funcionar a modo de Escola de Silvicultura, combinando a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información