A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza un taller gratuíto sobre o empoderamento de mulleres socias de cooperativas. As sesións levaranse a cabo os días 4, 11 e 18 de xullo en Santiago.
O taller céntrase en fortalecer a autoestima das mulleres socias de cooperativas e impulsar, ademais, que teñan maior presenza nos órganos directivos das entidades agrarias. A sesión tamén pretende favorecer a creación de proxectos empresariais, profesionais ou agroalimentarios en ámbitos sociais e asistenciais.
Así, na primeira xornada, a do próximo xoves, 4 de xullo, constituirán o colectivo Nós, as mulleres, que será a Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia, que agrupará a mulleres vinculadas ás entidades socias de Agaca.
No taller tamén se inclúen visitas a distintas iniciativas coruñesas que son exemplos de éxito de cooperativas. Está previsto que o día 11 coñezan Lutega, unha cooperativa produtora de lúpulo, de Betanzos, e Orballo, que produce té en Paderne.
Por último, o día 18, celebrarase en Santiago unha xornada centrada no emprendemento, a igualdade e o asociacionismo. Na sesión participarán representantes da Xunta, así como de cooperativas agroalimentarias de España e de Agaca.
Os interesados en participar nesta iniciativa poden inscribirse no teléfono 981 584 783 ou na web www.agaca.coop.
Esta actividade enmárcase no programa 2018 da Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a Economía Social, financiada polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.