O XXVII Mercado Medieval de Mondoñedo suma este ano arredor de 150 postos e máis de 70 actividades

O XXVII Mercado Medieval de Mondoñedo suma este ano arredor de 150 postos e máis de 70 actividades

Mercado medieval na praza maior de Mondoñedo

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentou este luns a XXVII edición do Mercado Medieval acompañada de representantes das asociacións colaboradoras e dos voluntarios. A rexedora destaca a incorporación de novos contidos, así como unha maior presenza nesta edición de autores locais, como Souto Xímaro, Gaita Escola, Mondrum e a colaboración da Escola de Música, dos voluntarios e de Pasatempo.

A cita, declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego, desenvolverase entre o venres 10 e o domingo 12 de agosto cunha ampla programación que recolle animación de rúa, música, actividades de recreación histórica, demostracións e obradoiros para todas as idades, degustacións e venda de produtos da terra. Serán un total de 150 os postos que, engalanados para a ocasión ao xeito da Idade Media, enchan as rúas da cidade que agarda celebrar máis de 70 actividades ao longo da fin de semana.

A rexedora mindoniense agradeceu durante a presentación a colaboración das asociacións coma Amigos do Mercado Medieval, Xoldra e O Pasatempo que “ano tras ano traballan desinteresadamente nesta cita”. De feito, polo seu interese e implicación será José Ramón Montenegro (Espina) o pregoeiro desta edición do Mercado Medieval.

Novidades deste ano

A integración dos veciños e colectivos do municipio nesta celebración queda demostrada coa participación dos membros da Escola de Música que estrearán un espectáculo de teatro musical o vindeiro venres 11 de agosto ás 00:00 horas no atrio do Seminario con entrada gratuíta. En total haberá preto de 50 persoas sobre o escenario para darlle vida á obra ‘O amor de Afonso Reimúndez’, elaborada por Xan Carballal sobre un texto histórico do activista cultural Xosé Peinó. Desde a Escola de Música, os seus mestres explican que se buscaba unha historia que tivera que ver coa época medieval mindoniense, unha obra recreada na vida do monarca do século XII e a súa vinculación con Mondoñedo.

Para levar a cabo esta representación de teatro e música cóntase co alumnado da Escola de Música de Mondoñedo, así como músicos doutras agrupacións de Lugo e do grupo Souto Xímaro. O elenco de actores e cantantes levan desde o mes de marzo traballando na obra, na parte vogal e na teatral.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, agradece que a Escola de Música de Mondoñedo se involucre nesta celebración e explica que esta colaboración pretende darlle “un maior protagonismo á Escola de Música dentro dos actos do Mercado Medieval, como unha forma de ensinar o traballo que fan e de seguir reforzando o programa con novas e interesantes propostas”.

Tamén Gaita Escola, Souto Xímaro ou Mondrum se unen á celebración achegando música a esta cita medieval que contará cos títeres de Mircromina.

Elena Candia quixo lembrar que o Mercado Medieval reunía na pasada edición a uns 35.000 visitantes polo que “se erixe como un dos principais reclamos turísticos de Mondoñedo”. Por iso, dende o Concello continuamos a impulsar estas celebracións que “poñen en valor o casco histórico da cidade ao tempo que ofrecen alternativas de ocio na época estival atractivas para veciños e visitantes”.

Unha programación “medieval”

A ampla variedade de actividades programadas para este XXVII Mercado Medieval darán comezo o venres 10 ás 20:00 horas cunha batucada a cargo do Grupo Mondrum para deixar paso, ás 22:00 horas, a unha das novidades da programación deste 2018, a representación da peza de teatro musical “O amor de Afonso Reimúndez”.

De cara ás 23:00 horas está prevista a recreación da época constitucional da cidade de Mondoñedo sobre o “Rendemento de Bandeiras ao Rei Alfonso VII” nun acto simbólico en homenaxe aos amigos do Mercado Medieval.

Xa o sábado 11, os postos de artesanía abriranse ao público ás 11:00 horas; mentres que para as 11:30 horas se agarda o desfile das Compañías desde o Seminario e a saída da comitiva de autoridades para asistir ao pregón de José Ramón Montenegro (Espina), un dos habituais colaboradores da cita, que se desenvolverá ás 12:00 horas no balcón da antiga Casa Consistorial.

Artesanía Os Muíños realizará demostracións e obradoiros de serigrafía, barro, cantería e monicreques para todos os públicos, pero tamén haberá demostracións doutros artesáns da madeira, coiro, palilleiras, fiandeiras e, mesmo, de acuñación de moeda.

Esta festa non deixa de lado a parte gastronómica. Nese senso, ofrecerase unha degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa na Praza da Catedral desde as 12:00 ata as 17:00 horas. Tamén se venderán produtos típicos da terra e non faltarán as xerras conmemorativas.

Esta xornada de sábado encherase de actuacións musicais, demostracións en vivo de oficios artesáns, teatro de rúa, títeres, actividades para os máis pequenos, exhibición de cetrería, de tiro con arco ou representación de combates entre cabaleiros polas rúas do casco histórico que se completarán con obradoiros de adestramento e vestimenta no campamento medieval.

Un dos puntos fortes do Mercado Medieval mindoniense chegará ás 20:00 horas co Gran Torneo Medieval que se desenvolverá no campo de fútbol do Seminario da man de especialistas da Hípica Celta acompañados da música en vivo de Himnodium. Outra das actividades con maior asistencia de público será a cea medieval popular que se desenvolverá na Praza da Catedral a partir das 21:30 horas e que nos últimos anos superou o medio milleiro de comensais. A programación da xornada rematará con música e unha queimada popular.
O domingo 12 continuarán abertos os postos do mercado dende as 11:00 horas e, a partir desa hora, volverán ás rúas os espectáculos de música e animación aos que hai que engadir a representación dunha voda medieval polo rito mozárabe ás 13:30 horas na Fontevella.

Igualmente, pola tarde, continuarán as actividades con ruadas e outros espectáculos de rúa coma a “Captura do Mercenario”, unha nova exhibición de cetrería ou as actividades que se desenvolverán no campamento medieval ou na praza da Catedral que volverá a ser escenario dun Gran Torneo Medieval ás 20:00 horas. Unha actuación musical na Praza da Catedral, ás 21:00 horas, e o espectáculo “Fire Performans”, ás 22:00 horas, pecharán este vixésimo sétimo Mercado Medieval.

E, coma nas últimas edicións, os máis novos tamén teñen o seu espazo nesta celebración. Así, ademais de manter aberto o campamento medieval o sábado e o domingo, o Goberno local volve apostar polo recuncho infantil con actividades específicas para nenos e nenas.

PROGRAMACIÓN XXVII Mercado Medieval de Mondoñedo

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

VENRES 10

20:00 horas: Actuación musical (batuca) a cargo do Grupo Mondrum (por todas as rúas).

22:00 horas: Teatro musical “O amor de Afonso Reimúndez” (Escola de Música). Música Xan Carballal. Libreto: Xosé Peinó. Lugar: Praza da Catedral.

23:00 horas. Recreación histórica da época constitucional da cidade de Mondoñedo: “Rendemento de Bandeiras ao Rei Alfonso VII” na Praza da Catedral. Acto simbólico en homenaxe aos amigos do Mercado Medieval. A continuación, visita a San Roque e ruada a cargo da Irmandade de Tambores e Cornetas do Bispo Ramiro II. Procesión das doncelas cos poderes do lume, auga e terra guiados polo druída Pedratón. Queimada popular para purificar aos asistentes e darlles as “manciñas de amor”.

SÁBADO 11

11:00 horas: APERTURA DO MERCADO

11:30 horas: Desfile das Compañías desde o Seminario ata a Casa do Concello e posterior saída da Comitiva de autoridades, formada polo Rei, Merino, Merina, Soldados das Mesnadas, Corporación Municipal, acompañados pola Irmandade de Tambores e Cornetas do Bispo Ramiro II desde a Casa do Concello ata a Praza da Catedral e máis desfile polas rúas de Circocido, Himnodium, Caballeros Medievales Especialistas Hípica Celta, Campamento Medieval, O Neno Lápiz, Asacocirco e persoas da rúa vestidas de época.

12:00 horas. PREGÓN DE APERTURA da XXVII edición do Mercado Medieval de Mondoñedo por D. José Ramón Montenegro (Espina) desde o Balcón da antiga Casa Consistorial cara a Praza da Catedral.

Durante todo o evento:

Venda de produtos típicos da terra

Demostración e venda de produtos artesáns: fiadeiras, palilleiras, coiro, madeira, olería, acuñación de moeda e outros.

Demostración e obradoiros de serigrafía, barro, cantería e monicreques para todos os públicos realizados por Artesanía Os Muíños (horarios e información na Oficina de Turismo).

Degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa na Praza da Catedral desde as 12:00 e ata as 17:00 horas.

Venda de xerras conmemorativas do Mercado na Praza da Catedral.

12:15 horas. Ruada de gaitas galegas e percusión tradicional a cargo de Souto Xímaro

12:15 horas. Bufóns Asacocirco (todas as rúas)

12:30 horas: Xograres de Circocido (todas as rúas)

12:30 horas: Exhibición de Cetrería (Praza da Catedral)

13:00 horas. Mircromina Títeres presenta o espectáculo “Mariscal” (Praza do Seminario)

13.15 horas: Os bufóns da corte. O Neno Lápiz

13:15 horas: Ruada Musical a cargo de Himnodium

13:30 horas: Tiro con arco. Especialistas Hípica Celta (Campamento medieval)

13:45 horas: Captura do Mercenario (todas as rúas)

14:15 horas: Ruada musical da Gaita Escola

16:15 horas: Concerto de música medieval a cargo de Souto Xímaro (Catedral)

17:00 horas: Perruseta e Ojaldrino. Circocido (todas as rúas)

17:15 horas. Ruada musical a cargo do grupo Himnodium

17:30 horas: Combates entre cabaleiros (Praza da Catedral)

18:00 horas: Bufóns coa súa bola. O neno lápiz (todas as rúas)

18:15 horas: Mircromina Títeres presenta o espectáculo “Vacacións no Mar” (Praza do Seminario).

18:30 horas: Bufóns polas rúas. Asacocirco

18:45 horas: Captura do Mercenario (todas as rúas)

19:00 horas: Espectáculo de malabares Dosequilibrados. Circocido (Praza do Concello)

19:15 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium

19:30 horas: Exhibición de Cetrería (Praza da Catedral)

19:45 horas: Vestimenta de Cabaleiros (Campamento Medieval)

20.00 horas: Gran Torneo Medieval. Especialistas Hípica Celta con música en vivo de Himnodium (Campo de Fútbol do Seminario)

20:15 horas: Os grandes bufóns. O neno lápiz (todas as rúas)

20:45 horas: Adestramento de Cabaleiros. (Campamento Medieval)

21:00 horas: Ruada musical da Gaita Escola

21:30 horas: Cea Medieval. Inclúe polo asado, xamón cocido, froita, pan e viño. Xerra e prato. Prezo 12 euros. Concerto de Himnodium durante a cea. (Praza da Catedral)

21:45 horas: Seres fantásticos. O neno lápiz. (Todas as rúas)

22:30 horas: Asacocirco presenta “Asacocirco Fire” (Praza do Seminario)

23:15 horas: Actuación musical (batuca) a cargo do Grupo Mondrum (todas as rúas).

00:00 horas: Queimada popular na Praza da Catedral.

00:30 horas: Festicultores (saída da Fonte Vella, Praza da Catedral ata a Praza do Concello).

DURANTE TODA A XORNADA ESTARÁ ABERTO O CAMPAMENTO MEDIEVAL E O RECUNCHO INFANTIL CON ACTIVIDADES PARA OS NENOS. (PARQUE DO SEMINARIO)

DOMINGO 12

11:00 horas: Apertura do Mercado

11:15 horas: Bufóns da corte. O neno lápiz

11:30 horas: Circadas. Circocido (todas as rúas)

11:45 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium

– Degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa na Praza da Catedral desde as 12:00 e ata as 17:00 horas.

12:00 horas: Adestramento de Cabaleiros (Campamento Medieval)

12:00 horas: Ruada de gaitas galegas e percusión tradicional a cargo de Souto Xímaro

12:30 horas: Os grandes bufóns. O neno lápiz

12:45 horas: Exhibición de Cetrería. (Praza da Catedral)

13:00 horas: Captura do Mercenario (todas as rúas)

13:15 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium (todas as rúas)

13:15 horas: Mircromina Títeres presenta o espectáculo “Raio” (Praza do Seminario)

13:30 horas: A Mi La Guardia. Circocido (todas as rúas)

13:30 horas: Voda medieval polo rito mozárabe (Fontevella). Ruada pola cidade acompañados pola Irmandade Ramiro II.

16:15 horas: Concerto de Música Medieval a cargo de Souto Xímaro (Praza da Catedral)

16:30 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium

17:00 horas Mircromina Títeres. Espectáculo “Familia unida” (Praza do Seminario)

17:00 horas: Un mundo de fantasía. Circocido (todas as rúas)

17:15 horas: Captura do Mercenario (todas as rúas)

18:15 horas: Circadas. Circocido (Praza do Seminario)

18:45 horas: Combates entre Cabaleiros (Campamento Medieval)

19:00 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium

19:00 horas: Exhibición de Cetrería (Praza da Catedral)

19:45 horas: Vestimenta de Cabaleiros (Campamento Medieval)

20:00 horas: GRAN TORNEO MEDIEVAL. Especialistas Hípica Celta con música en vivo de Himnodium (Campo de Fútbol do Seminario)

20.15 horas: Bufóns coa súa bola. O neno lápiz (por todas as rúas)

20.30 horas: Adestramento de cabaleiros (Campamento medieval)

21:00 horas: ACTUACIÓN MUSICAL (Praza da Catedral)

21.30 horas: Ruada musical a cargo de Himnodium

22:00 horas: Espectáculo “Fire Performans”. O Neno Lápiz (Praza da Catedral).

DURANTE TODA A XORNADA ESTARÁ ABERTO O CAMPAMENTO MEDIEVAL E O RECUNCHO INFANTIL CON ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS

cartel Mercado Medieval mondoñedo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información