O xulgado acorda non adxudicar a venda das queixerías de Pérez Olveira

A resolución permite que a industria, en proceso concursal, trate de presentar un convenio cos seus acreedores. Dairylac, que aspiraba a comprar as plantas de Santa Comba e O Pino, ten activadas alternativas

O xulgado acorda non adxudicar a venda das queixerías de Pérez Olveira

Instalacións de Lácteos Pérez en A Pereira (Santa Comba).

O culebrón en que se transformara a venda das queixerías Lácteos Pérez Olveira (Santa Comba) e Alimentos Ruta Xacobea (O Pino), en situación de concurso de acreedores, tivo un desenlace sorprendente. Durante o último ano, disputáranse a compra das queixerías o Grupo TGT, unha das principais industrias do sector a nivel estatal, e Dairylac, a firma láctea de base cooperativa asentada en Melide. Finalmente, o xulgado mercantil da Coruña, que xestiona o concurso, decidiu non decantarse por ningunha das dúas ofertas presentadas.

A resolución xudicial, que é recurrible, recoñece o dereito de Pérez Olveira a non vender as súas plantas. “É precisamente o que pediamos. Lácteos Pérez Olveira ten as facultades intervidas polo proceso concursal, pero non suspendidas. Por tanto, o lóxico era que non se nos obrigase a vender se non queriamos”, explica o avogado que representa á industria no proceso, José Luis López.

A resolución xudicial deixa nunha posición vantaxosa a TGT, agora principal acreedor de Pérez Olveira

O xuíz abre así a porta a que Lácteos Pérez presente un convenio ante a súa xunta de acreedores co obxectivo de continuar coa actividade das plantas sen necesidade de vendelas. Unha cuestión clave do proceso é que o escenario dos acreedores mudou sustancialmente nos últimos meses, pois o grupo TGT mercou a comezos de ano o crédito hipotecario das plantas, cifrado en 3,7 millóns de euros, que era propiedade do fondo americano Amvis.

Cando TGT mercou o crédito hipotecario, Amvis xa tiña solicitada a súa execución. “Puidera ser que TGT mercase o crédito para evitar precisamente a súa execución. Se iso fose así, TGT podería ser favorable a unha solución, pero isto é unha simple hipótese” -valora o avogado de Pérez Olveira.- “No suposto de que se faga firme a resolución xudicial que decide non adxudicar as unidades produtivas, teremos que sentarnos a falar con TGT e cos outros acreedores para valorar as posibilidades de presentar un convenio”, subliña.

Antecedentes
A resolución xudicial pon fin a un longo proceso de venda, finalmente paralizada, no que competían o grupo catalán TGT e Dairylac. Lácteos Pérez xa tiña manifestada a súa preferencia pola venda das súas queixerías de Santa Comba e do Pino ó Grupo TGT, co que chegara a un acordo inicial para a transacción por un importe duns 6 millóns de euros.

Ese acordo de venda presentouse na primavera do 2016 ante o xulgado que xestiona o concurso de acreedores, coa petición de que a venda fose autorizada. Paralelamente, Dairylac presentara a súa oferta de compra ante o xulgado. Tanto TGT como Dairylac agardaban desde o verán do pasado ano a que o xuíz resolvese a adxudicación das plantas a unha das dúas ofertas presentadas.

Lácteos Pérez, visto o escenario, pedira finalmente que se lle permitira non vender as plantas, unha petición que o xulgado tivo agora en conta.

Dairylac lanza os seus queixos Arzúa-Ulloa e Tetilla o día 28

A resolución xudicial sobre Lácteos Pérez deixa a Dairylac sen o seu plan A para montar o seu proxecto queixeiro. En calquera caso, a compañía, participada maioritariamente pola cooperativa Aira e en menor medida pola Xunta, ten activadas alternativas.

O director xeral da industria, Iago Quintana, revela que a firma lanzará ó mercado os seus queixos de Arzúa-Ulloa e Tetilla este mesmo mes, unha decisión que xa estaba tomada antes de coñecerse a resolución xudicial.

“A produción queixeira representa unha parte clave do proxecto de Dairylac. Creamos a sociedade Queixos de Galicia e estamos valorando posibilidades”

“Dada a dilatación excesiva do proceso xudicial de adxudicación das unidades produtivas de Pérez Olveira, Dairylac leva traballando desde un principio en diferentes opcións estratéxicas. Visitamos diferentes queixerías, coa idea de integrar as distintas denominacións de orixe, e temos plans alternativos, aínda non definidos ó 100%”, sinala Quintana.

Polo de agora, Dairylac está colaborando cunha queixería galega, da que non aporta o nome, para sacar ó mercado a súa propia liña de queixos o día 28 de setembro. “É un lanzamento que xa estaba previsto antes de que se coñecese a resolución xudicial. Sacaremos ó mercado un queixo Arzúa-Ulloa e outro Tetilla baixo a marca Los tres viajeros” -expón o director xeral da compañía.- “A produción de queixos representa unha parte clave do noso proxecto, non só pola elaboración do produto en si, senón tamén pola reutilización do soro derivado da produción de queixos para a torre de secado que estamos construíndo”, explica.

O obxectivo de Dairylac, por tanto, vai máis alá de contratar a maquila dos queixos con outras empresas ou de manter colaboracións puntuais. “A perspectiva de cara ó futuro é integrar a algunha queixería no proxecto a través de fórmulas por concretar”, sinala Iago Quintana. “Constituímos recentemente unha sociedade paralela a Dairylac, Queixos de Galicia, co obxectivo de canalizar a través dela a produción queixeira, e estamos abertos á entrada na sociedade dunha queixería ou á busca doutras posibilidades”, apunta.

Torre de secado
En canto ás perspectivas da torre de secado de leite e soro que Dairylac está construíndo en Melide, Quintana sinala que marcha segundo os prazos previstos, polo que considera que estará operativa ao longo do 2018. Entre tanto, Dairylac continúa coa súa actual liña de produción, centrada no leite pasteurizado, nata líquida, manteca de vaca cocida e queixos crema e mascarpone. A industria destaca que nos últimos meses está incrementando progresivamente o seu volume de transformación, nunha evolución que considera positiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información