O xenotipado na Rubia Galega: primeiros resultados e novas liñas de traballo

Coñecemos a avaliación xenómica que levan a cabo en Acruga e as vantaxes que proporciona ós gandeiros en materia de mellora xenética. Logo de xenotipar os 3.500 primeiros animais con chips de alta densidade, traballan xa en obter seme sexado

O xenotipado na Rubia Galega: primeiros resultados e novas liñas de traballo

Exemplares de Rubia Galega. // Foto de Acruga.

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) acaba de incluír no seu último catálogo os primeiros resultados do traballo de xenotipado de animais desta raza desenvolvido nos últimos meses en ganderías galegas socias. Trátase dunha aposta clara pola mellora xenética da raza botando man de ferramentas que están sendo moi empregadas tanto na produción de carne como de leite. “Cada ano facemos unha avaliación xenética dos animais e por primeira vez neste 2022 ademais incluíronse datos de xenómica no catálogo”, indica Laura Arias, secretaria executiva de Acruga e involucrada no proxecto de xenotipado dos animais.

Polo momento levaron a cabo o xenotipado de case 3.500 animais con chips de alta densidade, o que supón un total de 486 machos con máis de 50 descendentes e 207 con máis de 10 descendentes. Mentres, entre as femias analizadas 754 delas tiñan máis de 5 fillos. “O obxectivo é constituír unha poboación de referencia para a avaliación xenómica da Rubia Galega”, explican dende Acruga.

“O obxectivo do xenotipado dos animais é constituír unha poboación de referencia para a avaliación xenómica da Rubia Galega”

Actualmente, en Acruga contan cun censo de 33.500 animais inscritos no Libro Xenealóxico da asociación, e o 76% destes exemplares son reprodutores. “A avaliación xenómica constitúe, xunto coa base de datos fenotípica e xenealóxica de Acruga, o punto de partida para a posta en marcha dun procedemento que se implementou na valoración xenética de reprodutores de xaneiro de 2022”, detalla Arias.

Touro Catalogo Acruga 2022 con datos genomicos

O novo catálogo inclúe datos recompilados grazas ó xenotipado dos animais.

Aspectos cos que a xenómica busca mellorar a Rubia Galega

Dende Acruga realizaron unha comparativa cos procedementos tradicionais de mellora xenética, o coñecido como método BLUP, para poder estudar que cambios supoñía optar pola xenómica. Os datos obtidos amosan que a xenómica ofrece unha maior precisión. En concreto, á hora de determinar o Peso ó destete no efecto directo atribuíble ó animal, os datos xenómicos teñen unha precisión de 5 unidades máis con respecto das predicións obtidas por BLUP. Se se compara co efecto materno este redúcese a 4,5 pero, con todo, segue tendo unha maior precisión que a mellora xenética tradicional.

Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto directo do carácter Peso ao Destete.

Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto directo do carácter Peso ó Destete.

Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto materno do carácter Peso ó destete.

Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto materno do carácter Peso ó destete.

En concreto, analizaron 5 caracteres incluídos nos Índices Compostos de selección que empregan no plan de mellora da raza Rubia Galega: peso ó nacemento, peso ós 210 días, peso da canle fría, conformación e engraxamento. Tamén avaliaron o número de partos que pode alcanzar unha vaca.

“A avaliación xenómica permítelle ós gandeiros ter datos máis precisos e avanzar con maior rapidez na selección xenética da Rubia Galega”

Ademais de lograr unha maior precisión na selección xenética, optar pola xenómica permítelles ós gandeiros obter máis información determinante sobre o animal, o que se traduce nunha redución de custos e nun proceso máis rápido. “A avaliación xenómica permítelles ós gandeiros ter datos máis precisos e avanzar con maior rapidez na selección xenética da Rubia Galega”, explica Arias.

O xenotipado pode incrementar as vendas de seme para becerros de cruzamento en ganderías de vacún de leite, en especial naquelas que traballen coa raza Frisoa

Outra das vantaxes que agardan conseguir co xenotipado dos animais é abrir novas liñas de comercialización do seme de Rubia Galega para cruzamento industrial, en especial en ganderías de vacún de leite que xa están a empregalo e que poidan telo como unha opción prioritaria. “Nas razas de leite como a Frisoa levan anos traballando xa coa xenómica polo que ofrecerlle datos xenómicos ós posibles compradores abriríanos o mercado de cruce industrial, sobre todo con frisón”, detallan dende Acruga.

Evitar a consanguinidade dos touros é outra das vantaxes que presenta a xenómica na selección xenética. Ademais pretende estudar o lastre consanguíneo, é dicir as consecuencias negativas que esa consanguinidade podería provocar nos animais. “Trátase de ir máis alá de saber o grao de consanguinidade e coñecer os efectos negativos que podería orixinar”, concreta Arias.

Toros sementales Acruga 2022

Touros incluídos no catálogo de Acruga 2022.

Liñas para vida e para carne

Na avaliación xenómica incidiron en aspectos que son significativos á hora de seleccionar animais tanto para a vida como para a produción de carne. Deste xeito, na liña para a vida fixáronse en cuestións como a facilidade de parto ou a aptitude leiteira da vaca ata o destete, que se produce habitualmente ós 7 meses, xa que son aspectos moi valorados polos gandeiros na raza. “Son aspectos cos que reducir os custos de produción, xa que ó ter dispoñibilidade de leite ten un menor consumo doutros alimentos”, concretan dende Acruga.

Coa xenómica procuran seguir mellorando en cuestións como a facilidade de parto, a aptitude leiteira ou o índice de conversión do alimento en quilos de carne dos animais

No caso da liña de carne, prestaron atención a indicadores que amosen unha maior aptitude cárnica dos animais, para lograr un crecemento máis rápido. Trátase tamén de factores que contribúen a reducir os custos de produción, xa que se procura animais que teñan un alto índice de conversión do alimento en quilos de carne.

A facilidade de parto é unha cuestión tamén moi demandada polos produtores. “Melloramos moito nesta cuestión nos últimos anos, e as nais teñen unha maior capacidade para parir, o que é fundamental, xa que cada vez máis os animais están en ganderías en extensivo e precísase que as vacas sexan capaces de parir soas”, apunta Arias. Nestes momentos, como indican dende Acruga, dispoñen tamén de touros indicados especialmente para xovencas de primeiro parto, cos que axudar a ter mellores partos.

Raza diferenciada

Neste traballo desenvolvido en colaboración tanto coa Universidade de Santiago, a través da Facultade de Veterinaria, como coa Universidade de Zaragoza, tamén procuraron os caracteres que identifican a raza Rubia Galega. “Buscábase contar cunha ferramenta que permitira cunha analítica diferenciar a Rubia Galega de calquera outra raza, para así identificar a pureza da raza fronte a outras ou cruzamentos”, indica Arias.

Compararon a Rubia Galega con outras razas de carne españolas e francesas para conseguir a súa identificación clara

Para logralo compararon exemplares de Rubia Galega con Asturiana de los Valles, Limousin, Blonde de Aquitania, Charolesa e con Pirenaica. “Vimos que se pode establecer unha diferenza clara entre a Rubia Galega e estas razas”, apunta. Chegaron a identificar un conxunto de 148 marcadores que amosan diferenciación xenética estatisticamente significativa entre Rubia Galega e outras razas de carne españolas e francesas.

Á par de diferenciala doutras razas, examinaron as diferenzas que podía haber entre distintas provincias e comarcas de Galicia. “Vimos que hai a mesma estrutura xenética en todo Galicia. A poboación de Rubia Galega case non ten diferenzas significativas”, concreta Laura Arias. Isto débese en gran medida ó uso da reprodución artificial, o que provoca que se intercambien os mesmos touros pola xeografía galega, sen evolucionar de xeito diferente en función da zona. “Dende Acruga creemos que esta homoxeneidade é positiva, xa que nos traballos de mellora xenética que se están a desenvolver van resultar satisfactorios para tódalas ganderías, afectará a tódolos animais”, detallan.

rubia_galega_touro_acruga

Novos proxectos

Outra das liñas na que están apostando nos últimos meses dende Acruga é na obtención de seme sexado, para o que contan coa colaboración de Xenética Fontao, centro de referencia en Galicia para a selección e reprodución animal, que tamén participou de forma activa no xenotipado dos animais. Logo de seleccionar dende Acruga os touros que máis lle interesaban, a mediados do mes de marzo comezaban xa realizar a primeiras probas no centro para a obtención do seme sexado. “Segundo vaiamos tendo datos da calidade seminal dos touros que propuxemos iremos contando con arredor duns 5 reprodutores para obter seme sexado de Rubia Galega”, concreta Arias.

Agardan ter as primeiras doses de seme sexado de Rubia Galega no mercado a comezos do mes de maio, logo de pasar as probas requiridas para a súa comercialización.

Á marxe destes traballos, están á espera de poder dar continuidade a estas primeiras investigacións en xenómica cun novo proxecto no que de novo participarán as Universidades de Santiago e Zaragoza e Xenética Fontao. Nesta segunda fase, aínda pendente de aprobación, queren seguir xenotipando máis animais e traballarán tamén na trazabilidade da carne de Rubia Galega, procurando que cunha analítica da carne no supermercado se poida ratificar que pertence a un animal desta raza.

 

-Consulta aquí o Catálogo de 2022 de Acruga, que conta cos primeiros datos de xenómica.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información