“O xabaril supúxonos perdas e gastos por valor dun millón de euros en 15 anos”

SAT Seixas, de Taboada, leva tres lustros nunha loita agronómica, xurídica e económica contra os danos que causa o xabaril nas súas colleitas de millo

“O xabaril supúxonos perdas e gastos por valor dun millón de euros en 15 anos”

Manuel Arias, de Sat Seixas, nun dos silos de millo cos que alimentan ás máis de 400 vacas da granxa.

Nin os medios técnicos, nin os intentos de diálogo nin as vías xudicial e administrativa serviron para poñer remedio ós danos que causa o xabarín en Sat Seixas, unha situación que provoca unhas perdas que chegaron a poñer en risco a propia actividade de produción de leite. Falamos cun dos socios, Manuel Arias, que fai un balance do acontecido e propón medidas para superar a situación.

– Na vosa explotación levades 15 anos padecendo ataques do xabaril en todas as colleitas de millo forraxeiro. Cal foi a evolución e cal é a situación actual?

Hai 15 anos foi cando realmente empezamos en serio a sementar millo forraxeiro. Estabamos nunha crise de prezos que se arrastrou o longo de moitos anos, era moi difícil encaixar non ter perdas a fin de mes. Por iso, necesitabamos este tipo de forraxe, polo seu valor nutricional e para reducir custos.

Daquela tomamos a decisión de alugar parcelas que estaban quedando abandonadas polo peche masivo de explotacións, un dia si e outro tamén, e sementar millo forraxeiro. Estrelámonos, moito. O primeiro ano, eu calculo que recolleriamos o 20% da colleita, para nós era algo inimaxinable e novo.

O primeiro ano que botamos millo en cantidade, o xabaril levou por diante o 80% da colleita

Buscando solucións acudimos á Administración que nos comunicou que os responsables legais destes destrozos eran os Terreos Cinexéticos Ordeados (TECORES). A saber o que se entende por ordeado… A nosa sorpresa foi que cando contactamos con eles deixáronnos un par de pastores vellos porque, parece ser, que tiñamos que pechar as fincas.

É dicir, nós eramos os responsables por sementar o millo porque “os animais tiñan que comer”. Ao longo destes anos escoitei esta frase miles de veces. Xa entendemos que aquí ninguén se poñía de acordo. Administración por un lado, TECORES por outro, e nós no medio. Quince anos despois, seguimos igual.

Chegamos a ter 25 pastores eléctricos en numerosas parcelas, pero o xabarín destrozaba os peches e tamén tivemos problemas de roubo dos pastores

A primeira decisión foi pechar con pastores eléctricos. Foi unha inversión considerable nun vehículo todoterreo, 30 pastores, arame, picas de terra, illadores e un montón de man obra. Chegamos a ter 25 pastores eléctricos en numerosas parcelas, pero esta especie, contábanse a centos, destrozaban todos os peches e moitos pastores aparecían en parcelas que non eran nosas.

Encontrounos a garda civil, ou tirados no medio do monte, polo que chegamos a poñerlle a algún localizadores para intentar averiguar onde ían parar. Hai denuncias ó respecto a disposición de quen queira velas.

Eran días e noites sen descanso e, aínda que conseguiamos reducir a porcentaxe de estrago, supoñía un esforzo titánico con poucos resultados. A tensión empezábase a palpar no ambiente e as ameazas e persecucións por algún axente eran constantes, creo que indo máis ala da dignidade das persoas.

Logo decidimos probar outros métodos: distintas mallas ovelleiras ou de cadrados, petóns, incluso malla con pastor eléctrico por fora, disuadíndoos de noite, pero todo este esforzo non e sostible no tempo e este animal ten un gran capacidade para adaptarse a cada traba e buscar a forma de entrar.

Probamos outros sistemas, como mallas con pastor eléctrico por fóra, pero é un esforzo insostible no tempo, e o xabarín ten gran capacidade de adaptación

Os ataques lévanse producindo de xeito ininterrompido os últimos 15 anos

Os ataques lévanse producindo de xeito ininterrompido os últimos 15 anos

Temos vídeos curiosos de como actúa. As mallas nos primeiros cierres encenderon unha luz de esperanza, porque lle resultaba máis fácil ir ás que aínda non as tiñan colocadas, pero pronto se adaptou e as saltaba ou simplemente as furaba e tamén recibía axuda humana, xa que aparecía cortada ou aplastada.

Xa fartos, decidimos facer pública a situación. O primeiro paso foi mandar escritos a dúas consellerías. Ao día de hoxe, sigo esperando a resposta. Seguidamente, acudimos aos medios de comunicación. Isto todo coincidiu tamén coa creación da Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe en Galicia (APERFASA), da que formo parte. Fixemos tamén denuncias a distintos TECORES. Aínda que nunca se chegou a resolver o problema, houbo unha certa melloría baixando a porcentaxe do millo estragado.

A situación actual é como a de hai dez anos. Con mandas de 30 animais e nais con 6 ou 8 crías

Agora volvemos estar como hai dez anos, xa que nos dúas últimas colleitas vólvense contar mandas de 20 ou 30 xabarís. Por poñer un exemplo o ano pasado arrasaron 2,8 ha. nunha parcela de 5; noutra zona 3,2 ha de 6. E non o digo eu, está nos documentos dos axentes ambientais e tamén nas peritacións que acabaron no xulgado.

E eso que ás veces, as actas dos axentes tampouco coinciden coas peritacións porque é moi difícil de valorar, non podes contar planta a planta. Tamén hai outros problemas, como que causa destrozos nas pradeiras: ao fozar levanta a terra e esa terra vai parar os silos onde se forman bacterias tipo cloustridium, letais se as inxiren os animais. Tamén arames na comida, restos de peches usados, polo que tivemos que meterlles imáns esofáxicos a todos os animais para evitar que acabaran cravados.

Tivemos que poñerlle imáns esofáxicos a todos os animais para evitar que se fixeran dano cos restos de peches que desfai o xabarín

Sen medo a equivocarme podo dicir que o perdido ou gastado sobe do millón de euros. A coantía sería moito maior se non foran os nosos traballos día e noite. Non son só as perdas do que se estraga, repoñer esa falta fai o gasto dobre. Se facemos unha media cas peritacións destes 2 últimos anos, pasamos desa cifra, tendo en conta que sementaríamos unha media de 70 hectáras por ano.

– Ante esta situación, non hai posibilidade de contratar seguros que cubran os danos?

Eu non coñezo ningún seguro concreto para este tipo de perdas. É máis, nun dos escritos enviados á COnsellería reclamamos que se creara un seguro especifico para paliar estas perdas. Hai un tipo de seguro que, no caso do xabaril, empeza a contar a partir do 20% das perdas desa parcela. Despois inflúe a valoración do perito, do que considera cal é o 20%.

O seguro cúbreche a partir dun 20% de perdas, pero vaise encarecendo ou simplemente non cho renovan

Ademais vaise encarecendo o recargo todos os anos, ou simplemente non cho renovan. Ó final, terminas pagando máis e quedas sen seguro para outro tipo de fenómenos naturais que pode haber, como o vento do ano pasado, que arrasou centos e centos de hectáreas.

O mellor seguro seria colaborar entre todos e que non houbera danos, así de sinxelo, e non estariamos discutindo quen ten que pagalos. Nós poderiamos traballar tranquilos e todo seria moito máis fácil.

– Ultimamente é habitual que a Xunta declare a emerxencia cinexética polo xabaril entre setembro e febreiro. Está a funcionar esta medida? De non ser así, por que cres que non funciona?

Eu diría que hai TECORES e TECORES porque, tendo os mesmos métodos, nós temos experiencias moi boas con algún que pon o mono de traballo, e practicamente reduce a dano a cero, aproveitando a solicitude de batidas, esperas… Pero son minoría e, normalmente, coincide con directivas levadas por xente do noso sector que sabe o gran problema que isto causa ou eles mesmos o viven.

Tamén penso que deberiamos valorar que se levamos anos poñendo a caza como solución e seguimos tendo os mesmos problemas con accidentes de tráfico, enfermidades e danos, pois igual temos que pensar en innovar e buscar outros métodos adaptados ás necesidades de hoxe con Leis actuais, non do século pasado. O rural non ten a mesma xente que hai 30 anos, nin as mesmas zonas de cultivo.

Os períodos en que se decreta a emerxencia cinexética polo xabaril non son os máis axeitados se verdadeiramente se quere dar unha solución que funcione

No noso caso, que estamos nunha zoa seca onde sementamos o millo moi cedo e en setembro xa esta recollido, se o xabaril deixou algo, habería que actuar dependendo das necesidades ou actuar antes da sementeira e de que empece o millo a botar o pendón para evitar futuros danos. Non creo que de setembro a febreiro sexan os meses máis adecuados para cazar tódolos días, tendo en conta as datas deste cultivo.

A espiga en estado leitoso é moi perseguida polo xabaril

A espiga en estado leitoso é moi perseguida polo xabaril

As esperas en época de sementeira son moi efectivas. Complícase máis cando o millo está coa espiga pois sérvelle de refuxio, pero estas solicitudes teñen que facerse a través dos TECORES e eu non vin facer ningunha nesta zona.

– Vós levades presentadas diferentes demandas contra certos Tecores. Pódesnos contar en que consistiron e cal é a actual situación dos pleitos?

Loitamos día e noite con distintos medios, pero nós sós non somos capaces de resolver unha epidemia diste nivel. Contra a velutina loitamos todos xuntos, codo con codo. A miña pregunta é… Por que contra o xabaril non?

Fomos ao xulgado como última medida, porque non vemos que sexa solución a nada

O ultimo paso foi ir ao xulgado, cando se esgotaron todas as posibilidades ó noso alcance, porque estamos convencidos de que este tipo de medidas non son a solución a nada. É máis, aparte das perdas tes que adiantar un montón de diñeiro relacionados co xulgado: peritacións, avogados, procuradores e outros.

Tamén aproveito para dicir que hai xa mais de 3 anos que gañamos un xuízo. Presentaron recurso á Audiencia Provincial e entendo que alguén debería dar explicacións de por que aínda segue sen resolver.

– En todas estas campañas que levades sufrindo ataques, tedes empregado algún método de defensa (arame electrificado, petón, pelo humano, música…)? Foron efectivos? Se non o foron, por que cres que non o foron?

Probamos todos os métodos: pastores, mallas, petardeiras, métodos nocturnos de disuasión, e non son efectivos. Porque é unha epidemia de mandas de todo os tamaños. É un animal cunha gran capacidade de adaptación e supervivencia nun hábitat que o favorece. E é inviable manter quilómetros de peche, ano tras ano, con parcelas rodeadas de maleza. E creo que hai mans humanas que axudan a destrozar os peches porque teñen outro tipo de intereses.

Os xabarís que vemos agora non teñen que ver coas razas que tradicionalmente tiñamos aquí. Nin polo comportamento nin pola crianza

O que coñecemos como xabaril non ten nada que ver coa raza actual. As femias auténticas, as xabarinas, so parían unha vez ó ano e tiñan 1 soa cría ou 2. Agora, téñolles visto ás nais 6 e 8 crías e paren dúas veces no ano por que se cruzaron con outras razas. Supoño que a intención disto é clara. Unha vez mais, está detrás a man humana por interese. Se ti te pos a facer contas xa ves claramente porqué se forman estas mandas en nada de tempo.

Tamén na época da sementeira o xabaril ten causado estragos nas leiras de millo

Tamén na época da sementeira o xabaril ten causado estragos nas leiras de millo

– Hai ou houbo algún tipo de diálogo cos Tecores ou coa Federación de Caza para tentar buscar unha solución?

Pode haber un dialogo cando as dúas partes teñen interese por solucionar un problema. Así foi con algún TECOR que decidiu colaborar. Sen embargo, outros seguen encerrados no pasado, onde eran os amos. Así é moi difícil o diálogo. O que non se entende e por que onde hai estes casos a Administración non toma algún tipo de medida.

Eu recordo unha conversa que tiven cun presidente dun coto, xa hai anos. Dicíame que en moitos sitios non podían cazar porque non podían acceder polos camiños, que estaban sen limpar. Sen comentarios…

Nós sempre estamos dispostos a falar cos TECORES para buscar solucións. Pero rara vez obtemos resposta

Eu moitas veces fun, e vou, limpar coas nosas maquinas camiños de acceso para poder acceder ás parcelas. Quizais, se traballaramos en conxunto facendo labores de axuda e se molestasen en solicitar axudas que teñen para este fin poderiamos conservar o rural e a paisaxe. Sería máis fácil para todos ca intentar perxudicarnos uns a outros. Segundo a lei, a labor dun TECOR vai moito máis aló ca xuntarse de fin de semana.

– Pensastes algunha vez en suprimir o millo para non seguir sufrindo perdas por ataques? Tedes probado con outros cultivos?

Non hai ou nós non coñecemos ningunha forraxe que poda substituír os valores nutricionais do millo, que evita quilos de concentrado. É máis, atreveríame a dicir que non hai ningún animal que non lle guste o millo. Ademais, é unha planta que ten unha produción alta por hectárea en datas que outras especies non soportarían o calor do verán.

Traballamos tamén con gramíneas porque é o que mellor se adapta a esta zona. Non temos a sorte de poder producir alfalfa ou similares, vivimos nunha zona de temperaturas extremas e non hai moitas opcións.

Con 430 vacas que muximos, non hai unha alternativa forraxeira viable que sexa mellor que o millo

Unha das criticas que sufrimos a menudo é que como se nos ocorre sementar millo en parcelas rodeadas de monte e maleza. Eu ata penso con ironía que teñen razón. Se para nós sería moito máis sinxelo plantar eucaliptos ou directamente non facer nada e deixar que no mes de agosto o lume faga o seu traballo.

Unha das críticas frecuentes é a de acusarnos de plantar millo ao lado do monte. Igual teñen razón e era mellor plantar eucaliptos ou deixar que o lume fixese o seu traballo no verán

En SAT Seixas o cultivo de millo é imprescindible para poder alimentar as 430 vacas que moxen

En SAT Seixas o cultivo de millo é imprescindible para poder alimentar as 430 vacas que moxen

Que fácil sería para nós ter un territorio e unha paisaxe ordenada e limpa, diferenciando o bosque das terras de cultivo, e dedicarnos a traballar no noso e non correr detrás dun xabaril. Incluso se poden habilitar zonas para este tipo de deporte, se así se quere. Hai monte e terreo para todos de sobra, pois cada vez somos menos, falta a orde.

Hai monte e terreos para todos e para facer o que se queira, porque cada vez somos menos. O que falta é a orde

– Hai máis gandeiros afectados na zona? Falastes con eles para facer unha fronte común a este problema?

Hai gandeiros afectados na zona e en todas partes, estou seguro. É mais, coméntanme moitos compañeiros que moitas explotacións cerraron, ou deixaron de sementar millo para vender por este motivo. Porque te desesperas, é unha situación que a veces te supera emocionalmente, pero non so iso, tamén están os accidentes de trafico, as enfermidades que transmiten ás nosas explotacións… Por onde pasan, arrasan todo tipo de especies.

Aparte de loitar nós por separado, tamén se creou APERFASA. No seu momento, unha asociación de perxudicados pola fauna salvaxe. Pero resúltanos moi complexo todo tipo de xestións, como algo tan sinxelo como acceder á Administración para manter conversas ou explicar a situación. Encontramos un montón de burocracia que enlentece ou frea medidas que se podían tomar para evitar esta situación.

Hai que informar destas situacións sen medo, aínda que traten de taparnos a boca. Hai que buscar solucións intelixentes e de cooperación e axudarse entre todos e, cando non sexa posible porque outras partes teñen outros intereses, pois ser moi resilientes.

Contra a vespa velutina, fíxose unha fronte común de toda a sociedade. Non entendo por que co xabarín non sucede o mesmo

Animo a todos os compañeiros que vivan esta situación, e tamén a estas persoas maiores que sementan as súas patacas e as súas plantas de millo para consumo propio ou para consumo dos seus animais, que o sigan facendo, pois axudan, e moito, a manter un rural vivo, organizado e libre de lume.

– O sistema de xaulas xa se demostrou como plenamente eficaz en cidades como Lugo e Ourense. Sería de utilidade na vosa zona? E o sistema de esperas e captura con arco?

Descoñezo o sistema de captura con arco, pero estou seguro que todo o que se poda aportar, fora do método tradicional, será benvido, pois hai que buscar solucións e non seguir co mesmo método ano tras ano, se sabemos que non funciona ou non se aplica de maneira correcta para que sexa efectivo.

O sistema de xaulas está demostrando que funciona. Este ano, debido aos problemas que tivemos, xa na sementeira falamos có Concello para que fixera a solicitude para o seu uso en parcelas. Teñen que facer eles a solicitude e todo o que sei é que, de momento, non recibiron resposta. Dende APERFASA xa se propuxo no seu momento que o sistema de xaulas podía ser unha opción.

Non sei se as xaulas e esperas con arco son a mellor solución. Pero o que se está a facer agora non funciona

Isto de non contestar é habitual. Eu mandei escritos ás dúas Consellerías ao longo distes anos e contestáronme nun caso que case preferían que non dixeran nada. Isto demostra o descoñecemento da situación e a falta de interese por resolver un problema que vai seguir arrastrando e condenando explotacións ao peche.

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas

– Ten habido avarías na maquinaria agrícola ou dificultades no traballo polo dano que causa o xabaril?

Temos vivido todo tipo de situacións, ten habido avarías nas maquinas tanto por restos de arames que se usaban polo peche como por terra e pedras levantadas polo xabaril ó fozar, e tamén enfermidades nos nosos animais.

Tamén por casos intencionados, poñendo nas espigas puntas de ferro xa que as maquinas que o colleitan teñen detector de metales e paran cando o detectan. Así que non e a primeira vez que temos que deixar parcelas ou cachos de parcelas sen colleitar por este motivo.

Este ano tivemos que resementar parcelas 5 veces. Estamos volvendo a ver mandas como hai 15 anos

– Os ataques prodúcense durante todo o ciclo do millo ou só a partir de que hai espiga?

Destrozar, destrozan ó longo de todo o ano, pero hai dous momentos máis complexos. A sementeira, que liña a liña levanta parcelas enteiras comendo a semente, é dicir, o gran. O outro, cando a espiga está en estado leitoso, porque é cando esta máis doce e máis lle gusta ao xabaril.

Este ano tivemos que resementar algunhas parcelas 5 veces. Isto hai anos que non pasaba, pero estamos volvendo ver mandas como hai 15 anos, e os estragos son similares. Na primeira inspección dos axentes ambientais neste ano, en 8 hectáreas valoraron 2 destrozadas.

Os ataques son especialmente agresivos durante a sementeira e cando a espiga acada o estado leitoso

Temos moi claro que antes de deixar de sementar millo pecharemos. E pecharemos porque pensamos que o camiño cada vez e máis claro: temos que ter as nosas propias forraxes para ser máis sostibles e traballar sobre a proximidade. Entendemos que a outra opción son eucaliptos, mato ou ir compralo a León, o cal nos desvía do noso traballo, que é manter un rural vivo e sostible no tempo.

Antes de deixar de sementar millo, pecharemos

– Describes situacións que non animan ao optimismo. Como pode ser o futuro desta e doutras explotacións tendo en conta os ataques da fauna salvaxe e do xabaril en particular?

Agora temos un problema co relevo xeracional. Obviamente, este tipo de situacións non axudan ao relevo. Os nosos fillos non son tontos, ven e viven a situación. Ser granxeiro é un traballo vocacional. Como moitos outros, vai no sangue e dende neno hai que sentilo.

Unha medida para o relevo pasaría pola formación e mais formación dos mozos. E que haxa axudas en función desa formación adquirida. Tamén se pode facilitar o modelo de transformación, é decir diversificar, apostar polas explotacións familiares e incluso relacionalas co turismo e que non sexa só producir leite para a industria.

Os montes que rodean SAT Seixas serven de acubillo para o xabaril

Os montes que rodean SAT Seixas serven de acubillo para o xabaril

Xente que, en teoría, son os nosos defensores dixeron, non hai moito, que unha das medidas para o relevo xeracional podía ser “alugar as explotacións a emigrantes”… en fin. Iso demostra o coñecemento que teñen as persoas que nos rodean. Segundo eles “representan e defenden os intereses da agricultura e a gandería en Galicia”… Sen comentarios.

E tamén quero citar unhas frases extraídas da Lei 13/2023 de Caza de Galicia para que se poida comparar o que di a lei e o que é a realidade:

“A lei persegue a sustentabilidade da caza en harmonía co medio rural no que se desenvolve”

“A caza é un instrumento importante para o desenvolvemento rural”

“A dinamización económica do mundo rural a través da explotación cinexética”

“Unha distribución máis xusta da responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información