“O volume de produción pasou de ser un dato a unha responsabilidade de cada axente”

O director xerente da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, considera que o sector lácteo debe aprender a convivir coa volatilidade de prezos. Destaca que as exportacións españolas de queixos medraron en máis de 360.000 toneladas desde o 2010

“O volume de produción pasou de ser un dato a unha responsabilidade de cada axente”

Luis Calabozo, director xeral da Fenil.

A volatilidade de prezos no sector lácteo, condicionada pola evolución da oferta e demanda a nivel mundial, chegou a Europa para quedarse a partir do 2008, cando comezou o desmantelamento do sistema de cotas. O fin das cotas, en marzo do 2015, non fixo outra cousa que afondar na mesma liña, segundo a valoración do director xerente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo. “Unha das consecuencias é que debemos a acostumarnos a convivir coa volatilidade e a imputar resultados positivos ou negativos no conxunto dun ciclo, que será maior que o ano económico”, valora.

Outra das cuestións a ter en conta, segundo Calabozo, é que a volatilidade non se refire só ós prezos do leite ou ós custos, senón ós volumes de produción, que é unha variable sobre a que, subliña, o sector si pode incidir. “A produción de leite deixou de ser un dato, como cando estabamos no sistema de cotas, para pasar a ser unha responsabilidade directa de cada axente do sector, xa sexa unha industria ou unha gandería. A demanda é a que decide”, conclúe.

Máis alá da coxuntura de crise actual, Luis Calabozo analiza as perspectivas de futuro do sector lácteo en España de acordo coas previsións mundiais de aumento da demanda ao longo dos próximos anos. O director xeral da Fenil considera que hai un escenario de “oportunidades” e plantea unha serie cuestións de análise, segundo se recolle nun artigo que se publicou no libro ‘El sector lácteo en la encrucijada’, editado polo Grupo Caja Rural e presentado recentemente. Resumimos a continuación a súa análise.

Ten España menor prezo do leite que o resto de Europa?
“España non é unha excepción e, en termos xerais, móvese nos mesmos niveis, cando non por riba, de países líderes en volume como Alemania ou Francia”, defende Calabozo, que esgrime un gráfico no que amosa as similitudes de cotizacións nos tres países, sempre en base a leite estandarizado a 3,7 de graxa e 3,1 de proteína.

En España hai déficit de produtos lácteos?
“Rotundamente non. Somos un mercado plenamente abastecido, pero reservado historicamente en preto dun 30% para o leite e produtos lácteos, fundamentalmente queixos, producidos polos nosos veciños europeos, xa que a cota de leite asignada a España non permitía cubrir o mercado cos nosos produtos”.

Coa supresión das cotas, “aumentar a nosa porcentaxe de mercado vía competitividade sería un obxectivo” -defende Calabozo-. “Por outra parte, a nosa conexión co exterior vía exportacións e importacións fainos partícipes e cautivos dos mesmos desequilibrios de oferta e demanda do resto de Europa”.

Está a industria láctea española pouco diversificada?
“A industria láctea española non realizou suficiente esforzo inversor e, consecuentemente, non está suficientemente diversificada”, recoñece Calabozo, que precisa que os investimentos realizados estiveron en consonancia coa dispoñibilidade de leite que permitía a cota.

Desde o 2010, sen embargo, o director xerente da Fenil apunta que as cifras de mercado das industrias españolas revelan que están a aumentar exportacións e a gañar peso no mercado interior. Dous datos. As exportacións de queixos case se duplican no periodo 2010-2016, aumentando en máis de 360.000 toneladas (en leite equivalente). En canto ás importacións de lácteos, desde o 2012 baixaron en 445.000 toneladas (en leite equivalente).

Caída do consumo de leite en España
O problema que máis preocupa á Fenil é a progresiva caída do consumo de leite en España. “É o reto máis importante ó que nos enfrontamos. Calquera estratexia individual ou sectorial debe centrar os seus esforzos en recuperar de xeito importante o consumo interno”, destaca Luis Calabozo. “Segundo datos de Simphony-IRI, o consumo total de leite e produtos lácteos está baixando a un 3% anual nos últimos 18 meses, unha cifra que chega ó 6% en leite líquido clásico de consumo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información