O viticultor Pepe Estévez, premio “Vida entre vides” da DO. Ribeiro

Publicidade
O viticultor Pepe Estévez, premio “Vida entre vides” da DO. Ribeiro

José Estévez, e o seu fillo Mauro na Galiana, o viñedo máis grande e moderno da súa adega familiar

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro recoñecerá este ano co Premio Vida entre Vides o labor realizado polo viticultor Pepe Estévez Fernández, e o traballo de difusión que leva a cabo desde fai máis de dez anos HUM!, a revista de viños e gastronomía que recibirá o Premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Os galardóns entregaranse no transcurso dunha gala prevista para o día 16 de xuño, ás 19.00 horas, no Centro Ágora da Coruña, onde tamén serán premiados Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, Persoeiro de Honra; a sumiller Pilar Cavero, Muller e Viño, e a investigadora Emilia Díaz Losada, Ribeiro en Nós.

Coa entrega do Premio Vida entre Vides, a D.O. quere distinguir a un home que “representa o que o ribeiro necesita, que é unha continuidade no tempo, xeración tras xeración”, tal e como sinalou o presidente da entidade, Juan Manuel Casares, encomiando o traballo do viticultor de Arnoia.

Por outra banda, a D.O. premiará á revista HUM! polos seus máis de dez anos de traxectoria, sendo “un dos factores fundamentais da explosión da enogastronomía en Galicia”, polo que recibirá nesta edición o Premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Ademais, na mesma gala entregaranse tamén os Premios Mellor Servizo de Viño en Restaurante, Tenda Especializada – Vinoteca, e Taberna – Bar de Viños, así como os galardóns aos mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, que como é habitual serán elixidos na cata oficial.

Pepe Estévez Fernández, Premio Vida entre Vides

Pepe Estévez Fernández iniciou a súa andaina profesional á beira do seu pai, José Estévez Álvarez, quen polo ano 1940 empezou a elaborar os seus propios viños coas mellores uvas dos seus viñedos, embotellando parte para o seu consumo e vendendo o resto aos corredores da zona.

E será precisamente o seu fillo Pepe, quen lle suxeriría ao seu pai a necesidade de avanzar nos métodos e formas de elaboración, así como do embotellado e etiquetaxe do seu viño para poder comercializalo despois dunha forma correcta e deixar constancia da gran calidade dun viño da D.O. Ribeiro. Así, a día de hoxe, Pepe Estévez Fernández continúa dita labor xunto ao seu fillo Mauro, traballando 2,5 hectáreas de viñedo distribuídas en 16 pequenas parcelas nos dous vales de Arnoia.

HUM! Revista de viños e gastronomía, Premio Mellor Tarefa de Comunicación

HUM!, que o pasado ano celebrou o seu décimo aniversario, é unha revista semanal sobre viños e gastronomía que se entrega xunto co xornal La Voz de Galicia os domingos. Trátase da publicación perfecta para os amantes do bo comer e beber, que ofrece as mellores ideas para gozar dos sentidos, abordando nas súas páxinas temas relacionados coa gastronomía no sentido máis amplo, adegas, viños, produtos da terra e do mar, maneiras de cociñalos e un longo etcétera.

Actividades ao redor dos viños da D.O. Ribeiro

Do mesmo xeito que na pasada edición, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro organizou un completo programa de actividades que darán comezo o día 13 na Coruña, a fin de achegar os viños da D.O. ao público. Así, na sede de Afundación, do 13 ao 17 de xuño celebrarase o Túnel dos viños da D.O. Ribeiro, que permanecerá aberto ao público no salón Planta -1, en horario de 12.00 a 14.30 horas. Ademais, do 13 ao 15 tamén poderá visitarse en horario de tarde, entre as 19.00 e as 21.15 horas.

Por outra banda, no Centro Ágora e ao longo desa mesma semana, celebraranse diferentes catas nas aulas da 1ª Planta, en horario de 20.15 a 21.30 horas. A primeira delas, prevista para o día 13, centrarase nos treixadura, tanto brancos como tostados, e será conducida por Alejandro Paadín. O día 14 Alberto Varela dirixirá a cata de viños tintos de castes, mentres que ao día seguinte Nati Cid conducirá a cata titulada Viños de Mulleres. Tanto o túnel como as catas serán con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

As actividades finalizarán o venres 17 co acto de clausura previsto para as 20.15 horas na sede Afundación, sendo o acceso ao mesmo con invitación, do mesmo xeito que para a gala de entrega de premios do día 16.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información