“O viño fano a natureza, a cepa e o lugar. A nós tócanos non equivocarnos”

Manuel Docampo é o único viticultor e adegueiro en ecolóxico da Denominación de Orixe Valdeorras. Elabora cada ano arredor de 10.000 botellas coa marca 'Bacelos de Biobra', un tinto multivarietal de mencía cunha pequena porcentaxe de tempranillo

Publicidade
“O viño fano a natureza, a cepa e o lugar. A nós tócanos non equivocarnos”

Viñedos de Manuel Docampo en Biobra (Rubiá), na serra da Enciña da Lastra. / Imaxes: Cedidas.

Manuel Docampo, viticultor e adegueiro na Denominación de Orixe (D.O.) Valdeorras, centra a súa filosofía de traballo en conservar a esencia do viño, “sen correccións nin alteracións”. Traballa en ecolóxico desde os seus comezos na viticultura, no 1999, cando plantou dúas hectáreas de viñedos en Biobra (Rubiá), un lugar ubicado a media altura, sobre os 650 metros, en pleno parque natural da serra Enciña da Lastra. Catro anos despois, no 2003, sacaría o seu primeiro viño ó mercado, un tinto ecolóxico e sen sulfitos, a mesma liña na que continúa traballando na actualidade.

O seu viño é un tinto multivarietal de mencía, unha das variedades preferentes da denominación, cunha pequena porcentaxe de tempranillo. Docampo incide no coidado da uva como a base fundamental do seu labor. “O principal é ter un material san e de calidade, coas uvas maduras. Eu son da idea de que a natureza é a que fai o viño. Natureza, cepa e lugar. A nós tócanos non equivocarnos”, valora.

“O viño Bacelos de Biobra caracterízase por conservar os aromas primarios íntegros. Como din os vellos, ten sabor a viño” (Docampo)

‘Bacelos de Biobra’, a marca coa que embotella, trata de manter esa esencia do viño. “Caracterízase por conservar os aromas primarios íntegros. Como din os vellos, ten sabor a viño”, subliña Manuel, que considera que as correccións enolóxicas xerarían unha perda de aromas primarios no produto final. “Non é que non considere que os enólogos son importantes, que si que o son, aínda que eu non traballe con ningún, pero non son o fundamental do viño”, defende.

Produción
Cando plantou os seus viñedos, Docampo decantouse pola mencía como variedade principal, que complementou cunha pequena porcentaxe do 10-20 por cento de tempranillo. “A uva mencía fai un viño un pelín doce, agradable, que necesita algo de rusticidade, outra variedade que axude para facer un viño máis completo”, considera. “Daquela optei polo tempranillo, principalmente porque madura ó mesmo tempo que a mencía e pódese vendimar á vez. En Valdeorras, o tradicional era complementar a mencía coa garnacha tintorera, pero a garnacha é unha uva que madura máis tarde, o que representa un problema”.

Unha xoaniña, depredadora de pragas, nun bacelo en Biobra.

Unha xoaniña, depredadora de pragas, nun bacelo en Biobra.

Cada ano Manuel Docampo elabora unhas 10.000 botellas, case todo viño xove, salvo unha pequena parte que envellece en cubeta de carballo durante 3 meses. “É unha experiencia que iniciei estes últimos anos e vexo que gusta. Dálle ó viño outro toque, máis suave, cuns tonos a madeira”, analiza.

A súa oferta complétase con augardente e licores tradicionais (licor café, de herbas e crema de licor), tamén ecolóxicos, que elabora con dous potes tradicionais a partir da destilación do seu propio bagazo.

Saúde
O elemento diferencial dos viños de Manuel Docampo é a súa produción en ecolóxico, un argumento que se reforza coa non adición de sulfitos para conservación do produto. “Para min o fundamental é que fago un viño máis san. Non entendo como se pode falar da calidade dun viño sen valorar a súa salubridade”, cuestiona. “Eu entendo o viño como un alimento, con carácter de acompañar as comidas, que é un concepto que se perdeu e penso que esa perda foi a que levou á redución de consumidores”, reflexiona.

“Para min o fundamental é que fago un viño máis san. Á hora de falar da calidade dun viño, hai que valorar a súa salubridade”

O viticultor avoga por manter o viño como un produto popular, non elitista. “Ás veces atópome con xente que é consumidora habitual de viño pero que me di que non entende de viños. Estas persoas é certo que non teñen os conceptos nin a literatura dun crítico de viños, pero si saben o que lles gusta. A min gústame o que me gusta”, conclúe Docampo.

Mercado
A principal vía de comercialización de ‘Bacelos de Biobra’ son persoas particulares que lle fan encargos directos á adega. Desde o seu inicio no mundo do viño, Manuel Docampo acude a feiras ecolóxicas, artesáns e do sector do viño nas que foi tecendo unha rede de clientes estables. “O fundamental segue a ser o boca a boca”, valora.

Alambiques de destilación do bagazo.

Alambiques de destilación do bagazo.

As tendas que traballan produtos ecolóxicos e a restauración tamén ligada ó bio completan o seu mercado, aínda que Docampo considera que son segmentos aínda moi verdes. “En ecolóxico, o viño segue sen valorarse como uns tomates ou unhas verduras . Queda moito por avanzar”.

A súa principal área de venda é Galicia e Asturias, aínda que tamén comercializa unha pequena parte para Gran Bretaña. A ausencia de sulfitos no viño, destaca Manuel, non é un problema para que o produto viaxe: “Hai unha lenda urbán sobre que o viño sen sulfitos non pode viaxar e non ten ningún problema. Un viño acabado, estabilizado e filtrado consérvase perfectamente. Bacelos de Biobra ten unha duración de tres anos sen deteriorarse. O segundo ano diría que é case positivo”, sinala.

Unha primavera de mildiu, herba e xabarín

As chuvias desta primavera complicaron moito o cultivo do viño en toda Galicia, unha situación que tamén se viviu na D.O. Valdeorras. “O mildiu veu este ano moi agresivo e causou moitos danos en todo o val de Valdeorras. A min chegoume máis tarde, porque estou nunha zona alta e ventilada, pero tamén me afectou”.

En produción ecolóxica, o cobre é o único produto que se pode usar no tratamento contra o mildiu. “Nunca tivera que aplicar tantas mans de cobre como este ano”, admite Docampo, que apunta a que as perdas no conxunto da D.O. Valdeorras superarán probablemente o 30 por cento. “Quizais se chegue ata o 50%”, pronostica.

“O porco bravo comeu as uvas cando aínda estaban duras coma chícharos”

Outro problema que tivo o viticultor foi a proliferación de herba na primavera. Tivo que esperar ata que as chuvias lle deixaron entrar nos viñedos para aralos e para facerlles o pé ás cepas, unha práctica que consiste en excavar arredor dos bacelos para despois amontonar a terra. “É un labor que vén de antes e que eu conservo. É fundamental para que as cepas duren e as raíces tiren para baixo e non queden na superficie”.

Porco bravo

As chuvias da primavera, valora Manuel Docampo, repercutiron tamén nunha menor dispoñibilidade de comida para o xabarín, que este ano se foi ás uvas verdes cando aínda eran “duras como chícharos”.

“Esta é unha zona na que hai bastante cereixa no monte, pero esta campaña non se deu e o xabarín dispuña de pouco alimento. Temos un problema moi grande con eles porque son animais capaces de tirar os cercados de arames e non é sinxelo contelos. Hai ademais un número como nunca se viu na comarca. O porco bravo é, sen dúbida, un dos problemas máis serios que temos no campo galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información