“O viño e a paisaxe do Val do Limia é moi diferente, imos traballar para lograr unha IXP”

Recuperar da forma máis profesionalizada posible o cultivo das videiras, apostar por viños de calidade, desenvolver proxectos agro-empresariais e, co andar do tempo, obter o recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Son os obxectivos da Asociación de Viticultura do Val do Limia (AVVL), que ven de crearse nos concellos ourensáns de Lobios, Entrimo, Muíños e Lobeira. Xa mantiveron encontros con especialistas en viticultura e programaron diferentes actividades para este ano. Falamos cun dos seus responsables, Lino Perdiz, sobre a situación de partida e os obxectivos agrícolas, comerciais e sociais.

Publicidade
Lino Perdiz na parroquia de Barxes (concello de Muiños), onde había bastante viñedo ata os anos 70 e 80, sobre todo nos camiños e lindeiros de fincas. Foto: Cedida

Lino Perdiz na parroquia de Barxes (concello de Muiños), onde había bastante viñedo ata os anos 70 e 80, sobre todo nos camiños e lindeiros de fincas. Foto: Cedida

Recuperar da forma máis profesionalizada posible o cultivo das videiras, apostar por viños de calidade, desenvolver proxectos agro-empresariais e, co andar do tempo, obter o recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Son os obxectivos da Asociación de Viticultura do Val do Limia (AVVL), que ven de crearse nos concellos ourensáns de Lobios, Entrimo, Muíños e Lobeira. Xa mantiveron encontros con especialistas en viticultura e programaron diferentes actividades para este ano. Falamos cun dos seus responsables, Lino Perdiz, sobre a situación de partida e os obxectivos agrícolas, comerciais e sociais.

Por que e para que nace esta asociación e por que neste momento?
A viticultura nesta zona do Val do Limia está rexistrada dende a Idade Media e foi un puntal da economía. Pero a emigración e a construción dos encoros de Lindoso e das Conchas fixeron que se abandonara ou quedara reducida a autoconsumo. Hoxe quedan unhas 65 casas nas que se segue facendo viño, das cales algo máis de 20 están integradas na AVVL. Hai persoas que teñen interese en montar pequenas adegas e non poden nin ter dereitos de plantación ou de subvención porque non hai aínda nada regulado. Ese é un dos motivos polos que creamos a asociación. O primeiro que hai que facer é saber cantos litros se producen e canto terreo está dedicado a viñedo. E tamén saber cal sería a capacidade produtiva e as hectáreas que se poderían abranguer nun futuro. Neso estamos.

O noso principal referente é a IXP Terras do Navia. Porque os terreos e o clima son moi similares e porque tamén partían dun cultivo que quedou moi mermado. De feito, aquí xa hai quen plantou branca lexítima, a caste propia do Navia, e con moi bos resultados.

Ademais, queremos potenciar as castes autóctonas, que son as que poden facer un viño diferenciado e con mellor aceptación. E é que nalgún tempo a necesidade levou a que se trouxeran variedades de peor calidade peor maior produción, como eran o palomino ou o alicante.

Cales son as características dos viños do Val do Limia?
Aquí facíase maioritariamente tinto xoven. E tamén moita mestura con predominio das castes tintas sobre as brancas. Hoxe é máis ou menos igual. O que si temos é unha ampla variedade de castes por estar lindeiros ou moi próximos con zonas de forte tradición como o Ribeiro, Monterrei ou as comarcas portuguesas do Barroso e Montalegre, As cepas máis vellas -nalgúns casos de 200 anos- son de mencía, garnacha, merenzao, caíño e sousón en tinto e de espadeiro, ibado ou treixadura en brancos. Pero nos últimos tempos tamén se plantou godello, xerez, touriga, roriz…Por eso estamos a realizar catas para dar coas combinacións máis axeitadas. Non se trata de elaborar viños uniformes pero si que sigan unha certa pauta.

Para as maridaxes, o habitual é consumilos coa caza, que aquí era moi abondosa, e cos produtos da matanza e salazóns do porco. Aínda que haberá que investigar outros posibles pratos cos que tamén encaixen.

Zonas da comarca da Limia veñen de ser declaradas vulnerables a nitratos. Temen que a actividade agro-industrial poida afectar os viños ou que a propia palabra “Limia” poida levar a dubidar da calidade dos viños?
Para nada. Rotundamente non. Esta é unha zona deprimida e con moi pouca actividade. En 25 anos pasamos de 30.000 a 6.000 habitantes. Nesta parte non hai concentración de granxas de porcos ou grandes plantacións de pataca e cereal que requiren do uso de produtos químicos e teñen un nivel de emisións de nitratos que hai que controlar. O que temos é unha incipiente gandería de vacún en extensivo e algo de produción horticola e froiteira. E, agora, unha aposta polo viño.

En canto o termo “Limia”, non é algo que valoremos nin para ben nin para mal. A Limia é moi extensa e ten zonas moi diferenciadas. Estes concellos son o Val do Limia e non lle imos cambiar o nome. Máis aínda, temos o Val do Lima portugués, que é unha continuación da nosa terra e onde xa se producen viños de alta calidade a gran escala. En breve estableceremos contactos cos veciños portugueses para buscar asesoramento e fórmulas de colaboración.

Aínda que o proxecto acaba de comezar, xa teñen pensado no enoturismo e na elaboración de augardentes e destilados como posibles recursos?
Aquí hai xa catro albergues, un balneario en Lobios e bastantes casas de turismo rural. Incluso abriu hai pouco un aloxamento e casa de comidas en Porqueirós, unha aldea que levaba tempo abandonada. Así que, sen ser masivo, si que hai un crecente turismo. Se a eses turistas que veñen nas fins de semana ou nas vacacións somos quen de ofrecerlles a posibilidade de visitar unha adega ou viñedo ou mesmo participar nalgún dos traballos da viña, cumpriremos un dobre obxectivo: por un lado ampliar o atractivo turístico da zona e, por outro, facer promoción dos nosos viños entre os visitantes. Porque o boca a boca segue sendo unha ferramenta moi útil.

En canto aos destilados, mantense nalgunhas casas a produción de augardente para autoconsumo ou para regalar a veciños ou amigos. Hai que destacar que estudos de especialistas como Paco Rego sinalan que a augardente desta zona é unha das tres mellores de Europa. Especialmente a do lugar de Ganceiros, en Lobios. Antigamente facíase intercambio de produtos entre os veciños das zonas máis elevadas, que traían trigo e centeo, e os das máis baixas, que traían produtos da ribeira. Ganceiros era un punto de encontro e a augardente unha das mercadorías máis valoradas. Hoxe mantense un certo nivel de produción e si que consideramos que será un recurso moi importante en toda a zona se os proxectos van adíante.

Na provincia de Ourense hai tres Denominacións de Orixe vinícolas (Valdeorras, Monterrei e Ribeiro), a metade doutra (Ribeira Sacra) e unha IXP (Val do Miño-Ourense). Cren que hai espazo para outra figura legal como a IXP que pretenden crear, tendo en conta que o consumo mundial de viño baixa cada ano?
Dende o punto de vista burocrático, non depende de nós. A ver o que nos van decindo a medida que acheguemos documentación. O que está claro é que esta zona está moi escorada dentro da provincia e que temos un clima moi particular. Aquí fai moito frío e moita calor. E, sobre todo, chove moito; a zona da Portela do Home é unha das máis chuviosas de Europa. Incluso dentro do Val do Limia temos climas moi diferentes, o que equivalería ás subzonas noutras zonas de viño.

Respecto do mercado e a competencia coas DO e a IXP, non o podemos valorar aínda. A produción é moi pequena de momento. Supoñemos que empezaremos no mercado de proximidade e, sobre todo, na hostalería. Que o consumo vaia ben ou mal non é algo que nos vaia afectar no comezo xa que partimos de cero. O mercado non foi no primeiro que pensamos cando iniciamos o proxecto, se ben non imos negar que sexa importante. E, sobre a baixada de consumo, cremos que hai países como os do norte de Europa onde irá aumentando.

Como é o traballo nos viñedos desa zona? Está moi mecanizado?
Ante todo hai que decir que aquí seguimos traballando unha importante cantidade de parras. Hai lugares en que se podan as árbores para usalas como soporte das parras. A da parra é unha imaxe propia do Val do Limia. Eses viñedos de vello trabállanse case todos de xeito manual polas reducidas dimensións das parcelas e o pouco volume de produción. Pero as plantacións novas xa permiten o uso de motocultores ou tractores de pouco tamaño e xa están en espaldeiras, que é o máis acaído de cara ao futuro. Tamén hai que diferenciar entre zonas de socalcos similares aos da Ribeira Sacra e zonas máis chairas e fáciles de traballar no fondo do val. Hoxe quedan moitos terreos dispoñibles porque se abandonou o cultivo do millo, que foi unha grande fonte de riqueza, e esas parcelas son asequibles e axeitadas para producir viño. O tipo de solos é moi variado e temos viñedos en zonas areosas, arxilosas e de limo.

Polo de agora non contamos con empresas de servizos técnicos á viticultura, pero estamos traballando con asesores que nos guían nestes primeiros pasos. A falta de man de obra que hai noutros sectores non é un problema porque, polo de agora, non é necesaria. Veremos máis adíante.

 “O viño e a paisaxe do Val do Limia son moi diferentes”

Viñedo en Ganceiros, no concello de Lobios. Foto: Cedida

Viñedo en Ganceiros, no concello de Lobios. Foto: Cedida

Para poñer en marcha a IXP e a profesionalización da viticultura, os viticultores do Val do Limia están a contar o asesoramento de FRUGA-AGV. Un dos seus técnicos, Xavier Monteagudo, explica que aínda é cedo para coñecer a produción actual e a capacidade futura. “É importante saber o que xa hai pero tamén estudar a zona para calcular o número de hectáreas viñificables e canto poden chegar a producir. Foi o que fixemos nas IXP do Navia e o Morrazo.” O que sinala Monteagudo é que a mecanización é posible e desexable. “Nalgúns dos viñedos vellos é difícil empregar maquinaria; para facelo habería que arrincar as parras e sustituilas por cepas novas, pero perderíanse plantas de alto valor. Nas plantacións novas, hai terreo abondo e dispoñible para facelas totalmente mecanizadas, que é mellor opción en canto a aforro de custos e tempo.”

O técnico de FRUGA-AGV non ve problemas en que chegue a haber seis figuras de recoñecemento xeográfico vinícola na provincia de Ourense. “As DO que xa hai son moi diferentes entre si tanto na orografía, tipo de solo e clima como no viño que se elabora en cada unha. Só entre o Ribeiro e a IXP Val do Miño-Ourense pode haber unha similitude. E, dende logo, o Val do Limia é moi diferente do resto.” E tampouco considera que o nome de Limia poida influir negativamente por estar vencellado á agricultura e gandería intensivas. “O viño é paisaxe do Val do Limia é moi diferente da de Xinzo. Tócalle os viticultores poñer en valor esa paisaxe e asociala con viños de calidade.”

A baixada do consumo de viño non preocupa especialmente a Monteagudo. “É certo que hai unha caída global, sobre todo de tintos. Pero hai que matizalo porque non afecta nin por igual nin a todos. Nós observamos que as IXP galegas incrementan as vendas cada ano. Por ser a novidade, por ser produtos escasos, pola alta calidade…polo que sexa, pero aumentan. Así o estamos a ver nas Terras do Navia e no Morrazo. Esto contrasta coas DO máis pequenas, que o están pasando mal.”

O punto de partida é unha das fortalezas do viño no Val do Limia. “Aquí falamos de máis de 20 viticultores e dunha ampla variedade de castes que se mantiveron no tempo. Nas Terras do Navia comezamos cunha adega minúscula e un pequeno proxecto familiar. E cada ano hai incorporacións. Aparte de que en Negueira de Muñiz hai 200 habitantes e aquí 6.000. As condicións son boas e hai que aproveitalas. E non esquezamos que o viño sempre xera riqueza alá onde se cultiva.” Tampouco desbota o técnico a creación dunha cooperativa de viticultores, que considera unha opción factible xa que permitiría socializar os gastos e investimentos. E deixa claro que a aposta inicial debe ser o mercado de proximidade.

No que non é optimista o técnico de FRUGA-AGV é na obtención da IXP a curto ou medio prazo. E cita de novo o exemplo das Terras do Navia, que comezaron o proceso administrativo en 2012 e non obtiveron o recoñecemento ata 2023. “O importante é que as administracións saiban que nesa zona se produce viño. Un viño diferente e de calidade. Unha vez que o saben, xa elas fan por regularizar a situación. Eso si, hai que ser conscientes de que é un proceso longo e tedioso que se sabe cando comeza pero non cando acaba.”

Catas para perfeccionar e promocionar o viño e unha festa ou feira no verán son algunhas das actividades nas que xa traballan dende a AVVL.

Viñedo en Ganceiros (Lobios). Foto: Cedida

Viñedo en Ganceiros (Lobios). Foto: Cedida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información