“O viño branco do Ribeiro ten moi boa demanda, non damos producido o que nos pide o mercado”

Falamos con Fernando Cibeira, que se incorporou hai 4 anos como viticultor no Ribeiro. Coñecemos os seus viños e o manexo que fai do viñedo. A colaboración entre viticultores da zona permíteslle sacar adiante o proxecto naquelas zonas onde a maquinaria non accede

Publicidade
“O viño branco do Ribeiro ten moi boa demanda, non damos producido o que nos pide o mercado”

Fernando Cibeira, colleiteiro do Ribeiro, nun dos seus viñedos.

Coñecemos a Fernando Cibeira, un mozo do Ribeiro que se incorporou á actividade vitícola hai 4 anos. Tomou o relevo nos viñedos familiares e comezou tamén a elaborar viños especiais, producidos a base de mosto bágoa, que comercializa baixo a marca Outeiro de Barra.

-Como comezaches co viñedo?
-Venme de tradición familiar. Meu avó xa tiña viñas, despois seguiu meu pai e eu axudáballe cando podía. Meu pai tíñaas como unha segunda actividade, xa que el traballaba na industria do automóbil en Vigo e cando se xubilou tomei eu o relevo. Así é que eu levo co viñedo dende hai 4 anos. Cando comecei xa tiña algúns clientes, xa que meu pai vendía algún viño e tamén dispoñía de maquinaria.

-En concreto, onde están situados os teus viñedos?
-Os máis antigos, os de meu avó, están nas Regadas. Alí teño uns 6.000 metros cadrados. Moitos deses viñedos xa foran herdados de miña bisavoa. Mesmo o bisavó de meu pai xa traballara nos viñedos, só que daquelas non eran en propiedade e cando puideron foron mercando algúns viñedos.

Despois teño en Beade viñedos máis novos, cuns 14 anos, que foron plantadas por meu pai. Dende que collín eu os viñedos plantei varias parcelas. En total traballo unhas 3 hectáreas de viñedo.

-Reivindicas que os teus viños son de colleiteiro, que significa para ti ser colleiteiro? Que queres que a xente asocie ós teus viños deste xeito?
-Son viños elaborados só coas uvas das túas propias fincas, non podes mercar máis e iso ten o valor engadido de que en todo momento sei o proceso e o estado das miñas viñas. Sendo colleiteiro séguelo proceso dende o comezo no viñedo ata a elaboración do viño e mesmo o momento final en que vendes o viño. Contrólalo en tódalas fases, de aí que sexa especial e que tamén poidas transmitírllelo ó cliente, xa que coñeces todo o proceso que experimentou o teu viño.

“Nas parcelas máis antigas traballo como antigamente, xa que non entra nin o tractor”

-Buscas traballar os viñedos dun xeito tradicional?
-Nas parcelas máis antigas traballo como antigamente, xa que non entra nin o tractor. Faise todo a man, dende a cava ata a aplicación de tratamentos fitosanitarios, que facemos coa mochila ó lombo. Nas viñas máis novas, as últimas que plantamos, xa temos acceso para a maquinaria, pero aínda que sexa co tractor son de traballar cun manexo tradicional. Así, é que nós cavamos todos os viñedos, nos que entra a maquinaria pásolle primeiro a fresa e logo cavo a man só á beira da cepa. Deste xeito en 3 anos tes a viña feita, mentres xente que plantou a viña hai 8 aínda non a ten producindo a pleno rendemento.

-Hai moitos viñedos con esa limitación para acceder ás fincas?
-Nas Regadas xa só quedamos 4 ou 5 veciños, o resto de viñedos foise abandonando, aínda que é das mellores zonas para as cepas. Estou rodeado de monte. Onde mellor terreo había para ter viñedos están quedando ermas pola falta de acceso e polo alto prezo que piden polas parcelas. Agora están plantando viñas no medio do monte, onde nunca houbera viñedo, xa que isto permitiulles preparar 50 ou 60 hectáreas xuntas, con bos accesos e que foron mercados a un prezo moi baixo da terra.

-Nas plantacións que realizaches que variedades escolliches?
-Principalmente plantamos Treixadura, pero tamén Albariño e Godello. Ademais metín tinto con variedades como Brancellao e Sousón.

-Barallas seguir ampliando os viñedos a curto prazo?
-Polo momento non conto plantar máis viñedo. Quero seguir traballando eu en todo o proceso e se planto máis non podo facelo. Tería que contratar persoal e non hai. A xente que tiña viñedo foi abandonando a terra e marchou para empresas de fóra e agora non queda quen traballe nas viñas. Aquí no pobo somos un grupo de xente moza que estamos implicados no viñedo e imos traballando uns cos outros. O outro día fomos todos para plantar o viñedo dun deles e cando é a vendima tamén o facemos. Senón non hai xeito de facelo, polo que tampouco penso en plantar máis.

“Comezamos coas variedades brancas pola demanda do mercado e non damos feito a producir todo o que piden”

-O Ribeiro é terra de viños multivarietais, ti es bo exemplo diso tanto no teu branco coma no tinto, con variedades mesmo minoritarias como o Torrontés que combinas con Godello, Albariño e Treixadura. Por que comezaches cos brancos?
-Nas viñas da familia nunca tiveran viños brancos, pero comezamos a ver que había demanda deles e fomos plantando. Nas Regadas, de onde era meu avó e onde teño a adega era terra de tintos. A viña máis vella que teño de branco non ten máis de 12 anos, mentres que as cepas de tinto teñen 80 anos. Comezamos coas variedades brancas pola demanda do mercado e non damos feito a producir todo o que piden.

-Na adega tamén sorprendes coas elaboracións, como te decidiches a facer viños con mosto bágoa?
-Cando comecei coa adega eu quería seguir mantendo o viño que estaba facendo xa meu pai e para o que tiñamos unha clientela, pero tamén probar a elaborar un viño máis especial. Foron os enólogos os que me falaron do mosto bágoa e empecei a destinar unha parte dos viñedos para este viño. Trátase de coidar a elaboración, pero tamén mimamos moito a uva que levamos. Agora vendimamos todo en caixas, para que a uva chegue o mellor posible á adega. Ademais, ó ser colleiteiros permíteche tamén adaptar os ritmos da adega. Por iso vendimamos pola fresca, paramos nas horas centrais e retomamos a partir das cinco da tarde, prolongando a tarde, para ter a uva nas mellores condicións, o que te anima a seguir facendo ben as cousas.

-Que aporta esta elaboración?
-Estamos facendo maceración en prensa, cunha prensa que leva uns 2.500 quilos de uva e fago dúas prensadas ó día, sobre todo este ano que a vendima se fixo de xeito tranquilo, xa que non ameazaba choiva. No caso dos brancos deixámolos 5 horas na prensa para que todos os aromas da froita pasen ó viño.

-Que produción tes de cada un dos viños?
-De Outeiro de Barra teño uns 3.000 litros de branco e 3.300 litros de tinto.

-Outeiro da Barra fai referencia ó lugar dos viñedos ou hai outro motivo para este nome?
-É o nome da nosa finca máis antiga, a que máis historia ten na familia. A meu pai tamén lle gustaba moito ese nome e como el segue moi vinculado e ilusionado co viñedo decidinme por ese nome.

“Tódolos anos estou sacando o viño cedo da adega, o ano pasado en xaneiro xa rematara o viño”

-Están tendo boa acollida estas elaboracións no mercado?
-O ano pasado xa rematara o viño en xaneiro. Por sorte, tódolos anos saco o viño cedo da adega, estou traballando con colleitas, é viño do ano. Por agora tampouco estou entrado con novos clientes xa que non teño suficiente produción. Eu traballo directamente con hostalería e teño algunha clientela fixa.

-Valoras nalgún momento facer viños de crianza?
-Téntame a idea, pero comezarei a facelo o día de mañá cando teña máis produción, agora mesmo estou moi curto de produción.

-Como valoras o apoio que tiveches por parte da Administración para a túa incorporación ao agro?
– Tiven unha axuda cando me incorporei e despois tamén tiven outra para a compra de maquinaria, o que me permitiu adquirir unha trituradora para os viñedos, un atomizador e outros apeiros. Estamos investindo moito en maquinaria, porque de nada serve ter unhas moi boas viñas se despois non dispós do equipo axeitado para elaborar o viño e viceversa, por moita máquina que teñas se non coidas o viñedo non lograrás un bo viñedo.

Teño moi boa maquinaria que fomos conseguindo a moi bos prezos en Francia ó mercala de segunda man

-Tes moita inversión feita en maquinaria?
-Si é verdade que se precisa tanto para os viñedos como para a adega. Agora estou pendente de mercar un tractor, pero a verdade é que todo o que teño na adega é de segunda man, xa que meu pai polo traballo viaxaba moito a Francia e alí mercaba moita maquinaria. Cando meu pai trouxo as tesoiras de poda eléctricas o veciños sorprendéranse moito porque aquí aínda non se usaban moito. Teño maquinaria moi boa que fomos conseguindo a moi bo prezo ó ser de segunda man.

-Que retos tes a curto-medio prazo?
-En canto as últimas fincas que plantei comecen a producir terei que comezar a traballar cun distribuidor, que se encargue da comercialización do viño e deixar de facelo de xeito directo, xa que pasarei dos 3.000 litros a producir uns 10.000 ou 12.000 litros e xa non me chega o tempo para levar tamén a venda directa.

Una idea sobre ““O viño branco do Ribeiro ten moi boa demanda, non damos producido o que nos pide o mercado”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información