O vindeiro luns remata o prazo para solicitar as axudas pola couza da pataca

Publicidade
O vindeiro luns remata o prazo para solicitar as axudas pola couza da pataca

Pataca afectada pola Couza Guatemalteca

O vindeiro luns, 2 de outubro, remata o prazo para solicitar as indemnizacións pola destrución de pataca afectada pola couza guatemalteca nas zonas infestadas, tal e como establecía a orde de axudas da Consellería do Medio Rural publicada o pasado 26 de abril no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O orzamento previsto para esta liña de achegas é de 250.000 euros e nela establécense as compensacións por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena, en concreto pola detección de Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) no norte das provincias da Coruña e Lugo e aparición de focos do fungo Fusarium circinatum, causante do chancro resinoso do piñeiro.

No caso da couza da pataca, o baremo de indemnizacións oscilaba entre os 0,30 euros/quilo (para o tubérculo de consumo producido na explotación) e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fixouse unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

Tamén se determinaba un baremo para os almacéns comercializadores. Neste caso é o prezo de compra, debidamente xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente ou, para tubérculo de consumo, o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

Indemnizacións por Fusarium do piñeiro

Para o fungo causante do chancro do piñeiro (o Fusarium circinatum) concretouse tamén un baremo de subvencións, que oscilaba entre os 0,108 e os 0,144 euros/planta, en función do número de exemplares que se compensan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información