As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

O vindeiro 1 de febreiro iníciase o período de solicitude das axudas da PAC para 2022

O Consello de Ministros actualiza o Real Decreto que permitirá o cobro de 7.425 millóns de euros por parte de agricultores e gandeiros no último ano de transición antes da aplicación do novo Plan Estratéxico Nacional 2023-2027

gando-pacendo-Conde-da-Xesteira-

O Consello de Ministros aprobou este martes un Real Decreto que modifica outros tres de decembro de 2014 sobre a aplicación da Política Agraria Común, para incorporar os cambios necesarios para adaptar a normativa nacional a certas actualizacións lexislativas da Unión Europea.

Estas modificacións permitirán que os agricultores e gandeiros españois poidan percibir máis de 7.425 millóns de euros en axudas no ano 2022, último exercicio de transición entre o anterior marco (2014-2020) e a entrada en vigor da nova PAC, o 1 de xaneiro de 2023.

Trátase da última campaña do período transitorio, que garante a continuidade das axudas actuais ata o 1 de xaneiro de 2023, data na que entrará en vigor a nova PAC 2023-2027

A nova norma modifica os reais decretos 1075/2014, 1076/2014 e 1078/2014, todos eles do 19 de decembro que, ademais de actualizar a nova regulamentación da UE, incorpora algúns axustes técnicos derivados da experiencia de xestión da PAC en anos anteriores.

Os 7.425 millóns previstos en 2022 inclúen tanto o Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA), do que proceden as axudas directas, como do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), que financia as actuacións do chamado segundo piar da PAC. A campaña de solicitude das axudas iniciarase o 1 de febreiro.

Coeficiente de admisibilidade de pastos

As principais modificacións do real decreto 1075/2014 refírense á definición de “coeficiente de admisibilidade de pastos” para permitir que as comunidades autónomas poidan establecer na súa normativa un valor mínimo de coeficiente por baixo do cal dita superficie non se considerará subvencionable. Así mesmo, modifícanse as axudas asociadas gandeiras aclarando, para o caso de quen comeza a súa actividade, o procedemento de cómputo de animais elexibles, de tal maneira que a autoridade competente poida aplicar a opción máis beneficiosa para estes solicitantes.

Respecto ao real decreto 1076/2014, sobre asignación de dereitos de réxime de pago básico, modifícase o mecanismo de converxencia, co fin de proporcionar unha acomodación máis gradual das explotacións ao futuro marco normativo de aplicación da Política Agrícola Común (PAC) a partir de 2023, asegurando así unha transición máis suave.

Modifícanse as normas de condicionalidade e o mecanismo de converxencia en sintonía cos criterios da nova PAC

E en relación co real decreto 1078/2014, polo que se establecen as normas da condicionalidade, por recomendación da Comisión Europea modifícase o anexo que establece as Boas Condicións Agrarias e Ambientais da terra, en particular a BCAM 4 (Cobertura mínima do chan) e a BCAM 5 (Xestión mínima das terras que reflicta as condicións específicas locais para limitar a erosión). Coa modificación introducida, elimínase a excepción que afectaba ás parcelas de cultivo menores dunha hectárea, e parcelas irregulares ou alongadas cuxa dimensión mínima no sentido transversal á pendente fose inferior a 100 metros.

Prazos: data límite 30 de abril

Doutra banda, en canto aos prazos de presentación das solicitudes, a normativa europea agora permite que os mesmos sexan fixados polos Estados membros. Para establecer uns prazos comúns nacionais que garantan a igualdade de trato entre os agricultores, fíxase o 30 de abril como data límite para a presentación de solicitude única, o 31 de maio para a modificación desta, e o 31 de agosto para a adaptación da solicitude naqueles casos nos que se comunicou ao solicitante algunha incidencia derivada dos controis preliminares ou dos controis por monitoraxe, así como retirar total ou parcialmente parcelas da súa solicitude.

Con todo, para que haxa certa flexibilidade nas datas, que permita ter en conta as cambiantes condicións climáticas e meteorolóxicas e circunstancias doutro tipo, as comunidades autónomas poderán ampliar a data límite de presentación da solicitude única no seu territorio máis aló do 30 de abril, previa comunicación ao FEGA. Tamén poderán ampliar a data límite de adaptación da solicitude única máis aló do 31 de agosto, se se dan as razóns para iso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información