O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía centrarase no relevo xeracional

Os días 7 e 8 de febreiro, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas organiza a oitava edición do seu Foro baixo o título ‘A agroecoloxía é o relevo’, no que contará con palestras, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos

O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía centrarase no relevo xeracional

O sábado 7 e o domingo 8 de febreiro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organiza a oitava edición do seu Foro Labrego de Agroecoloxía baixo o título ‘A agroecoloxía é o relevo’. Terá lugar no Pazo de Santomé en Mondoñedo e o encontro contará con palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos.

As persoas que desexen asistir ao Foro xa teñen disponible a inscrición. O Foro conta co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Programación

A programación abrirase ás 11 horas do sábado 7 de febreiro coa visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo). Logo dun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo, ás 15:30 horas terá lugar a abertura do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía a cargo de Isabel Vilalba Seivane, labrega da Mariña e integrante da Executiva Nacional do SLG-CCLL; e de Daniel García Fernández, deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Seguidamente, Vidal Martínez Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, intervirá na mesa ‘Benvida ao territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda’, á que seguirá o coloquio ‘Relevo Xeracional: Situación actual e respostas políticas’ (16 horas), onde se centrará no contexto socioeconómico do relevo xeracional no territorio galego. Participarán Xosé María García Vilaverde, labrego e membro da Executiva Nacional do SLG; Mar Pérez Fra, doutora no Departamento de Economía Aplicada da USC; Programa Terractiva – Guillermina Fernández Villar, investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC e Proxecto Nó Rural – Miguel Teixido Sotelo do GDR Seitura 22, entre outros.

Ás 18:30 horas será a quenda da palestra ‘A formación que fomenta o relevo xeracional’, a cargo de Alba Vázquez Lema, docente de agroecoloxía de Formación Profesional acompañada de alumnado; Laura Megias Garriga, da Rede estatal de Espazos Test Agrarios; Eva López Quiroga, do Espazo Test Eoalimenta; e Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural. A primeira sesión do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finalizará ás 21 horas cunha cea agroecolóxica no seminario.

Na segunda xornada do Foro darase comezo con ‘Habelas Hainas: Experiencias de éxito no Relevo Xeracional’, onde participarán a finca As Fadegas T.C, proxecto de hortalizas e froita (Ribadeo- Lugo); Refol S.C, proxecto de vacún de carne (Xermade- Lugo); e Casa Codesal S.L, proxecto de vacún de leite (Friol – Lugo). Seguirá David González Sánchez que falará da súa experiencia en Sustraiak, no marco da mesa ‘O papel da Agroecoloxía no Relevo Xeracional’ (11:15 horas); á que proseguirá ‘Pensando o relevo desde a organización’ (12 horas), espazo facilitado con REXENERANDO SCG e que levará ao peche do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía cun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo.

FORO_LABREGO_PROGRAMA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información