O valor dos queixos galegos en DOP chegou en 2024 a case 58 millóns de euros, o máis alto da historia

O conxunto das Denominacións de Orixe Protexidas queixeiras aumentou o pasado ano un 9,6% a produción e un 10% o valor estimado das vendas dos seu produtos. O número de operadores mantívose invariable respecto a 2023 pero houbo unha importante perda de gandeiros provedores. Ademais, nalgunhas DOP houbo fortes baixadas que se compensaron con importantes subidas noutras.

denominacion de orixe mel de Galicia queixos

Máis queixo enviado aos mercados e máis valor económico obtido pola súa venda. É a primeira conclusión que se pode extraer das cifras recollidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ao longo do exercicio 2024 nas catro DOP queixeiras galegas: Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Tetilla. Así, dos seis millóns e medio de quilos de 2023 pasouse a superar amplamente os sete millóns, é decir un 9,6% máis. E o crecemento económico foi tamén considerable, pasando de algo máis de 52 millóns e medio de euros a rozar os 58 millóns cun incremento, polo tanto, do 10%.

Se ben a cifra de produción implica que o fluxo de leite aumentou considerablemente, o certo é que foi co traballo de moitos menos gandeiros. Preto de mil explotacións pecharon ou deixaron de servirlle o seu leite as queixerías. Así, pasouse de 2.632 a 1.762 granxas provedoras de materia prima. E eso que na DOP Cebreiro mantiveron os mesmos gandeiros, oito, e na de San Simón mesmo gañaron un, pasando de 376 a 377.

Coas cifras das que dispón AGACAL, hai unha conclusión clara: a DOP Arzúa-Ulloa tanto en cifras xerais como porcentualmente medra moito máis que as outras tres xuntas. De feito, San Simón da Costa e, sobre todo, Tetilla sofren un importante retroceso. Especialmente curiosa é a evolución de Tetilla, que mesmo tivo unha produción menor que a de 2020, o ano da pandemia, algo que só sucedeu nesa DOP.

E é que Arzúa-Ulloa aumentou a súa produción nun 19,2% e xa se achega cada vez máis ás 5.000 toneladas anuais. E eso que o seu censo de gandeiros foi o que máis afectado se viu, perdendo 841 explotacións. Pero a cifra máis espectacular téñena no valor das vendas, que aumentou en preto de 7 millóns de euros, nada menos que un 20,7% máis que o obtido en 2023.

A DOP Cebreiro, a máis cativa, mantivo o número de queixerías e gandeiros e, sen embargo, aumentou a produción un 9% e o valor das vendas subiu un 7,5%.

Aumentar, aínda que só fose unha, o número de ganderías provedoras non serviu para que en San Simón da Costa tiveran un exercicio mellor que o anterior. Tanto a produción como os ingresos comerciais descenderon nun 2,1%.

O caso de Tetilla, o queixo máis coñecido fóra das fronteiras galegas, é o que peores rexistros arroxa porque tanto a cantidade producida como o valor obtido pola mesma foron un 8% máis baixas en 2023 ca en 2024. Nas seguintes táboas compáranse as cifras de cada unha das DOP nos dous últimos exercicios:

ANO 2023 CEBREIRO ARZÚA-ULLOA SAN SIMÓN TETILLA TOTAL
PRODUCIÓN 58.103 kg 4.018.598 kg 575.429 kg 1.827.907 kg 6.480.037 kg
VALOR 705.000 € 32.190.000 € 5.179.000 € 14.600.000 € 52.674.000 €
GANDEIROS 8 1.544 376 704 2.632
QUEIXERÍAS 3 16 9 24 52

 

 

ANO 2024 CEBREIRO ARZÚA-ULLOA SAN SIMÓN TETILLA TOTAL
PRODUCIÓN 63.351 4.790.346 kg 563.291 kg 1.691.000 kg 7.108.103 quilos
VALOR 758.000 € 38.881.000 € 5.070.000 € 13.529.000 € 57.968.000 €
GANDEIROS 8 703 377 674 1.762
QUEIXERÍAS 3 16 9 24 52

Por outra banda, a evolución da produción no período 2015-2024 tamén presenta diferencias entre as DOP galegas. No Cebreiro só tiveron disminucións nos anos 2016 e 2020 -na pandemia-. E no resto de anualidades mantiveron un crecemento sostido. Así, en só 9 anos pasaron de producir algo máis de 30.000 quilos a superar amplamente os 60.000, é decir, duplicaron a produción. E todo nunha zona pouco poboada e cunha orografía complexa.

EVOLUCION QUEIXO CEBREIRO

Na Arzúa-Ulloa o crecemento foi nunha progresión moi similar á do Cebreiro, se ben o único descenso se deu no ano 2018. Incluso no crítico 2020 aumentaron a produción respecto do exercicio anterior. Paulatinamente foron pasando en oito anos dos 3 aos 4 millóns de toneladas, pero no 2024 disparáronse e a piques estiveron de chegar os 5 millóns.

EVOLUCION QUEIXO ARZUA ULLOA

O caso de San Simón da Costa xa é máis atípico. Nos catro anos anteriores á pandemia aumentaron 100 toneladas. Despois o coronavirus fixo de freo, pero volveron con máis forza en 2021 e 2022, chegando ata as 600 toneladas. Sen embargo, dende 2022 volveron baixar os índices. A DOP abrangue algúns dos concellos máis produtores de leite de Galicia, polo que o descenso pode ir asociado a unha maior competencia das queixerías con outras industrias e a unha insuficiente produción propia.

EVOLUCION QUEIXO SAN SIMON

A DOP Tetilla medrou ininterropidamente entre 2015 e 2022. Incluso no ano da pandemia acadou a súa máxima produción ata daquela. Pero en 2023 e 2024 baixou notablemente. O feito de que a DOP abranga toda a comunidade autónoma de Galicia fai que sexa difícil explicar as baixadas e subidas xa que entran en xogo as situacións particulares de cada comarca en cada anualidade.

EVOLUCION QUEIXO TETILLA

En canto a leite empregado e mercados, os últimos datos dispoñibles corresponden ao exercicio 2022. Daquela, foron precisos 53 millóns de litros de leite para elaborar 6.556 toneladas de queixos galegos adscritos ás DOP. Nese ano, o 94% da produción comercializouse nos mercados galego e español, mentres que o 3,2% foi exportado a países da Unión Europea e o 2,8% restante marchou hacia mercados extracomunitarios.

Por DOP, a do Cebreiro non exportou ningún dos seus produtos. Sen embargo, Tetilla conseguiu colocar na UE e fóra de Europa 198 e 92 toneladas respectivamente. De San Simón saíron cara ao estranxeiro 48 toneladas, das cales 10 quedaron na zona euro e o resto fóra das fronteiras europeas. E en Arzúa-Ulloa a exportación foi residual, de xeito que só 197 quilos saíron para os socios europeos e 1.472 para países extracomunitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información