O valor da produción de carne de vacún medrou un 15 % no 2024

Representantes do sector e o Ministerio de Agricultura analizan a situación económica e de mercados, ademais de abordar as novidades da PAC para a campaña de 2025

O valor da produción de carne de vacún medrou un 15 % no 2024

A produción da carne de vacún en España creceu un 15 % no ano 2024 e alcanzou un total de 4.641 millóns de euros, segundo datos analizados nunha reunión entre o Ministerio de Agricultura e os principais representantes do sector. Cabe puntualizar que o sector do vacún de carne representa o 17 % da produción gandeira en España.

No encontro, presidido pola directora xeral de Producións e Mercados Agrarios, Elena Busutil, constatouse tamén un incremento do 7 % no valor das exportacións, que alcanzaron os 1.650 millóns de euros. Ademais, destaca a tendencia á diminución do censo bovino nacional (-2 % en 2024), feito que tamén se produce nos grandes produtores comunitarios e que derivou nunha redución da cabana bovina da Unión Europea nun 2,3 %.

A cabana bovina baixou tanto en España como a nivel da UE arredor dun 2%, algo que se nota en especial nas vacas nodrizas e na falta de xatos

Este descenso é especialmente relevante nalgunhas das categorías máis importantes, como as vacas nodrizas ou os tenreiros, e é responsable principal da actual situación de mercado que atravesa o sector, caracterizado por altos prezos. Nese sentido, os custos dos principais produtos continúan coa tendencia alcista dos dous últimos anos, que previsiblemente se prolongará nun escenario marcado pola incerteza, ante un contexto xeopolítico e climático complicado.

Na reunión, expuxéronse os resultados obtidos na campaña do ano 2024 respecto das axudas da Política Agraria Común (PAC) ás que poden optar os gandeiros do sector vacún. Os datos provisionais mostran unha baixada nos importes unitarios dos ecorrexímenes, ao incrementarse as hectáreas elixibles, e un incremento na maior parte das axudas asociadas ao vacún de carne.

Outro dos temas foi abordar as principais novidades para a campaña actual, especialmente sobre os requisitos exixibles no ámbito dos ecorrexímenes. Tamén compartiron información da Comisión Europea sobre a reorganización dos continxentes arancelarios aplicables aos produtos do sector, a consecuencia da posta en marcha do acordo da UE con Mercosur. Esta reorganización implica a liberalización dunha parte dos continxentes que se aplicaban á carne importada destes países e que non se utilizaron na súa totalidade.

Segundo indican, establécense períodos transitorios para a liberalización e ademais todos os produtos importados deberán cumprir os estritos estándares europeos de seguridade alimentaria e benestar animal, o que garante que a calidade dos produtos no mercado europeo non se vexa comprometida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información