O Valadouro retoma este sábado a celebración da Feira de Razas Autóctonas da Mariña

A cita, que reunirá criadores de toda Galicia, contará cun mercado de gando, concursos e exhibicións e actividades gastronómicas e repartirá 4.000 euros en premios entre os gandeiros participantes

Mónica Freire acompañada polos concelleiros Eliseo Teijeiro e Eduardo Chao

Mónica Freire acompañada polos concelleiros Eliseo Teijeiro e Eduardo Chao

O Valadouro celebrará de novo este sábado a Feira de Razas Autóctonas da Mariña, co apoio da área de Medio Rural da Deputación de Lugo. A deputada Mónica Freire e o tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao, acordaron colaborar na recuperación da feira, que contará cun mercado de gando, exhibicións e certames de razas autóctonas e actividades para promocionar as cualidades gastronómicas da súa carne.

A deputada Mónica Freire saudou a iniciativa da área de Medio Rural do Concello do Valadouro, que impulsa esta cita gandeira, e que “serve para poñer en valor o sector e especialmente o labor dos criadores e criadoras que traballan pola conservación e recuperación das razas autóctonas en gandeirías dimensionadas e adaptadas ao territorio”, dixo. 

A cría de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias do Valadouro, sobre todo nas zonas máis altas do concello situadas ao pé da Serra do Xistral

O tenente alcalde valadourés, Eduardo Chao, explicou que “O Valadouro mantén unha importante actividade gandeira, e a cría de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas do concello situadas ao pé da Serra do Xistral”. Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma a Feira de Razas Autóctonas Galegas que, indicou Eduardo Chao, “agardamos volva espertar o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral”.

A feira, que celebrara dúas edicións anteriores en anos previos á pandemia, repartirá 4.000 euros en premios

A feira, que xa celebrara dúas edicións en anos anteriores á pandemia, reunirá criadores de bovino, ovino, cabrún, cabalar, porcino e aviar chegados desde distintos puntos de Galicia e suporá unha oportunidade para dar a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país, que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer. Conta coa colaboración de asociacións como Acruga, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga.

Concursos e exhibicións

A cita deste sábado no Valadouro abrirá as súas portas ao público ás 10:00 horas, no aparcadoiro a carón da piscina municipal, onde se instalarán carpas para o desenvolvemento do mercado de gando e das exhibicións e certames que se desenvolverán ao longo da xornada para promocionar as razas autóctonas.

Con este obxectivo, o programa inclúe:
– Ás 11:00 horas no campo da feira a Asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega organiza o concurso morfolóxico de cabalo PRG.
– Ás 13:00 no recinto feiral realizarase a III Poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña.
– A continuación, Xacobe Pérez (presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego) fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas con cabalo de PRG.
– A xornada rematará sobre as 18:00 horas coa entrega de premios, na que se repartirán máis de 4.000 € entre as distintas especies de gando.

A cita inclúe unha subasta de gando de raza Rubia Galega organizada por Acruga

Por outra banda, no Camiño da Granda terá lugar un Concurso de Andadura Galega en horario de mañá (de 10:00 a 11:00 horas) e de tarde (de 15:00 a 18:00 horas).

Ademais, durante o día, as persoas asistentes poderán desfrutar dunha Ruta de Tapas de Carne de Raza Autóctonas nos distintos locais de hostelería do Valadouro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información