O Valadouro celebra o sábado 24 o seu Mercado Tradicional Anual de Primavera

O Concello está tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio así como as feiras e mercados tradicionais 

O Valadouro celebra o sábado 24 o seu Mercado Tradicional Anual de Primavera

O Valadouro volverá ser o vindeiro sábado 24 de marzo a capital rural de Galicia durante a celebración do seu Mercado Tradicional Anual de Primavera. Artesáns, produtores de horta e do campo, ferreiros, zoqueiros, cesteiros e moita xente nova con ganas de pasalo ben e lembrar tradicións case esquecidas daranse cita neste concello da Mariña que trata nos últimos anos de recuperar a súa actividade agrogandeira.

Desde o ano 2007 celébrase o sábado máis próximo ao comezo da primavera esta festa onde se unen tradición e diversión a partes iguais e que recupera un dos mercados anuais que sempre houbo Ferreira do Valadouro. Este ano, ademais, con moitas novidades e co comezo dos actos xa o día anterior, o venres 23, con pasarrúas, leitura do pregón inaugural e exihición de baile tradicional en zocas.

A celebración do Mercado de Primavera do Valadouro, que chega xa á ducia de edicións, contará cun programa moi completo que comezará a primeira hora da mañá, a partir das 10, coa apertura dos postos de venda do mercado polas distintas rúas de Ferreira e onde durante todo o día se poderán atopar produtores do campo, tendas de alimentación con carnes embutidos, verduras, pan, mel e doces típicos do val, ademais de artesanía e demostracións en vivo de cesteiros, zoqueiros, ferreiros ou talladores.

Pero ademais das compras e das mostras de artesanía e de oficios vinculados ao rural, a diversión está tamén está asegurada para todos os públicos, con actividades pensadas especialmente para os máis. Celebrarase, por exemplo, o Ludo-Enxebre, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, ou actividades como tiro con arco, ao que se engadirán pola tarde xogos tradicionais, talleres de pesca infantil, paseos en poni e en cabalo e actuacións musicais e teatrais.

Durante todo o día haberá animación musical e pasarrúas a cargo da agrupación de música tradicional local da Asociación Cultural Amado Lar e dos Festicultores Troupe, sesión vermú co grupo Maseda e a festa acabará coma as de antes, con verbena galega grazas aos concertos de A Banda da Balbina e de Astarot. Como complemento, haberá tamén outras actividades, como exposicións na Casa da Cultura e mostra de vehículos clásicos e de motos antigas.

A festa das zocas

Unha das orixinalidades do Mercado de Primavera do Valadouro é, sen dúbida, a súa posta en escena. A palabra enxebre é desde logo a que mellor define a xornada, que recrea o ambiente de aldea e dos mercados das vilas. Ferreira viste as súas rúas e prazas con elementos antigos, útiles e ferramentas de labranza e mesmo palla. Nese escenario ten lugar o fotoenxebre, un photocall para poder levar un recordo acorde da festa. Tamén enxebre é a decoración dos locais de hostalaría da vila, que organizan unha ruta de tapas polos bares, onde tamén haberá cantos de taberna. Cada establecemento debe decorar o seu local de maneira antiga para rememorar os anos pasados e debe presentar tapas innovadoras.

Pero, sobre todo, un dos sinais de identidade do Mercado Tradicional de Primavera do Valadouro é o seu calzado. Cando en 2007 a Asociación Cultural Deportiva do Valadouro, en colaboración co Concello recuperaron o mercado, a xente moza decidiu mostrarse fachendosa do pasado recuperando as vestimentas dos seus avós. Sacaron dos faiados saias, panos, medias e mantóns de lá para elas e chaleques, puchas, e camisas de cadros para eles, con caxatos, varas e cestos como complementos. E nos pés, zocas.

Impulsado por un mozo zoqueiro da localidade veciña de Alfoz, Alberto Geada [http://albertogeada.es/], o desfile de zocas é un dos pratos fortes e máis divertidos da mañá. Calquera persoa que vaia vestida con roupa de época e leve zocas ou zocos nos pés pode desfilar pola alfombra de palla da pasarela de moda instalada na praza de Santa María, onde un xurado valora as zocas máis fermosas, as máis orixinais e as mellor decoradas. Preséntanse todos os anos deseños do máis singular, decoradas con motivos infantís, de cores rechamantes ou mesmo imitando zapatillas deportivas nunha singular posta en valor dun oficio e dun calzado habitual até fai pouco tempo na maioría das aldeas galegas.

Un concello con fonda historia de feiras e mercados

A localidade de Ferreira, a capitalidade do concello, xurdiu precisamente no século XVII grazas ao mercado semanal que empezou a celebrarse a carón da capela da Virxe do Leite. Tamén se realizaban mercados anuais de importancia o 2 de febreiro, o 25 de marzo e o 8 de setembro, que se mativeron durante séculos. Foi esa actividade comercial a que marcou o inicio do desenvolvemento económico, social e cultural de todo o val do río Ouro, e a que lle valeu a Ferreira o recoñecimento como vila a finais do século XIX, momento de explendor da localidade grazas á actividade gandeira, aos lenzos e ao comercio cerealeiro.

En Ferreira do Valadouro aínda se realiza a día de hoxe o mercado semanal cada sábado, pero a tradición dos mercados anuais perdérase co paso do tempo. Pero a celebración deste mercado anual de primavera foi recuperada hai unha década, no ano 2007, por un grupo de mozos do pobo, e conta co apoio do Concello.

Tanto desde a alcaldía, que ostenta Edmundo Maseda, como desde a Concellería de Cultura, que dirixe Eduardo Chao, están tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio así como as feiras e mercados tradicionais como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que desde este ano se sumou a primeira Feira de Razas Autóctonas Galegas, celebrada o pasado 3 de febreiro.

Trátase dunha aposta decidida por impulsar e poñer en valor sectores como a horta, que conta neste concello coa única Escola de Agricultura Ecolóxica de ámbito municipal existente en Galicia; a gandería, que se mantén na maioría das parroquias do concello, tanto en explotacións como en liberdade nas zonas máis altas, en plena Serra do Xistral, onde ademais de gando vacún se crian cabalos; ou o mel, un produto con grande importancia tamén nesta zona con importantes apicultores.

Neste enlace podedes ver distintos vídeos de edicións anteriores do Mercado Tradicional de Primavera do Valadouro e coñecer a esencia da festa:

Tamén podedes estar ao día de todas as novidades e coñecer o programa completo no facebook de Cultura do Concello

Programada do Mercado da Primavera do Valadouro:

mercado 2018 final defintivo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información