Non é un bo ano de mel, pero O Valadouro non quixo quedar sen a súa tradicional Feira do Mel, que chega este ano á súa 31 edición. Os produtores da localidade daranse cita o vindeiro sábado 13 de outubro en Ferreira para dar saída a un produto que este ano escasea nas colmeas galegas.
Con todo, o Concello do Valadouro, organizador da feira nos últimos anos, non quixo deixar pasar unha cita, fixada no calendario entre o San Froilán e as San Lucas, que xa é toda unha referencia na comarca e atrae a esta vila da Mariña a numeroso público, contribuindo tamén a dinamizar economicamente a localidade. A pouca produción deste ano será compensada cun completo programa de actividades durante todo o día organizadas pola Concellería de Cultura.
A xornada arrincará ás 10 da mañán coa apertura dos postos da feira, que se ubicarán como é habitual na Praza de Santa María e ao longo da rúa Andrés López Palmeiro. Aínda que se reducirán practicamente á metade con respecto a outros anos, acudirán produtores do Valadouro e Alfoz, doutras localidades da Mariña e mesmo dos Ancares.
Os prezos, estancados nos últimos anos, sufrirán un pequeno incremento nesta edición. Serán os mesmos para todos os vendedores e estarán fixados en 9 euros (un máis que o ano pasado) para o bote dun quilo, 5 euros para o medio quilo e 10 euros o litro para aqueles outros produtores que envasan con esta medida.
Un terzo da produción habitual pola falta de floración
A pequena alza nos prezos non compensará sen embargo a escasa produción deste ano. Produtores locais coma Marifé Sixto, de Mel O Trobo, calcula unha produción de menos da metade dun ano normal. A merma, que noutros casos chega aos dous terzos, debeuse á escasa floración deste ano, primeiro polas choivas do mes de xullo e máis tarde pola intensa calor de agosto e setembro. Por este motivo, o eucalipto, parte esencial do mel polifloral desta zona, case non botou flor, a floración das froiteiras tamén foi moito menor e as candeas dos castiñeiros duraron menos de dúas semanas, segundo describe Marifé.
No seu caso, optou por retrasar a recollida até o mes de outubro, no canto de facer a extracción no mes de setembro, como é habitual, para que as abellas puideran aproveitar algo da flor tardía de setembro, tratando de compensar a do verán. “As colmeas están moi baleiras porque non houbo flor e coa calor as raíñas puxeron moitos ovos, así que houbo moita poboación e tiveron que comer no verán o mel que fixeran na primavera, polo que esgotaron as reservas para o inverno e o mel que tería que ser para extraer hai que deixárllelo”, explica Marifé.
Loita contra a vespa asiática
Outro factor que nos últimos anos fixo minguar a produción considerablemente nesta zona foi a presenza da vespa velutina. O problema foi menor este ano, xa que o mal tempo de finais da primavera e comezos do verán retrasou a creación dos niños. Ademais, o Concello do Valadouro involucrouse moito, xunto cos apicultores, na vixiancia e control da praga, facilitando e distribuindo trampas entre os veciños e colocándoas por todo o termo municipal, que lograron capturar un bo número de raíñas evitando deste xeito a súa multiplicación.
O Concello do Valadouro involucrouse na distribución e colocación de trampas en todo o termo municipal para tratar de controlar a invasión da vespa velutina
A problemática da vespa asiática será precisamente un dos asuntos que centrarán a Feira do Mel deste ano, cunha conferencia que terá lugar ás oito da tarde no Salón de Actos da Casa da Cultura sobre a presenza deste insecto invasor desde a perspectiva das súas consecuencias e as medidas para o seu control. Intervirá precisamente Marifé Sixto en representación dos apicultores locais, o investigador da Universidade de Santiago Xesús Feás e o xerente da empresa SERPA, especializada na retirada de niños de velutina, José María Vázquez.
Dentro do completo programa da xornada haberá tamén artesanía, con distintos postos e un obradoiro de instrumentos musicais e outro de fabricación de velas. Asimesmo, haberá degustación de freixós con mel, inchables e globoflexia para os nenos e nenas e un sorteo de produtos e material apícola.