O vacún maior segue marcando cifras históricas en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia bate o récord de transaccións e volve rexistrar a maior facturación e asistencia de vacún maior. O prezo medio deste gando cae en case tódalas categorías. Subas nos prezos medios da recría de cruce. Baixada dos prezos dos leitóns e no mercado do ovo

O vacún maior segue marcando cifras históricas en Silleda

Vacún maior este martes en Silleda. // Foto. Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), volveu superar hoxe tres das súas marcas. Así, o volume total de transaccións foi o maior da súa historia, ao sumar as distintas categorías 949.660 euros e superar os 922.784 euros da semana pasada.

O mercado tamén acadou os seus récords absolutos tanto na facturación como na asistencia da categoría de vacún maior, con 735.809 euros. Ata hoxe a maior cifra estaba nos 656.207 euros acadados aínda a semana pasada. En referencia á asistencia, rexistráronse 510 exemplares, fronte ós 478 euros que concorreran o 19 de xaneiro de 2010 e que ata o momento foran o máximo da Central.

En canto ós prezos medios do vacún maior, este martes a tendencia foi á baixa en boa parte das categorías. Os animais da extra cotizáronse a 1.994 euros, o que supón 41 euros por debaixo do prezo medio da semana pasada. Esta categoría convertuse na de maior afluencia de gando, ó contabilizar 244 animais, superando as seccións de recría que adoitan ser as máis concorridas.

As vacas de primeira estiveron nos 1.163 euros, 11 euros menos. Nos animais de segunda, o valor de referencia situouse nos 754 euros, é dicir, 34 euros menos. No vacún maior comercializado baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia, o valor de referencia quedou nos 1.950 euros, mentres que a semana anterior acadara 517 euros máis. A excepción da xornada no vacún maior veu de man dos animais de desfeito, que tiveron un prezo medio de 500 euros, o que supón 17 euros máis.

Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Prezos nos becerros

Na comparativa dos prezos da recría con respecto da semana anterior, aprécianse subas sobre todo nos becerros de cruzamentos industriais. Mentres, nos frisóns a tendencia foi á baixa. Os tenreiros frisóns de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia, experimentou unha baixada de 4 euros e cotízanse de media a 117 euros. Nos animais de máis de 50 días, o prezo medio foi de 172 euros, o que representa unha baixada de 15 euros con respecto do prezo da semana anterior. A única excepción produciuse nos animais máis novos, os de menos de 20 días, que sumaron un euro e están en 97 euros.

Nos becerros de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días están a 249 euros, o que supón unha redución de 8 euros. Mentres, nos tenreiros de entre 20 e 50 días o prezo medio foi de 306 euros, cun incremento de 6 euros. Nos animais de máis de 50 días, o valor de referencia situouse nos 421 euros, logo dunha suba de 30 euros.

Os tenreiros carniceiros tamén cotizaron á baixa. A única suba nos prezos medios produciuse nos tenreiros frisóns, que acadaron os 667 euros, cun incremento de 36 euros. Nos animais de cruzamentos industriais houbo unha baixada de 31 euros nos machos e unha suba de 34 euros nas femias, de xeito que se cotizan a 902 e 843 euros respectivamente. Os animais de raza Rubia Galega estiveron nos 1.027 euros, o que deixa unha baixada de 12 euros. Porén, as femias lograron os 645 euros, o que supón un incremento de 47 euros. Os becerros comercializados baixo a IXP de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.045 euros, o que deixa unha suba de 34 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 03_05_2022

Novas baixadas dos prezos dos leitóns

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou unha nova baixada dos prezos dos leitóns, mentres o porco cebado se mantén sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2 euros o quilo e os animais de descarte cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Os leitóns acusaron unha baixada de 4 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 62 euros (cun prezo de 3,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 57 euros e teñen un prezo por quilo de 2,85 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana unha baixada xeral dos prezos de 0,15 euros en tódalas categorías. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,15 euros a ducia, os da L páganse a 1,94 euros, os da M sitúanse en 1,74 euros e os da S teñen un valor de 1,51 euros a ducia. As galiñas de descarte descontaron 0,01 euros e pasan a cotizarse entre os 0,30 e os 0,37 euros por quilo.

Central Agropecuaria Porcino 03_05_2022

Cambios nos horarios por mor da Semana Verde

A celebración da Semana Verde de Galicia, dende o día 2 ó 5 de xuño, alterará as poxas de gando de finais deste mes e a primeira de xuño, tal e como indicaron este martes dende a Central Agropecuaria. Dado que a Semana Verde ocupará os pavillóns nos que habitualmente permanecen os animais para a poxa, o martes 31 de maio suspenderase o mercado de gando.

Mentres, o primeiro martes de xuño, o día 7, só haberá poxa de becerros de recría. Ademais, o luns 6 de xuño, a apertura de portas para a recepción do gando será a partir das 20.00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información