A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas en case todas as categorías do vacún maior na xornada de hoxe, mentres que nos becerros houbo oscilacións de prezos. En canto á afluencia de gando, acudiron ao recinto un total de 1.018 animais dos cales 972 foron adxudicados.
Desde a organización anunciaron que o martes 28 de maio non se celebrará ningún tipo de poxa con motivo da celebración da feira Semana Verde.
Prezos do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 153 euros, 10 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 185 euros, subiron 16 euros, e os de máis de 50 días a 207 euros (-20 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 346 euros (-7 euros); os de 21 a 50 días chegaron aos 457 euros (+49 euros) e os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 733 euros (+ 93 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 4 euros e alcanzaron un valor medio de 1.076 euros; mentres que as femias baixaron 50 euros, ata os 987 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.178 euros de media os machos, o que supón un incremento de 72 euros e as femias baixaron 36 euros e alcanzan un valor medio de 1.037 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema aumentaron o seu valor 50 euros, ata conseguir un prezo de referencia de 1.186 euros.
No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías, excepto nos da categoría segunda que subiron 25 euros e quedaron nun valor medio de 787 euros. Os animais da categoría extra baixaron 61 euros, ata quedar nun prezo medio de 2.157 euros; os de primeira diminuíron o seu valor en 19 euros, ata os 1.151 euros de valor medio, mentres que os de categoría desfeito quedaron nos 352 euros (-59). Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia rexistraron unha gran baixada de 1.571 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.201 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 4 euros.
O mercado do ovo presenta baixadas con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,24 euros e nos da M e a S o descenso é de 0,04 e quedan nun valor medio de 2 e 1,70 euros, respectivamente.
O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).