O vacún maior impulsa a recuperación da Central Agropecuaria na pandemia

A Central Agropecuaria pecha o ano cunha facturación de máis de 21 millóns. O balance final amosa a recuperación da lonxa agropecuaria de Silleda, con cifras semellantes ás de fai dous anos. Acada unha asistencia de 45.163 animais e factura un 66,8% máis que no 2020, grazas o incremento de prezos e afluencia gando maior

O vacún maior impulsa a recuperación da Central Agropecuaria na pandemia

Exemplares de vacún maior na última poxa do ano celebrada este martes en Silleda. // Foto. Central Agropecuaria de Galicia.

Coa última sesión do ano, celebrada este martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca confirma a recuperación do mercado tralo baixón experimentado no 2020, cando se viran obrigados mesmo a suspender a actividade durante varios meses por mor da pandemia. A Lonxa de Silleda, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España, pecha 2021 cunha asistencia de 45.163 reses e unha facturación de 21.235.772 euros.

O vacún maior, que nos últimos meses propiciou que se batiran récords históricos, foi tamén o motor desta recuperación, non só polo incremento de prezos, senón polo aumento de animais que se venderon na Lonxa. Así, a facturación supuxo un 66,8% máis que en 2020, cando alcanzara 12.724.699 euros. Superou tamén notablemente, nun 16,6%, os 18.199.272 euros en transaccións de 2019.

En canto a asistencia total, acadaron un 29,1% máis que o ano pasado, cando concorreran 34.976 reses, e aproxímase moito ás de 2019, supoñendo soamente un 2% menos, xa que ese ano asistiran 46.100 animais nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros.

“Os resultados, aínda condicionados por diversos aspectos derivados da incidencia da Covid-19 e en liña co resto de mercados nacionais, supoñen unha importante recuperación respecto a 2020 e uns datos semellantes, ou incluso mellores en canto a transaccións, en comparación con 2019”, apuntan no balance presentando dende a entidade.

Ano de récord no vacún maior

No que se refire ao vacún maior, rexistráronse durante 2021 un total de 11.650 exemplares, un 65% máis que en 2020, cando foron 7.060 exemplares e un 17,8% máis que en 2019 cando concorreran 9.888. A súa facturación foi un 113,6% maior que en 2020, ao pasar dos 5.772.236 euros de entón aos 12.331.849 euros deste ano e tamén un 48,3% maior que en 2019, cando tiñan sido 8.313.009 euros.

A selección de animais de calidade, a presencia de compradores interesados neste tipo de gando e o incremento da demanda na restauración están detrás do aumento do vacún maior en Silleda

Dende a Central apuntan que este aumento tanto na asistencia como na facturación débese a varios factores. O primeiro deles, o traballo que vén realizando a Central dende fai anos coa axuda dos servizos veterinarios para que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, evitando así a estes animais de maior idade traxectos que inflúen no seu benestar e conseguindo tamén eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co conseguinte aumento de prezos medios. O segundo, que este incremento da calidade atraeu a novos compradores que contribuíron a aumentar os prezos pola maior demanda e, consecuentemente, atraeu á súa vez a máis gandeiros que acoden para vender o seu vacún maior. O terceiro deles é a maior demanda que existe en restauración e hostalería de carnes maduradas por parte dos consumidores finais, ao cal tamén contribuíu o selo Vaca e Boi de Galicia.

Por categorías, o prezo da Extra sitúase en 1.879 euros/unidade, que supón un 4,6% máis que en 2020 (cando tiña sido de 1.796 euros/unidade) e un 5,5% máis que en 2019 (ascendera a 1.780 euros/unidade). Nos animais de Primeira alcánzase os 1,124 euros/unidade, un 3% máis que en 2020 e 2019 (os dous anos situábase nos 1.091 euros/unidade). En canto a Segunda, o prezo medio é de 724 euros/unidade, un 1,2% máis que en 2020 (fora de 715 euros) e un 0,27% máis que en 2019 (situábase en 722 euros/unidade). No desfeito, o prezo medio é de 466 euros/unidade, un 3,3% máis que en 2020 (entón foron de 451 euros/unidade) e un 2,1% máis que en 2019 (ese ano situáronse en 456 euros/unidade).

O prezo máximo no vacún maior situouse nos 8.579 por un animal mestizo a mediados de novembro

Este ano no vacún maior conseguíronse tres récords históricos no prezo pagado na Central por un exemplar, situándose finalmente o máximo nos 8.579 euros pagados por un animal de raza mestiza o pasado 16 de novembro, unha cantidade moi superior ao récord acadado o pasado ano, o cal se situara en 6.781,5 euros. Tamén o 16 de novembro se conseguiron marcas históricas na Central no prezo medio do vacún maior nunha sesión, con 1.332,58 euros, e no volume de transaccións da categoría, con 457.076 euros. Esta última marca contribuíu a que a Central tamén acadase ese día o seu récord no volume de facturación conxunto nunha sesión con 660.785 euros.

“Concentrar en Silleda o gando de Amio e o da Central nun ‘supermartes’ sería vantaxoso para compradores e vendedores”

As cifras dos becerros

Nos becerros de recría concorreron 28.656 reses, un 19,1% máis que en 2020, cando acudiran 24.043, e un 7,3% menos que en 2019, cando tiñan sido 30.938 animais. En canto ás transaccións, foron de 5.322.811 euros, un 25,5% máis que en 2020, cando ascenderon a 4.240.525 euros, e un 11,4% menos que en 2019, cando se situaran en 6.010.152 euros.

Respecto aos seus prezos medios, nos becerros frisóns e cruzados sube en comparación con 2020 debido á mellor situación respecto á pandemia un 8,7% (de 80 a 87 euros) nos primeiros e un 1,1% (de 252 a 255 euros) nos segundos. Con todo, houbo unha baixada dun 3,3% (de 90 a 87 euros) e un 12,6% (de 292 a 252 euros) respectivamente en comparación con 2019.

O incremento dos custes de produción nos cebadeiros motiva baixadas do prezo de compra dos tenreiros e menor afluencia de gando

Esta baixada, segundo apuntan non sector, débese a que os cebadoiros están sufrindo unha importante subida nos prezos dos pensos, a electricidade e outras subministracións, estando unicamente na súa man regular os prezos aos que adquiren os animais, polo que reducen o prezo de compra. Os baixos prezos tamén inflúen na menor asistencia.

Pola súa banda, os becerros rubios aumentaron a súa cotización un 13,8% respecto a 2020 (de 332 a 378 euros) e un 9,5% en canto a 2019 (de 345 a 378 euros), xa que a calidade destes animais segue sendo valorada e supón unha vantaxe fronte ás outras razas.

Respecto aos becerros carniceiros, a súa asistencia situouse en 4.857 reses, aumentando un 25,4% respecto a 2020, cando tiñan acudido 3.873 exemplares, se ben respecto a 2019 descende un 7,9%, xa que entón concorreron 5.274 animais. Dende a Central apuntan a que o descenso débese a que durante o peche da Central, nos inicios da pandemia, moitos gandeiros buscaron outras canles para dar saída aos seus animais, realizando incluso contratos con compradores, o que supuxo un descenso de vendedores na Lonxa.

En canto ás súas transaccións, situáronse en 3.581.112 euros, un 32% máis que os 2.711.938 euros facturados en 2020 e un 7,6% menos que os 3.876.111 euros de 2019.

Por categorías, os frisóns, con pouca presenza na Central e que polo tanto inflúen pouco na media conxunta dos becerros cebados, rexistraron un prezo medio de 517 euros/unidade, un 44% máis que en 2020 (cando tiña sido de 359 euros/unidade) e un 17,5% máis que en 2019 (situouse en 440 euros/unidade). Pola súa banda os rubios e cruces, con maior peso na Central, situáronse en 873 euros e 789 euros respectivamente. En canto aos primeiros, o prezo medio aumentou un 1,5% respecto a 2020 (fora de 860 euros/unidade) e manténdose igual que en 2019. No caso dos animais de cruce, o prezo aumentou un 2,4% respecto a 2020 (foran 770 euros/unidade) e diminuíu un 2,2% respecto a 2019 (foran 807 euros/unidade).

Importantes melloras

A Central realizou este ano importantes melloras para optimizar os resultados dos usuarios e garantir maior calidade e benestar das reses, como a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías e da transferencia como único método de pago para evitar tanto frecuentes perdas de cheques por parte dos gandeiros como o cobro de comisións cando ingresan o cheque noutra entidade distinta á que opera coa Central.

Así mesmo, este ano seguiuse traballando na aplicación informática implantada en 2020 para que poidan crear contas personalizadas nas que os vendedores reciban nos seus móbiles documentación de interese. En canto ao benestar animal, levaron a cabo diversas melloras, entre elas o incremento da calidade das camas das reses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información