O vacún de carne galego perde comba co do resto de España

Unións Agrarias sostén que a carne no resto de España repuntou un 23% no último ano, por un 7% de recuperaciónen Galicia, o que considera que se debe a un certo "monopolio" que se dá no mercado galego. Tanto Unións como o Sindicato Labrego anuncian, por separado, novas mobilizacións en demanda de apoios para a gandería de vacún de carne

José Ramón González e Iván Raposo, durante a rolda de prensa deste venres

José Ramón González e Iván Raposo, durante a rolda de prensa deste venres

O sindicato Unións Agrarias anuncia mobilizacións a partir do vindeiro 9 de xaneiro pola situación na que se atopa o sector da carne de vacún, cunha redución drástica da rendibilidade das explotacións como consecuencia do encarecemento dos custos de produción, que se prevé que vaian aínda en aumento a partir de comezos de ano, coincidindo ademais cun momento tradicional de baixada nas coticacións da carne.

UUAA plantexa “un tempo de diálogo” durante as vindeiras semanas, un ultimátum que concluirá o vindeiro 8 de xaneiro, antes de dar paso a accións reivindicativas enmarcadas dentro dunha campaña de mobilizacións fronte a Administracións Públicas e superficies comerciais que están a “banalizar o produto”, segundo anunciou este venres en rolda de prensa o gandeiro ourensán José Ramón González, responsable de producións extensivas en UUAA.

O produto xenérico subiu de prezo tres veces máis este ano que o produto amparado na IXP Ternera Gallega

José Ramón González denunciou ademais a “situación anómala” que se produciu este ano, onde a recuperación de prezos foi menor en Galicia con respecto ao resto do Estado. “Tendo en conta as cotizacións das distintas lonxas de carne de abasto, os prezos aumentaron desde o mes de xaneiro un 23% a nivel estatal e só un 7% en Galicia. Algunha responsabilidade terá nisto a Xunta de Galicia”, engadiu.

Situación de monopolio

A maiores, dixo, no sector da carne en Galicia dase unha circunstancia engadida, pois a revalorización das cotizacións foi desigual, afectando en menor medida aos produtores de carne de maior calidade, a amparada baixo o selo Ternera Gallega Suprema.

“Desde principios de xaneiro a principios de decembro a suba das cotizacións de Ternera Gallega é do 7,5%, cando o resto da carne do mercado de Amio, fóra do que é Ternera Gallega, subiu un 13%. É dicir, o produto xenérico subiu de prezo dúas veces máis en Galicia e tres veces máis no resto do Estado que o produto amparado pola IXP Ternera Gallega. Se seguimos así imos chegar a que o prezo da carne convencional se iguale ao da Ternera Gallega e iso é a morte para calquera Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida”, asegurou.

Hai un problema na canle de comercialización da carne galega, non hai liberdade real de mercado e os prezos están atrapados

José Ramón González achacou estas disfuncións no mercado de prezos á situación de “monopolio” que exerce a cooperativa Coren, principal compradora de animais da IXP a través do matadoiro Novafrigsa de Lugo. “Hai un problema na canle de comercialización da carne galega, non hai liberdade real de mercado e os prezos están atrapados. Hai unha situación de monopolio que non permite que os prezos do produto se comporten como deberían”, asegurou.

Reunión e mobilización do Sindicato Labrego este luns en Lugo

O Sindicato Labrego Galego convoca ás ganderías de vacún de carne a unha asemblea sectorial o vindeiro luns 20 de decembro ás 11.30 horas no Salón de Actos do Edificio Sindical (Lugo) para analizar a situación do sector. Seguidamente terá lugar unha mobilización ás 13.30 horas diante do edificio da Xunta de Galicia (Lugo).
A organización agraria considera que o sector de vacún de carne enfróntase ó “desleixo das Administracións desde fai anos”, unha situación agravada pola suba dos custos de produción.

O Sindicato Labrego cuestiona que non existan mecanismos para evitar a venda da carne por debaixo dos custos de produción, algo do que responsabiliza a Xunta e Ministerio. Para paliar provisionalmente a situación, a organización empraza á Xunta a convocar unha liña de axudas directas por vaca nodriza.

Demanda igualmente que haxa unha diferenciación no mercado entre a carne das ganderías de vacas nutrices e os cebadeiros, pois consideran insuficiente a diferenciación que introduce no mercado a Ternera Gallega Suprema.

Revalorizar o selo Suprema

As organizacións agrarias coinciden na necesidade de diferenciar a carne de Suprema no mercado. “Necesitamos que o buque insignia da comercialización de carne en Galicia sexa a marca Ternera Gallega Suprema, é preciso revalorizala como un produto delicatesen dando a coñecer a marca ao consumidor dentro e fóra de Galicia”, insiste José Ramón González.

Neste sentido, José Ramón González esixiu unha campaña de difusión sobre a diferenciación que supón a Ternera Gallega Suprema e unha campaña de promoción fóra de Galicia, “onde esta carne é moi ben valorada”, dixo.

Estamos detectando que nalgunhas áreas comerciais estase producindo unha banalización da carne galega, usando a Ternera Gallega como un produto reclamo

Sen embargo, denunciou a depreciación do produto e a súa utilización como reclamo en determinadas cadeas de supermercados. “Estamos detectando que nalgunhas áreas de distribución estase producindo unha banalización do produto. Non pode estar a Ternera Gallega Suprema ao prezo das carnes xenéricas. Pero estamos vendo que nalgunhas cadeas usan a Ternera Gallega como un produto de reclamo. É algo que non imos consentir”, avanzou.

Reivindicacións diante da Xunta de Galicia e o Ministerio

O calendario de mobilizacións que Unións Agrarias porá en marcha tralo Nadal inclúe unha serie de reivindicacións diante das Administracións públicas, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central.

Á Consellería do Medio Rural UUAA esíxelle que poña en marcha “unha liña de axudas directas á renda das explotacións, igual que a que houbo o ano pasado, porque a situación este ano é moito peor pola suba dos custos de produción que se produciu”, argumentou José Ramón González.

A Consellería ten que garantir a renda das explotacións con axudas directas, como fixo o ano pasado, e adiantar os pagos agroambientais e de alta montaña do PDR

Do mesmo xeito, reclaman unha reprogramación dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural, de maneira que as axudas directas agroambientais e de alta montaña vinculadas á PAC poidan ser cobradas “de xeito anticipado no primeiro trimestre do ano 2022” e que vaian dirixidas “ás explotacións de carne con vacas nodrizas”.

Se hai axudas do Ministerio para paliar a suba de custos de produción do sector lácteo tamén as debe haber para o sector da carne porque non estamos mellor

Pola súa banda, as reivindicacións diante do Ministerio de Agricultura pasan pola inclusión do sector do vacún de carne na previsión de posibles axudas destinadas a paliar o incremento de custos de producción na gandería, como as que se barallan para ás explotacións leiteiras. “Se o ministro o outro día anunciou que está disposto a poñer en marcha axudas para o sector lácteo, esiximos que se habiliten tamén axudas para o sector da carne, porque non estamos mellor”, xustificou José Ramón González.

A viabilidade do sector pasa pola recuperación de prezos, pero as axudas son un parche imprescindible neste momento mentres os prezos non se recuperen

“É necesario un Plan de viabilidade para o ano 2022 para o sector da carne, xa que vai ser un ano moi difícil para as explotacións, que faga fronte á previsible caída de prezos do primeiro trimestre do ano, como vén acontecendo historicamente. Temos claro que a viabilidade neste sector ten que pasar pola recuperación de prezos, pero as axudas son un parche imprescindible neste momento mentres os prezos non se recuperen”, afirmou.

Un sector clave para evitar o despoboamento

En Galicia hai unhas 20.000 ganderías de vacún de carne, 8.000 delas inscritas en Tenreira Galega, das que unhas 6.000 teñen máis de 20 reprodutoras e están consideradas como explotacións profesionais, segundo detallou Iván Raposo, responsable sectorial de carne en UUAA.

A provincia de Lugo acapara a metade das ganderías de vacún de carne de Galicia, seguida de Ourense e A Coruña. Un terzo das explotacións atópanse situadas en zonas de montaña e representan o verdadeiro motor económico deses concellos, afectados na maioría dos casos por problemas de despoboamento e avellentamento da poboación.

A idade media dos titulares de explotacións de vacún de carne en Galicia é de 55 anos

“Por mor dos baixos prezos e a suba dos insumos estase a vender por debaixo dos custos de produción. O custo medio de producir un xato hoxe supera en 150 euros o de comezos de 2020 e estase a vender ao mesmo prezo que hai 20 anos. Isto é un problema para a continuidade das explotacións”, asegurou Iván.

O custo de producir un xato supera hoxe en 150 euros o de comezos de 2020

Aos baixos prezos da carne e o incremento dos custos de produción engádese “a redución dos pagos da Administración polos servizos ecosistémicos e medioambientais que realizan este tipo de explotacións”. “A foto é moi preocupante”, segundo Unións Agrarias, que augura “unha cadea de despoboación e envellecemento, agravando a situación xa existente nestes concellos”.  

Os mozos que se incorporaron ao sector nos últimos anos non poden abandonar porque teñen compromisos de permanencia por mor das axudas que recibiron

“A maioría das explotacións están tirando de aforros ou de endebedamento, pero malia estaren perdendo cartos, os mozos que se incorporaron ao sector nos últimos anos non poden abandonar, teñen compromisos de permanencia por mor das axudas de incorporación e os plans de mellora”, explicou.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información