“O vacún de carne equivale a unha multinacional con 50.000 postos de traballo directos en Galicia, pero non se nos valora”

Aproximámonos ó sector de vacún de carne e a algunhas das problemáticas que afronta nestes tempos de man de Samuel Formoso Salgado, gandeiro de Vilar de Barrio (Ourense) que acaba de ser elixido como representante do sector no Sindicato Labrego Galego

“O vacún de carne equivale a unha multinacional con 50.000 postos de traballo directos en Galicia, pero non se nos valora”

Samuel Formoso Salgado na súa gandería de Rubia Galega.

Samuel Formoso Salgado acaba de converterse no novo responsable do sector da carne de vacún no Sindicato Labrego Galego. Este gandeiro de Vilar de Barrio (Ourense) tomou o relevo na gandería familiar hai uns 25 anos. Daquela, deixaba o traballo nun almacén de agasallos de Ourense para retornar á aldea e apostar pola gandería. Ademais de gandeiro, Formoso é presidente dunha comunidade de montes e concelleiro do BNG neste concello de pouco máis de 1.800 habitantes do Macizo Central.

Abordamos con el temas como a caída dos prezos, a xestión do lobo ou a reforma da nova PAC, ó tempo que coñecemos a súa gandería e forma de traballar. 

-Como afrontas este novo labor como responsable de Vacún de Carne no Sindicato Labrego? Que te levou a dar o paso?
-Dende que me incorporei á gandería sempre estiven vinculado ó Sindicato Labrego, tanto na directiva da carne como na dirección nacional. Nos últimos anos, tiña menos dispoñibilidade por temas familiares. Agora para renovar a directiva, aínda que hai moita xente máis nova ca min e moi preparada, querían unha persoa que tivera experiencia, propuxéronmo e non souben dicir que non. A verdade é que eu estou metido en tódalas guerras onde non se gañan cartos.

-Cales son as prioridades máis inmediatas?
-O máis urxente son os prezos, xa que coa crise do Covid-19 estamos atravesando unha época moi complicada cunha baixada dos prezos do quilo en canal nos becerros entre 50 e 70 céntimos, o que supón máis de 100 euros por animal. A isto súmase que xa arrastrabamos prezos de hai 30 ou 40 anos, posto que nunca pasamos dos 5 euros por quilo en épocas boas, e agora estamos en pouco máis de 4 euros. Ningún produtor debería de cobrar por debaixo dos prezos de produción, debería de estar regulado tamén en beneficio do propio consumidor.

Cada vez valórase menos os produtores non só de carne senón ó agro, pese ó peso que teñen. En Galicia, só os produtores de vacún de carne supoñen uns 50.000 postos de traballo directos, xa que temos case 20.000 granxas ás que se suman unhas 500 ganderías mixtas. Cómpre ter en conta que, na maioría destas ganderías traballan alomenos 2 persoas. Estamos ó nivel de multinacionais coma Inditex ou Citroën en volume de postos de traballo, pero non se nos valora como tal. Nesta época de crise, onde a creación de postos de traballo é tan importante, debería terse en conta que nas ganderías estanse mantendo.

“Temos que facer fronte ós tratados de libre comercio que utilizan a carne como moeda de cambio”

-Que liñas de acción deberían seguirse para frear estas caídas de prezos?
-Un dos temas que debe abordarse é o dumping que nos producen os tratados de libre comercio que utilizan a carne como moeda de cambio para poder vender outros produtos en terceiros países. Utilizan a nosa carne para facer tratados con Mercosur ou con Canadá, de xeito que se importa carne a baixos prezos, procedente, moitas veces, de zonas que foron deforestadas no Amazonas para a produción desta carne, unha realidade que non lle contan ó consumidor. Esta carne compite nos limiares coa carne de calidade que se produce en Galicia, onde a maioría son ganderías en extensivo.

Politicamente tamén se debería incidir en fixar uns prezos mínimos para que ninguén produza por debaixo dos custos de produción, para que a xente se manteña nesta actividade e que a xuventude vexa a gandería e o rural como algo atractivo, para evitar que isto sexa un deserto. Cada vez máis, os grupos que comercializan a carne son máis potentes e repártense en 5 ou 6 grupos que fixan os prezos para gañar eles máis. Estase vendo cos prezos actuais da carne: mentres ós produtores nos baixaron o prezo, o consumidor segue pagando o mesmo no supermercado que hai un ano. Mesmo en épocas de crise hai quen se está aproveitando para gañar cartos.

-Cada vez máis produtores están optando pola comercialización directa, que perspectivas de futuro lle ves?
-Non é unha alternativa para a gran maioría. Creo que en zonas puntuais, sobre todo naquelas ganderías próximas ás cidades, é unha vía para ter mellores prezos, producindo calidade e menos cantidade. Ademais permite estar preto do consumidor, de maneira que se logra unha confianza que no maiorista non se ten.

Cada vez hai máis xente que opta por iso, que diversifica con outras producións como de polos ou horta. Agora estamos vendo como a cada paso hai menos matadoiros comarcais, e isto tamén está limitando moito este tipo de iniciativas. En Ourense xa só temos un matadoiro comarcal. Con todo, no campo estanse facendo iniciativas moi interesantes, aínda que moitas veces non se chegan a coñecer como deberan. Creo que debemos apostar máis polos pequenos produtores. É preferible que haxa 10 produtores con 50 vacas que un só que teña 1.000 ,como está pasando no Macizo Central, onde quedan cada vez menos ganderías.

-Dende o Sindicato Labrego levades anos reclamando maior transparencia nas pesadas dos matadoiros cun sistema de control por parte da Xunta, segue a ser un problema nos principais matadoiros de Galicia?
-É algo que levamos reclamando dende sempre. Hai a desconfianza de que nos pesos os matadoiros non son todo o transparentes que deberan. Tampouco é unha cuestión que afecte só o vacún de carne, senón que se reclaman básculas en moitos sitios e sectores por esa desconfianza. A Administración debería facer uns controis e que as pesadas sexan transparentes.

-Nos últimos tempos tamén volveu a reactivarse o debate sobre a presenza do lobo, que opinión tes ó respecto?
-A maioría dos gandeiros mozos non están en contra do lobo, o que non queren é que o custe de manter especies como o lobo ou o xabaril nos montes recaia sempre sobre o gandeiro. A presenza desta fauna no monte supón un beneficio para toda a sociedade, pero non pode ser só a poboación rural, e en especial os gandeiros, quen asuman o custe a base de perdas nas súas ganderías. Ademais, seguimos arrastrando problemas como a burocracia que supón os ataques para os produtores, mentres seguen demorándose os pagos e sendo insuficientes para compensar os danos. Fauna si, pero o custe non pode ser só para a xente que vive no territorio, senón que debe corresponder a toda a sociedade.

“Cada persoa que se xubila é unha gandería que pecha, non hai remuda xeracional porque ós mozos non lles resulta atractivo adicarse á actividade agraria ou gandeira”

-Dise que o sector da carne de vacún é un dos motores contra a despoboación, velo así coa túa gandería e na túa zona?
-Por suposto. Cando me incorporei, no meu pobo había unhas 15 ganderías cunha media de entre 15 e 20 vacas de carne, hoxe quedamos 4, a miña é unha das de maior tamaño e o resto arredor dunhas 20 vacas. Cada persoa que se xubila é unha gandería que pecha, non hai relevo xeracional porque ós mozos non lles resulta atractivo adicarse a actividade agraria ou gandeira. Hai múltiples causas para iso, entre as que se atopa o desmantelamento dos servizos que se está vendo.

Ninguén valora os beneficios que aporta para a sociedade que siga habendo xente que viva en zonas como o Macizo Central, polo mantemento e conservación da biodiversidade que fan desta zona ou a contribución na loita contra os lumes forestais e ningunha subvención valora esta contribución e os sacrificios que están a ter que asumir pola falta de servizos. A PAC debería de recoller as achegas destas ganderías á sociedade. Calquera administración debería de primar o rural.

Están moi ben iniciativas como as aldeas modelo, pero é imprescindible que se sigan mantendo os servizos básicos que xa había no rural e que son tan importantes para mantelo vivo, como as liñas de tren ou autobús que se foron suprimindo, os médicos ou escolas do rural que foron pechando…

-Como é a túa gandería? Cóntanos como traballades.
– Somos dos poucos que quedamos na Limia como gandeiros en extensivo. Parte do gando téñoo na antiga Lagoa de Antela, unha zona que estamos a recuperar, xunto coa Sociedade Galega de Historia Natural. Estes terreos eran comunais e pertencen á parroquia de Bóveda. Cando se desecou a lagoa, dividiuse en dous, un deles pertence ó pobo de Bóveda e foi plantado de piñeiros, e outro é do pobo de Vilar de Gomareite. Neste último, cando se fixeron as concentracións parcelarias eses terreos quedaron ocupados por un vertedoiro de cascallos e agora dende a Comunidade de Montes estamos colaborando para recuperalo. Grazas a subvencións estamos retirando o plástico e os cascallos que alí se verteron para que quede un mosaico do que era a antiga lagoa.

Eu teño unha gandería duns 93 animais de raza Rubia Galega, logo a miña muller ten outra gandería a uns 20 quilómetros onde chegamos a ter 24 vacas. Traballamos en semiextensivo, unha parte do rabaño téñoo no monte e outra pastorea máis próxima da gandería. Este gando traioo para a granxa á noite para evitar que fagan estragos nas leiras de patacas e cereais que se cultivan nesta zona.

-Como comercializas a carne?
-Os xatos están coas nais ata os 7 meses, como esixen dende Ternera Gallega, e logo comercialízoos ós 9 meses a través dunha pequena cooperativa de Maceda coa que estamos asociados a unha cooperativa de Monforte de Lemos, o que nos permite comercializar a carne a través da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros.

“Cada reforma da PAC pónnolo máis difícil ós pequenos produtores. É unha aberración que se pague por superficie no canto de por produción”

– A redución de base territorial para as ganderías en extensivo é unha das problemáticas que arrastra o sector dende hai anos, como valoras a situación actual?
-É un tema que estamos vendo no día a día, sobre todo coas plantacións en terreos agrarios que se están facendo con eucalipto nos últimos tempos. Temos unha ferramenta como o Banco de Terras que non está a funcionar, con importantes atrasos na súa xestión, mentres que a Consellería se empeña en poñer en marcha unha nova lei para mobilizar as terras no canto de poñer a funcionar ben o Banco de Terras. Agora mesmo hai zonas cun importante problema de falta de terras e noutras, como é o caso do Macizo Central están quedando en mans de 3 ou 4 que lles interesa telas para poñelas na PAC, o que fai que tampouco haxa terra dispoñible para a xente nova que se quere incorporar.

-No Congreso da Carne tamén abordastes a nova PAC, como credes que vos afectará as ganderías de vacún de carne?
-Cada reforma da PAC pónnolo máis difícil ós pequenos produtores, faise só mirando ós grandes terratenentes. É unha aberración que se pague por superficie no canto de por produción, así a xente quere acaparar terra aínda que logo produza unha cantidade mínima. Ademais, con cada reforma increméntase a burocracia.

“Tanto os gobernos como a Unión Europea van ter que volver mirar ó seu sector produtivo e comezar a valoralo como debe”

-E no caso dos fondos New Generation, vedes unha oportunidade tamén para o sector da carne?
-É unha das batallas que estamos tendo dende o Sindicato para evitar que estes fondos rematen nas mans duns poucos e que son os que acaparan sempre estas partidas, xa que estes fondos poden servir para fixar poboación no rural con inversións necesarias e que revitalicen estas zonas.

-Que perspectivas de futuro ves para o sector?
-Son optimista. Nos últimos anos xa afrontamos moitos problemas (Vacas tolas, gromos de Brucelose, arrastramos os prezos baixos, agora a Covid-19 …) e seguimos resistindo. Eu son dos que pensa que a medio prazo a alimentación volverá dar un cambio, xa que volverá incrementarse o prezo dos carburante e os insumos, como a soia ou millo, que chegan dende Latinoamérica, e certas ganderías terán dificultades para resistir, mentres que outras máis ligadas ó territorio resistirán mellor. Tanto os gobernos como a Unión Europea van ter que volver mirar ó seu sector produtivo e comezar a valoralo como debe, xa que traer comida doutros países resultará máis caro e non ten sentido ter parte do territorio abandonado no canto de producir o que se precisa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información