O vacún de carne encalla no Parlamento

Os grupos da oposición presentaron hoxe unha proposta para que a Xunta aumente con fondos propios a axuda asociada por vaca reprodutora. Tamén para ampliar os concellos nos que as ganderías teñen dereito a cobrar a axuda complementaria por convivencia co lobo, pero o grupo popular rexeitou ambas proposicións

Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.

Produtores de carne de vacún manifestándose este martes en Lugo diante da delegación da Xunta

Esta semana estivo protagonizada polas protestas que os produtores de vacún de carne están a levar a cabo en Lugo en demanda dun prezo de venda dos xatos que cubra os custos de produción e de cambios na Política Agraria Común que, din, prexudica ao sector.

Pero malia que alcaldes do PP e cargos públicos da Xunta apoiaron o martes coa súa presenza a marcha convocada pola Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego o grupo popular negouse a aprobar os cambios que os produtores solicitan á Consellería do Medio Rural.

Ampliar os concellos nos que as ganderías teñen dereito a cobrar as axudas por convivencia co lobo e complementar o pago asociado por vaca nodriza son algúns dos cambios na aplicación da PAC que reclaman os gandeiros. Ambas cuestións formaban parte de senllas Proposicións non de lei presentadas polo PSOE e o BNG, que non saíron adiante debido ao voto en contra dos deputados do PP.

Mapa de presenza de grandes carnívoros

A Proposición non de Lei do PSOE pedía á Xunta a modificación do listado de concellos con alta incidencia de ataques do lobo para incluír a aqueles onde se teñen producido perdas recorrentes nas ganderías.

O deputado socialista Martín Seco citou entre outros Piñor e San Cristovo de Cea, en Ourense, e Pedrafita, As Nogais, Bóveda, Cervo e Chantada na provincia de Lugo. Son municipios nos que se están a producir ataques sen que estes lugares estean incluídos no mapa de zonas afectadas que establece a Consellería de Medio Ambiente e que se toma como base para o cobro da nova axuda establecida pola Xunta na PAC ata 2027.

O mapa de concellos con alta incidencia de lobo foi elaborado no ano 2009 e modificado no ano 2021 para incluír 22 concellos adicionais

“Dentro da nova liña de axudas agroambientais da PAC para xestión sostible de pastos en zonas de convivencia con grandes carnívoros, a Consellería está propoñendo un listado que está obsoleto, pois a Xunta está usando listaxes do ano 2009 eleboradas polo bipartito cando se redactou o Plan de Xestión do Lobo”, denunciou o PSOE.

Para cobrar esta axuda complementaria, de 75€/ha, ademais de atoparse nun concello designado como de alta incidencia de ataques, a explotación deberá contar con cando menos 15 cabezas de gando maior, realizar pastoreo e dispor de de sistemas de vixiancia, como dispositivos GPS ou mastíns.

Falta de xestión da especie durante 14 anos

O PSOE asegurou que os ataques do lobo están a incrementarse nas comarcas da Mariña, A Ribeira Sacra e os Ancares e en concellos da provincia de Ourense, polo que acusou á Xunta de “falta absoluta de xestión da especie durante 14 anos”.

“Seguen sen poñer ao día o Plan de Xestión do Lobo”, criticou Martín Seco, que expuxo que os censos de lobos en Galicia cuantifican a presenza de 93 grupos reprodutores, un 30% da poboación de toda España. “Prodúcense anualmente unhas 3.200 baixas de gando bovino, ovino e cabalar pero só se declaran 2.400 por culpa das trabas burocráticas que fan moi difícil demostrar os danos”, indicou.

Os gandeiros renuncian a pedir as axudas polas trabas que lles poñen e as valoracións non teñen en conta o lucro cesante (Martín Seco, PSOE)

O deputado socialista criticou tamén a “nefasta xestión” das axudas para peches contra o lobo do ano 2022. “Ata o 13 de novembro non se fixo pública a resolución de beneficiarios, que tiñan de prazo ata o 9 de decembro, é dicir, unicamente tres semanas para levar a cabo os traballos, un tempo insuficiente para adquirir o material e acometer os traballos de facer peches quilométricos”, dixo.

É a caza a solución?

Por parte o PP, Miguel Prado Patiño rexeitou a proposición socialista e dixo que “a Xunta ten feito os deberes neste ámbito” tras pedirlle á ministra de Medio Ambiente “que pida perdón por incluír o lobo no Listado de Especies en Protección Especial e complicarnos a vida no rural”. “No rural non temos delincuencia pero o lobo intimida e a xente deixa de pasear e ir ao monte”, argumentou.

“O lobo fai falta no monte e son o primeiro en defendelo, pero controlado. O lobo dura de 10 a 16 anos e ten camadas amplas. Non hai ningún animal que o controle se non o fai o home”, defendeu, logo de expoñer que “os ataques do lobo duplicáronse nos últimos anos”.

O lobo é un animal exemplar e queremos que estea no monte, pero controlado (Miguel Prado, PP)

Desde o BNG, Xosé Luis Rivas, Mini, apoiou a iniciativa presentada polo PSOE pedindo “aumentar as axudas e a protección do gando” e preguntouse se a caza é “sistema dabondo” para “acabar co problema do xabarín e regular o lobo”.

“Os cazadores por desgraza están a desaparecer. Non podemos basealo todo na caza; hai que buscar outras fórmulas. É necesario abrir ese debate e en Cataluña xa o están a facer”, dixo Martín Seco, que concordou co PP en que “o lobo hai que xestionalo, porque o lobo non ten animais no monte que controlen a especie” pero acusou á Xunta de “buscar desculpas”. “Permítense cazar selectivamente exemplares concretos das mandas pero nos últimos 10 anos non se fixo”, denunciou.

Hai unha falla absoluta de comunicación entre a Consellería de Medio Ambiente e a de Medio Rural (Martín Seco, PSOE)

“Os gandeiros de carne non poden ser os que se leven as bofetadas desta guerra entre a Xunta e o Goberno central”, dixo Mini, en relación á negativa do Goberno galego a adoptar a estratexia do Ministerio para a xestión da especie, o que lle fixo perder a Galicia 4,3 millóns de euros no reparto de fondos estatais para compensar danos do lobo.

“Hai que pagar e tomarse a cousa en serio”, afirmou o deputado nacionalista. O BNG pide estender os concellos susceptibles de cobrar a axuda por convivencia co lobo a todos aqueles nos que houbo ataques nos últimos 5 anos.

O PP rexeita que a Xunta poña fondos propios para complementar as axudas da PAC por vaca nutriz

Na Proposición non de lei presentada polo BNG pedíase á Xunta unha serie de actuacións para compensar as desvantaxes que provoca no sector do vacún de carne a entrada en vigor do novo período da PAC.

“As explotacións profesionais produtoras de carne estanse vendo directamente afectadas cos cambios producidos”, afirma a deputada do BNG Carmen Aira, que considera que “sofren unha clara discriminación a respecto das de leite, quizais porque as súas organizacións asociativas teñen menos peso que as do leite”, argumentou.

“O diñeiro da PAC é o que é, é unha bolsa pechada e se se pon nun lado hai que sacalo do outro, por iso é necesario que se poñan máis fondos propios”, defendeu a deputada nacionalista.

A proposición non de lei do BNG incluía algunhas das reivindicacións da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema

No caso das vacas leiteiras, o pago asociado establecido no Plan Estratéxico da PAC pasa de 132 a 158€ (181€ en zonas de montaña) para o actual período 2023-2027, mentres para as vacas nutrices de carne non se incrementou e sitúase en 85€.

Por iso, o BNG, facéndose eco das demandas da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, solicitaba da Xunta “unha liña específica para produtores de vacún de carne en extensivo ou semiextensivo, financiada con fondos propios, de 37€ por vaca reprodutora”.

O PP rexeitou a iniciativa e por boca do deputado José Antonio Armada defendeu as axudas establecidas polo Goberno galego para o sector, como os 17 millóns de euros pagados neste mes de marzo para paliar a suba dos custos de produción das ganderías de vacún de carne.

“A industria segue marcando os prezos”

O deputado popular puxo sobre a mesa medidas como a aprobación da Estratexia para o sector da carne ou a aplicación Contacarne para o cálculo dos custos de produción das granxas. “A quen vincula?”, preguntoulle Carmen Aira, que afirmou que “mentres non sexa vinculante non serve para nada porque a industria segue marcando o paso e a súa política é que non se pode molestar”, criticou.

O pastoreo do gando de carne é imprescindible para ter un rural habitable sen custo para a Administración (Carmen Aira, BNG)

“Pese a pequenos avances que houbo na negociación dos prezos seguimos agardando que se solucione o problema. Os gandeiros cobran a 6 euros o que lles custa 7 producilo e empezan a desfacerse de animais por non podelos manter”, afirmou Martín Seco, que pediu “que o Goberno galego e o estatal se impliquen moito máis no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria”. “Eu non vou esconder esa necesidade”, dixo en relación ao Ministerio de Agricultura, do que depende a AICA, o organismo oficial encargado da vixiancia e control.

“O PP maniféstase contra si mesmo”

Desde o PSOE e o BNG acusouse ao PP de acudir á manifestación do pasado martes en Lugo por “electoralismo”. “Esta semana vimos un Goberno que se manifestaba contra si mesmo, porque na protesta estaba a xefa territorial de Medio Rural en Lugo e o delegado da Xunta”, argumentou Martín Seco.

O PP trata de utilizar a protesta dos gandeiros porque está en xogo a Deputación de Lugo (Carmen Aira, BNG)

“Quen está deixando espido ao sector está aplaudindo o manifesto en primeira fila. A xente do PP apoia altruistamente a mobilización mentres a súa Consellería deixa tirado ao sector. Non será porque está en xogo a Deputación de Lugo?”, preguntou Carmen Aira.

“Véxoos moi nerviosos co tema de Lugo. Algo estaremos facendo ben e o día 28, o día das eleccións, sairemos de dúbidas. Estamos a facer os deberes, se non seguro que nos corrían a gorrazos da manifestación”, argumentou o popular José Antonio Armada.

Una idea sobre “O vacún de carne encalla no Parlamento

  1. José Ángel Regueiro Real

    A pregunta que me fago e supoño que se farán moitos gandeiros e ¿ como defenden as vacas do lobo co collar electrònico ? igual se refieren ós lobos da Xunta, ou e para decirlle os da xunta donde temos as vacas e que non
    se molesten moito para controlalas e darnos un zasca de cando en vez.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información