Galina Churkina, investigadora e profesora de Ciencias de Ecosistemas Urbanos na Universidade Tecnolóxica de Berlín centra a súa liña de investigación en torno ao crecemento urbano e a mitigación do cambio climático.
Churkina, que estivo este ano en Santiago de Compostela, no Foro Esenciais en Bioeconomía, organizado por XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, estuda este eido coa finalidade de avanzar no “desenvolvemento da urbanización dunha maneira sostible, favorecendo, ao mesmo tempo, a mitigación do cambio climático”.
A bioeconomía e o uso de materiais a partir de biomasa nas cidades “representan unha boa oportunidade e un alto potencial para avanzar na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Pódese avanzar na fixación de dióxido de carbono nas cidades mediante unha transición a un tipo de construción fundamentado na madeira”, afirma Churkina.
Fálenos das claves do seu traballo sobre crecemento urbano e cambio climático.
Hai dúas tendencias que nós observamos. Unha delas é que hai cambios no clima que están afectando a todo o mundo no noso planeta. A segunda é o crecemento da poboación e o crecemento das cidades, isto é, tendencias na urbanización. Neste sentido, estamos vendo que necesitamos atopar a maneira de abordar ambas tendencias, e así mitigar o cambio climático á vez que construímos cidades que sexan sostibles, sen ampliar o efecto da urbanización no clima.
Polo tanto, penso que a bioeconomía e o uso de materiais a base de biomasa nas cidades representan unha oportunidade e teñen un amplo potencial para contribuír co medio ambiente e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Basicamente, trátase de extraer unha parte do Co2 mediante o proceso de fotosíntese, e acometer unha transición a unha construción baseada na madeira, para así almacenar parte do carbono nos edificios.
É difícil explicarlle este tipo de cuestións á poboación. Como poderíamos explicar a compatibilidade entre a conservación do medioambiente e o aprovisionamento de materias primas nos bosques?
Hai dous tipos de movementos diferentes; un é protexer o bosque, que pretende ter máis masa forestal protexida e sen xestionar. Por outra banda, vemos o crecemento da industria forestal, dunha industria da construción fundamentada na madeira, e dunha industria téxtil con produción a partir de madeira e residuos de roupa. Entón, o desafío sería combinalos e para isto, unha das fórmulas é extraer recursos do monte asegurándonos de que despois eses bosques sigan medrando.
Ademais, é moi importante que estes materiais que cheguen ás cidades estean nelas o maior tempo posible, reutilizándoos e reciclándoos para así contribuír á fixación de carbono. Cómpre entender que non só temos que reciclar a nosa roupa, senón tamén os materiais de construción.
Un gran reto é cambiar a forma de construír para conseguir edificios rexenerativos, que poidan ser desmontados e reciclados ao final da súa vida útil
Desta maneira, creo que un gran reto é cambiar o sector da construción e a forma de construír para conseguir crear edificios rexenerativos, que poidan ser desmontados ao final da súa vida útil.
Cal é a súa perspectiva do sector forestal e dos cambios que está supoñendo o cambio climático?
Fai un tempo, colaborei nun estudo chamado ‘O panorama do sector forestal ata 2014’, que xorde do esforzo dun conxunto de científicos de diferentes disciplinas e diversos países. Este proxecto abordaba dúas grandes temáticas: unha era a dos cambios no sector forestal, e a outra era o cambio climático. Esta iniciativa pretendía poñer foco nun final conxunto, intentando prever o que sucedía se se comezaba construíndo con madeira, e vendo o efecto que tería nos montes desde a perspectiva do cambio climático.
Unha das cuestións que se plantexou foi que se tiña que facer para salvar parte deste carbono que está no monte -e que se podía queimar no seguinte incendio-, e como podía transferirse aos edificios de xeito sostible. Así que o ideal era ver ambas cousas, ata que chegamos ao punto de querer ver o crecemento deste tipo de economía que se basea nos materiais que proveñen do monte de forma natural. Iso si, sempre baixo a premisa de manter o monte vivo, e coa necesidade de xestionar este sumidoiro global de carbono xunto co desenvolvemento da industria.
Que cuestións cambiaría na xestión dos produtos da industria forestal?
Debería haber un impulso serio para a xestión sostible dos bosques e da construción resiliente co entorno forestal. Tamén creo que a industria ten que aprender a utilizar non só as plantacións forestais, senón os bosques mixtos. Así que as futuras plantacións deberían apostar por ese modelo, e ir acompañadas de cambios na industria.
Como chegou a investigar este tema e a partir de que formación o puido facer?
Comecei como matemática. Empecei matemáticas pero eran un pouco áridas para min, polo que me especialicei en ecoloxía matemática. Por iso, completei a miña educación en matemáticas pero dun xeito máis aplicado a esta rama, e máis tarde fixen o doutorado na Escola de Forestais da Universidade de Montana, nos Estados Unidos. Nese momento adentreime nun campo completamente diferente ao meu, pero, de novo, desde o meu coñecemento das matemáticas.
Foi entón cando me puxen a traballar na creación de diferentes modelos numéricos e outras ferramentas para estudar o efecto dos cambios do noso planeta no clima, e viceversa. Ao principio estudaba sobre todo ecosistemas naturais, pero dinme de conta de que as cidades son, actualmente, moito máis interesantes e complexas que os ecosistemas naturais, e substancialmente menos investigadas que os montes ou as pradarías. Polo tanto, fai dez anos decidín afrontar o desafío e comecei a estudar as cidades e aspectos da súa organización.