
Dende que naceu hai 35 anos, Bruno Botana Pérez conviviu coas vacas. Por eso, sempre tivo claro que se ía adicar á gandería. Tanto por convencemento como por non deixar perder o que foi o medio de vida da súa familia mesmo antes de nacer el.
Os Botana tiveron durante un tempo produción de leite pero xa dende moito antes de estar Bruno á fronte -vai para tres anos- só se dedican á carne. Na explotación traballa o rapaz a tempo completo e conta coa axuda do seu irmán, que ten outro emprego, dos seus pais e da súa cuñada. Está pensando en incorporar á súa moza, e xa analizaron as posibilidades.
O rabaño
Contan cunha media anual dunhas 70 vacas reprodutoras. Nalgúns momentos chegan a xuntar 120 cabezas pola presenza de xatos que aínda non están listos para saír ao mercado. Soe ser en momentos de máximo rendemento dos pastos.
A granxa está na media de partos de España, que se sitúa no 0,8 anual por vaca. Aínda que a rubia galega é a raza predominante, no rabaño contan con cruzamentos de todo tipo. Angus, Fleckvieh, Caldelá, Hereford, Asturiana dos montes, Pardo Alpina…
A intención é seguir facendo cruzamentos sen pecharlle as portas a ningunha raza, aínda que a Limousin deulles problemas de docilidade. Os touros conséguenos sen problema en ganderías da zona.
A facilidade de parto, a docilidade e a rusticidade son os parámetros que buscamos ao facer os cruzamentos (Bruno Botana, gandeiro)
“Máis do 90% das nosas vacas teñen unha enorme facilidade de parto. É un parámetro que sempre buscamos, xunto coa rusticidade e a docilidade. Eso non significa que non teñamos que estar presentes para asegurarnos de que o xato comece a mamar e de que a vaca non quede con secuelas.”
Para a preñez das vacas teñen nos montes dous touros de raza asturiana e outro nas instalacións e pasteiros que é cruzamento de Limousin e rubia galega. Malia que non hai ningún problema de consanguinidade, cada certo tempo introducen touros novos e sacan os vellos ou ben cámbianos de lote.
Na medida do posible, na granxa aplican a agrupación de partos de forma que a maioría dos xatos nazan entre abril e xullo. Así melloran a eficiencia produtiva, simplifican o manexo e reducen o estrés animal. Ademais, optimizan a man de obra e a alimentación.
Terreo e alimentación
Para a produción de forraxes e o aproveitamento de pastos, a explotación traballa unha superficie de 40 hectáreas. O resto da alimentación complétase co que os animais pacen no monte comunal de Estelo.
Os veciños non poñen ningunha pega a este aproveitamento do monte xa que as vacas dos Botana axudan a mantelo limpo de mato e a conservar unha paisaxe única como é a dos montes da Mariña luguesa. De feito, nesta zona non lembran ter padecido incendios forestais.

Bruno conta coa axuda dos seus pais para tarefas como achegar fariña de millo ás vacas que a precisan
“Se non fora polas vacas e os cabalos, esto sería unha silveira. Aquí estamos a 500 metros de altitude e moi preto do mar. O clima húmido e a composición do solo favorecen a aparición de maleza. Pero o gando e os cabalos non a deixan medrar.”
E é que o monte é o hábitat das vacas. “Aínda que ten nevado, non dura máis de un ou dous días. Así, as vacas só baixan ao prado nas épocas en que hai máis pasto ou cando enferman ou acaban de parir. O resto do tempo, eu calculo un 90% da súa vida, están sempre aquí arriba.” Ademais, contan cunha manga no monte na que poden pechar as vacas que presenten problemas para facerlles un seguimento aínda máis exhaustivo.
Poder dispoñer dos terreos do monte comunal fai que as vacas estean nun hábitat máis saudable case toda a súa vida
A alimentación é a base de pasto, herba seca, silo de herba e fariña de millo. En casos en que as vacas presentan algunha baixada de peso ou de actividade, compleméntanlle a ración con concentrado granulado que mesturan coa fariña de millo.
As vacas conviven no monte cos cabalos. Os Botana non posúen equinos pero non teñen ningún problema en compartir o espazo común. “Os cabalos comen algo dos rolos de silo que lles subimos ás vacas. Algunha vez tornámolos aínda que é unha perda mínima que podemos asumir sen problema. O caso é que o monte teña gando.”
O principal cultivo é o raigrás inglés, porque se adapta perfectamente á humidade da zona e porque dá un bo rendemento en silo. Non cultivan ningún cereal, nin sequera nas épocas de cebo das vacas e xatos.
Comercialización
A clientela da granxa é heteroxénea. “Vendemos a tratantes que levan para recría, a matadoiros cando os animais xa están cebados…E tamén leva exemplares a Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema.”
O volume de venda para vida pode ser en ocasións máis alto que o de para sacrificio ou cebo. “Depende de como estean as instalacións e os pastos en cada momento do ano. As nosas naves están algo obsoletas e foron concibidas para a produción de leite. Agora estamos planificando reformalas para adaptalas ás nosas necesidades.”

As vacas dos Botana comparten o monte común de Estelo cos cabalos do país
Bruno xa ten cebado animais vellos, e con bon resultado. “As experiencias previas con vacas foron moi positivas tanto polo peso dos animais como polo que nos pagaron. O vacún vello está a medrar en demanda. Por eso xa teño pensado criar algún boi tamén. Teño que adaptar o espazo dispoñible para a ceba, que duraría uns catro meses, eso si. Pero véxoo como unha moi boa opción de comercialización.”
Penso que os gandeiros da zona debemos buscar fórmulas para realizar unha comercialización conxunta dos nosos produtos
“Creo que o futuro da gandería de carne de vacún e incluso de cabalo nesta zona pasa pola cooperación entre produtores. Non sei cal será a forma xurídica máis acaida. Pode ser unha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), unha cooperativa…a cuestión sería comercializar nós a nosa carne.”
“Pode ser en fresco, conxelada, envasada ou elaborada. Pero a fórmula ten que ser a de que nós mesmos produzamos, sacrifiquemos, elaboremos e comercialicemos. E temos gandeiros suficientes nesta zona ou mesmo poderiamos ampliar ao resto da Mariña e á Terra Chá. Claro que a burocracia dificultará todo o proceso e as industrias non estarán moi dacordo.”
Sanidade animal
O nivel de illamento que ofrece o monte da unha certa tranquilidade a Bruno fronte as doenzas de transmisión por vector como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC).
“Polo de agora non tivemos problemas e as nosas vacas non entraron en contacto con outros rabaños ou exemplares de fóra. Pero é algo que nos preocupa moito. Porque a actual obriga de sacrificar todo o rabaño cando aparece un caso de DNC sería ruinosa para nós. Para nós e para calquera, vaia.”
As enfermidades de transmisión por vector de contaxio supoñen unha fonda preocupación malia estar nunha contorna illada
“O índice de mortalidade da EHE e da DNC son moi baixos -de menos dun 5%- e as vacas enfermas sóense recuperar. E as enfermidades non afectan o ser humano. Por eso vemos moi drástico o sacrificio masivo. Dun golpe así é moi difícil recuperarse e seguir coa actividade.”
Aínda que o monte semella o mellor hábitat para o gando dende o punto de vista sanitario, o certo é que a cabana non está exenta de problemas. “Temos dende pneumonías ata animais que en poucos días baixan ata cinco quilos de peso, infeccións urinarias…Ben é certo que non é nada preocupante nin masivo, pero sempre hai un gasto veterinario.”
Fauna salvaxe
O lobo é un problema en toda a serra do Xistral e no resto das zonas altas da antecosta luguesa. “Se unha vaca pare no monte, inmediatamente baixámola a ela e ao xato para as naves ou para os pasteiros da casa. Así están protexidos polo resto de vacas paridas e crías.”
Non descornan nin desmochan por cuestión do lobo. Prefiren que haxa algunha lesión leve pola competencia entre as vacas polo alimento que deixalas sen esa defensa e asumir o gasto en cartos e tempo que supón esa práctica.

Cando as vacas paren son trasladadas ata as instalacións e os pastos baixos para protexelas do lobo
Para os Botana o uso dos mastíns non é moi viable. Porque o gando está nunha zona do monte por onde pasan moitos turistas facendo rutas de sendeirismo. Aínda que o gandeiro supón que o fan por ben, o certo é que o contacto cos humanos acaba por malear os cans e perden a súa efectividade.
O lobo leva feito moito dano tanto nesta zona como nos concellos lindeiros
“Está estendido o mito de que o lobo non ataca ás vacas no monte se hai cabalos. Pero non é certo. Nesta zona levan matado moitos xatos. Peor aínda, matan varios e só comen un. Non é certo que se conformen cos corzos ou cos xabarís, que aquí tamén abundan.”
Tamén o xabaril lles causa problemas ao estragar prados mesmo preto da casa. “E eso que os cazadores aquí están bastante comprometidos e fan un labor eficaz. Pero hai tantos xabarís que acaban provocando mermas sensibles na produción de pastos e forraxes.”
Manexo e novas tecnoloxías
O manexo que fai a granxa faríaa plenamente compatible co modelo ecolóxico. Sen embargo, non deron ese paso. “Hai moitas informacións a favor e en contra dese modelo. Teriamos que comprobar que os concentrados ecolóxicos desen o mesmo resultado ca os actuais, porque son moi caros. Polo demais, non empregamos ningún compoñente químico no noso traballo.”
“As novas tecnoloxías están funcionando mellor cas antigas. Internet vai perfectamente e facilítanos tarefas administrativas e de control do gando. En cambio, as pistas están en estado ruinoso e dificultan o noso movemento e ata o das vacas.”

O cruzamento entre diferentes razas da un aspecto heteroxéneo ao rabaño
Os balados virtuais están medrando na gandería extensiva, pero aquí non semellan necesarios. “Nós subimos ao monte os 365 días do ano e sabemos ben por onde se moven as vacas e onde non van ir. Poderíanos interesar algún sistema de localización, especialmente para vacas próximas ao parto. Para telas controladas e actuar en canto paran. Os balados non os precisamos de momento.”
Non rexeitamos o uso de novas tecnoloxías pero para nós é prioritaria a observación directa e diaria das vacas
Tamén hai dispositivos para detectar o nivel de rumia, os movementos da vaca ou a ausencia destes, os celos… “Nós facemos unha observación activa que nos permite detectar o estado das vacas. Sempre hai algo que se che pode escapar, pero non é habitual. Podemos prescindir por agora de alta tecnoloxía. Somos seis persoas dispoñibles para atendelas en calquera momento do día e a noite.”
Parque de maquinaria
O parque de maquinaria consta de catro tractores. “No inverno case usamos só o de traerlles o silo e a herba seca ás vacas no monte. Pero no verán non damos abasto. Temos que aproveitar os días bos para facer forraxes e xa nin desenganchamos as máquinas.”
Unha máquina que consideran moi atinada é a de esparexer os rolos de herba. “Custou 9.000 euros e ten un mecanismo básico. Pero reduce enormemente o tempo de traballo e fai moito máis efectivo o reparto das racións.” A maiores, contan cunha rotativa, unha hileradora, dúas máquinas de facer os rolos e unha cisterna para o xurro.

Coa observación diaria detectan que animais precisan dun suplemento alimentario
Con esa maquinaria producen pastos e forraxes nas 40 hectáreas que manexan na aldea. En anos en que o clima non axuda -coma este- teñen que mercar alimento en leiras da contorna. “Pero compramos en fresco, é decir, encargámonos nós de segalo e ensilalo. Así, reducimos custos e tempo.”
Tentamos empregar a nosa maquinaria o máximo posible e non depender de empresas de servizos agrarios
Con todo, non desbotan a curto prazo mercar ou mesmo producir palla tanto para a cama dos animais que teñen que quedar estabulados ou na manga como para a alimentación do gando, sobre todo do de cebo.
O gasóleo que consume a maquinaria é o principal gasto da explotación, seguido de vacinas e medicamentos animais e dos derivados de cultivo, recollida e ensilado de forraxes. A explotación é socia da cooperativa CLUN, que lles serve a fariña de millo e os concentrados e algún medicamento.
Galego









Control OJD