O último lume na Mariña: a culpa non foi (toda) dos eucaliptos

Crónica de Camilo Friol, xornalista de ‘Campo Galego’ e veciño afectado polo incendio de Celeiro de Mariñaos (Barreiros, Lugo) que feriu por queimaduras a 5 brigadistas e calcinou arredor de 140 hectáreas de monte

Publicidade
barreiros, Lugo. Incendio en Vilamar y Celeiro de Mariñaos. Cinco bomberos han resultado heridos de gravedad y han sido cortadas la A8 y la N-634. En las imágenes, bomberos forestales se preparan para impedir la llegada del incendio a la aldea de Rexa, Barreiros, Lugo, en la noche del domingo 14 de septiembre

Bombeiros forestais preparándose para impedir a chegada do lume ás casas do núcleo de Rexa, en Celeiro de Mariñaos (Barreiros), na noite do pasado domingo. Foto: Carlos Castro. 

Eran as 4 e cuarto da tarde. Eu estaba na casa, diante da porta, e cheiroume a fume. Non viña acompañado de arrecendo a churrasco, así que levantei a cabeza e mirei ao monte. Primeiro cara Cornería, onde di a lenda que foi enterrado o bispo Maeloc co seu tesouro. Alí todo normal, a mesma masa continua de eucalipto de distintas idades que levo vendo desde que nacín.

Despois cambiei a mirada cara o sur, de onde viña o vento. Por enriba da casa do León, nos montes da Lagoa, víase unha pequena columna mesta de fume branco, coma a que sae cando pides permiso para queimar o rozo e lle plantas lume a un feixe de silvas.

Inmediatamente chamei ao 085 sen saber moi ben aínda onde era o foco. José Ángel, o meu veciño, colleu o tractor e ao subir ao monte xa vimos que o lume estaba do outro lado do río, en Vilamar. Volvimos chamar ao 085 para darlles a localización exacta e insistímoslles que era vital evitar que cruzase o río Masma cara a Rexa. Polo outro lado estaba a autovía e a estrada N-634, así que o perímetro a vixiar estaba bastante claro.

Non somos técnicos especialistas en lumes, pero si veciños da zona que coñecemos o terreo

Nin eu nin José Ángel somos técnicos especialistas en extinción de incendios, pero si veciños da zona que coñecemos o terreo. Por iso penso que non estaba de máis que nos tiveran escoitado.

Os helicópteros chegaron enseguida (até 7, segundo os datos da Consellería), tamén os hidroavións (3), pero, na miña humilde opinión, había pouco persoal a pé e mal distribuído sobre o terreo.

Desde as 4 e cuarto que demos o aviso até as 6 e media da tarde, os únicos que estabamos no camiño que vai á vella central hidroeléctrica da Cazolga, para vixiar que o lume non saltara o río Masma, eramos dous veciños e tres bombeiros do parque comarcal de Barreiros (todos os que estaban ese día de servizo, por certo).

O lume estaba cercado por un lado polo río Masma e polo outro pola autovía A-8 a estrada N-634; é imperdoable que lle deixaran saltar polos dous lados

A eles mandáraos o 112 para protexer as casas de Rexa, pero a mellor maneira de facelo era evitar que o lume pasase o río. Tiñamos dous camións pequenos con auga, pero faltaban mangueiras e sobraban silveiras por onde metelas.

Pedimos ao Concello que alguén nos trouxera unha desbrozadora para abrir camiño pero nunca chegou, e a un dos axentes forestais da zona que coordinaba o dispositivo neses momentos iniciais solicitámoslle que mandara máis medios, a medida que as lapas se achegaban ao cauce entre o Pozo do Ferro e o Pozo Capitán, pero tampouco nos fixo caso.

barreiros, Lugo. Incendio en Vilamar y Celeiro de Mariñaos. Cinco bomberos han resultado heridos de gravedad y han sido cortadas la A8 y la N-634. En las imágenes, bomberos forestales se preparan para impedir la llegada del incendio a la aldea de Rexa, Barreiros, Lugo, en la noche del domingo 14 de septiembre

Brigadistas, pola noite, xunto á casa do León e á granxa de vacas de leite de José Ángel. Foto: Carlos Castro.

Ás 6 e media chegou onda nós Protección Civil de Barreiros. Non viñan botar unha man, senón botarnos dalí. Detrás de nós, marcharon tamén os bombeiros de Barreiros cos seus dous camións de auga. No seu sitio quedaban unicamente 4 brigadistas sen motobomba que acababan de chegar para vixiar a zona.

Sen auga nin máis axuda, aqueles 4 bombeiros forestais foron incapaces de evitar que o lume saltase á outra beira, xusto cando eran evacuados gravemente feridos catro compañeiros seus da brigada helitransportada de Castromaior, que atacaban a cola do incendio no lado de Vilamar e que tiveran que cruzaran o río para salvar a vida.  

Non son quen de valorar a decisión de tirar a cinco rapaces no medio do lume nunha zona escarpada de difícil acceso e peor fuxida

Non son quen de valorar a decisión de tirar no medio do lume a cinco rapaces (outro volveu para Vilamar e avisou do sucedido) nunha zona escarpada de difícil acceso e peor fuxida, con continuos cambios de vento que fixeron que quedaran cercados enseguida, non deixándolles máis saída que tirarse ao río.

Non houbo falta de medios pero, desde o meu punto de vista, estaban mal colocados. Houbo descoordinación e caos durante toda a tarde, como se o circular de ducias de sereas dun lado para outro como polo sen cabeza foran espantar as lapas, perdéndose unhas horas vitais para confinar o lume entre a autovía A-8, a estrada N-634 e o río Masma.

Non houbo falta de medios, pero si descoordinación e caos durante horas, até que o lume se descontrolou por completo

A Consellería conta efectivos coma se foran votos: 4 técnicos, 24 axentes, 32 brigadas, 28 motobombas, 4 palas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 3 avións. Mesmo estivo a conselleira, María José Gómez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Viñan de festa (da dos Remedios de Mondoñedo) e pasaron por Celeiro, pero marcharon tan pronto como o lume cruzou o río camiño das casas dos veciños de Rexa (non lles deu tempo nin de sacarse a foto para mandar a habitual nota de prensa).

Ademais, iso de contar medios ao peso e de maneira acumulativa é enganoso. Non todos se mobilizaron nin se despregaron sobre o terreo desde o primeiro momento e non todos os efectivos son igual de efectivos. O groso do dispositivo chegou ao caer a noite, cando marcharon os helicópteros e hidroavións e os veciños quedamos a mercede do vento.

Subestimaron o lume nas primeiras horas e, cando ao anoitecer os helicópteros e hidroavións se marcharon, quedamos a mercede do vento

Ás 10 da noite o lume estaba xa enriba das casas do León e de Xulián, separadas do monte tan só por unha pista. Este ano, na primavera, chegaran as cartas das faixas de protección de 50 metros en torno ás vivendas, pero aínda non se fixera ningunha.

Houbo moito revuelo con esas comunicacións, porque é certo que nalgún caso as liñas no mapa foron pintadas sen moito xeito, semella que por ordenador, vía satélite, por unha intelixencia artificial que non pisa o terreo e acerta o mesmo que o fai o Catastro nos montes da zona.

Esta primavera chegaran as cartas das faixas de protección en torno ás vivendas, pero aínda non se fixera ningunha

A proximidade do lume e a dirección do vento facía que as faíscas caeran ardendo enriba das 5 casas do núcleo de Rexa. O perigo era real, sobre todo para as dúas casas da parte de arriba, máis achegadas ao monte, ao igual que o fora un pouco antes do outro lado de Celeiro, onde as casas de San Caetano e Xunto á Igrexa tamén tiveran o lume ás portas, polo avance do outro dos frentes, o que logrou saltar a estrada N-634.

Cara as 2 da mañá, un cambio na dirección do vento permitiu ás brigadas que protexían as vivendas centrarse no lume. En plena noite, os bulldozers fixeron un cortalumes con varias pasadas monte arriba para deter a lingua do incendio, mentres a auga das motobombas facía morrer o seu avance lateral no camiño principal que sobe a Cornería.  Pasaba das 4 da mañá, 12 angustiosas horas despois do aviso ao 085.

Temos que aprender do que pasou: por que non unha agrupación forestal de xestión conxunta para poder ordenar o monte?

eucaliptos queimados no incendio en Celeiro de Marinhaos (Barreiros) o 14 de setembro de 2025

Eucaliptos queimados en Celeiro de Mariñaos tralo paso do lume

En canto chove, os incendios forestais deixan de estar no foco en Galicia … até o verán seguinte que volve arder. Rexa foi noticia fugaz estes días polos 5 brigadistas queimados. Por iso viñeron as teles.

A queixa que se escoita todos os anos cando falas cos veciños nas zonas queimadas é que enseguida se esquece, tan rápido como volve medrar a folgueira.

Por iso, logo da descrición dos feitos, son estas só unhas reflexións persoais en voz alta, co ánimo de que aprendamos do que pasou.

Está A Mariña preparada para defenderse do lume?

Os reforzos que chegaron a Rexa ao caer a noitiña eran brigadas chegadas de lugares como Becerreá ou A Fonsagrada e tiñan como misión principal protexer as casas. Traían persoal, a súa propia motobomba, un tractor con cisterna de 21.000 litros para facerlle de nodriza e bulldozers, que demostraron ser moito máis efectivos que os helicópteros e hidroavións para controlar o incendio.   

Foron os bulldozers de noite os que apagaron as dúas frontes do lume, non os helicópteros nin os hidroavións de día

Eran xente experimentada e curtida en apagar lumes, non os tiñan visto simplemente pola televisión. A brigada de Becerreá que estivo en Rexa, por exemplo, pasara todo o mes de agosto loitando contra as lapas en Ourense. Son unha especie de unidade de elite, que vai alí onde fan falta. Creouse tralos incendios que arrasaron os Ancares no ano 2017, onde arderan casas, como puido tamén ter acontecido este domingo en Celeiro de Mariñaos (sen embargo, aquí en ningún momento se decretou o nivel 2 de alerta por risco en vivendas, algo que é contraditorio con mandar medios e persoal a protexelas cando, en teoría, de xeito oficial non están en perigo).

Os que apagaron o lume non eran brigadistas contratados os meses no verán

Os que apagaron o lume non eran brigadistas fixos-discontinuos (contratados 8 meses neste 2025), eran bombeiros forestais que están todo o ano, que coñecen os montes da súa zona, onde no inverno limpan os camiños nos que teñen que entrar coas motobombas no verán.  

Pero na Mariña non se fai prevención ningunha. Xusto antes do verán fomos limpar a fonte da que bebemos as casas de Rexa. Tivemos que ir por un camiño que ten toxos de 3 metros de alto polo medio del. É un dos camiños principais, que circunvala Cornería entre Rexa e O Barral, o mellor cortalumes se estivese limpo, pero na Mariña os camiños do monte só se limpan cando se saca a madeira por eles: unha vez cada 20 anos.

Na Mariña non se fai prevención ningunha e os camiños só se limpan cada 20 anos cando se saca a madeira por eles

A Consellería aseguraba este ano que se estaba a “refrendar a aposta do Goberno autonómico pola planificación preventiva para loitar dun xeito estrutural contra os lumes en zonas afectadas recorrentemente polos incendios”.

Entón a explicación será que a comarca da Mariña non está considerada zona recorrente, malia que en Celeiro de Mariñaos xa ardera o ano pasado, igual que aconteceu na veciña Trabada en outubro do 2023. Temos unha das maiores masas forestais de Galicia, dominadas polos eucaliptais, non sería bo que tiveramos unha brigada de elite como a que se creou nos Ancares despois dos incendios do 2017 e que tivo que vir a sacarnos as castañas do lume (nunca mellor dito) o domingo pasado a Barreiros?

Non sería bo que tiveramos bulldozers na Mariña para que non teñan que vin desde Lugo ou Becerreá?

A brigada de Becerreá foi mobilizada ás 7 da tarde (o lume levaba ardendo desde as 4 e cuarto), pero chegar desde aló con maquinaria pesada leva o seu (máis de hora e media), así que chegaron cando xa caía a noite. Reitero, non sería bo que tiveramos bulldozers na Mariña e brigadistas para conducilos para que non teñan que vin desde Lugo ou Becerreá?

40 anos sen incendios

En Cornería facía 40 anos que non ardía o monte. Pero iso dá idea só dunha relativa sensación de tranquilidade. Do outro lado do pobo, no lado do Cordal, xa houbera un susto o ano pasado. Os eucaliptos queimados o ano pasado estaban aínda sen cortar e as lapas volveron chegar este ano a eles.

Eu non sei se o lume foi intencionado ou non (iso terá que dicilo a investigación que leven a cabo os axentes da UIFO, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais, creada en Galicia no ano 2021), pero o día prestábase para iso, con temperaturas de 27 graos e vento sur.  

Non sei se o lume foi intencionado ou non, pero o día prestábase para iso, con temperaturas de 28 graos e vento sur

Cando os veciños de Rexa chegamos ao lugar do incendio ás 4 e cuarto da tarde, había dous focos ardendo, separados uns 100 metros un do outro. Podería ser que lle plantaran en dous sitios? Ou que o vento tivese espallado o lume cara ese lado? Non o sei.

O foco principal estaba debaixo dunha liña de alta tensión, a que une Boimente, en Viveiro, con Pesoz, nos Oscos, aberta fai 15 anos para evacuar a electricidade xerada polos parques eólicos. Pero iso tampouco quere dicir nada, pois puido ser unha chispa a que provocara o incenido ou ben que é máis doado meterse a plantar lume na zona que está rozada debaixo do tendido eléctrico que facelo polo medio dos toxos e as silveiras.

Temos fama de sitio mollado e refuxio climático, pero na Mariña este ano leva sen chover desde principios de xullo

Coa incógnita das causas, o que si está claro é que as condicións climáticas cambiaron desde a última vez que ardera Cornería, fai 40 anos. Aínda que na Mariña temos fama de sitio mollado e cada vez máis turistas buscan en nós un refuxio climático, este ano leva sen chover desde principios de xullo e é no outono, cando a folgueira está seca, cando aumenta o risco de incendio.

Os veciños non estorban

Mandáronnos saír das casas cando o lume aínda non cruzara o río Masma; cando pola noite chegou onda elas, volvimos para defendelas

Mandáronnos saír das casas cando o lume aínda non cruzara o río Masma; pola noite, cando o incendio chegou de verdade a carón delas, volvimos para defendelas

Cada vez que hai un lume, repítese sempre o mesmo patrón á hora de proceder, errado, ao meu modo de ver. O primeiro que se fai é botar aos veciños do lugar, que son os que coñecen ben a zona. Se nos tiveran feito caso a José Ángel e a min ás 4 e cuarto da tarde, o lume non tería cruzado o río Masma e non tería chegado despois pola noite as casas de Rexa.

A xefa de Protección Civil de Barreiros e o seu chófer, aos mandos dun flamante todo terreo do 112 regalado pola Xunta, mandounos saír das casas ás 6 e media da tarde. Despois, coa caída da noite e cando as lapas estaban, agora si, perto delas de verdade, volvimos para defendelas do lume, coa sensación de que lle dan un chaleco de Protección Civil a calquera.

Se Jorge non tivera guiado á Guardia Civil até chegar a eles, seguramente a sorte dos brigadistas tería sido outra

E se Jorge (outro veciño) non tivera guiado á Guardia Civil até chegar aos brigadistas queimados para poder evacualos, seguramente a súa sorte tería sido outra ben diferente.

Por iso, os veciños e veciñas teñen que ser unha peza fundamental na estratexia de prevención e extinción de incendios. Apartar aos habitantes do lugar é unha torpeza que conduce a que vexan o problema como alleo e a adopción das medidas de prevención, como por exemplo as faixas, como impostas.

Os eucaliptos, os culpables?

Independentemente da especie (aínda que evidentemente inflúe), só unha (boa) xestión do monte e do territorio minimizará (que non evitará) os lumes e as súas consecuencias. E poñer agora o foco tan só en eucaliptos si ou eucaliptos non é unicamente unha forma doada de buscar o enfrontamento social e non aportar solución algunha. Porque os eucaliptos arden se hai quen lles plante lume, igual que tamén arde o monte onde non os hai (e non hai máis que ver o que aconteceu este mesmo verán en Ourense).

Os eucaliptos levan na Mariña desde antes de que naceramos moitos dos que a habitamos neste momento. Desde ese punto de vista, para min os eucaliptos son unha especie autóctona, pois non acordo outra cousa. Quizais non teña o mesmo pedigree de anos no territorio que o castiñeiro pero, canto tempo ten que pasar para que unha especie forestal ou unha persoa sexa considerada propia dun lugar?

O monte na Mariña é coma o gordo da Lotería cando cae ben: está moi repartido

Os eucaliptos ardidos o domingo eran xa a segunda ou terceira xeración de inmigrantes. Antes, houbera piñeiros, fomentados, ao igual que os eucaliptos, pola Administración pública a través do Plan Nacional de Repoboación Forestal e o ICONA.

En Barreiros, o mesmo que no resto de concellos veciños, temos montes pequenos pero moi produtivos, e, cando as familias teñen que afrontar gastos extraordinarios (un amaño na casa, cambiar o coche, etc), recurrimos ao noso banco do monte. Pretender acabar con esta economía social é descoñecer a realidade e vivir na inopia dun mundo urbano desconectado do rural.

Boa parte dos montes que rodean as casas de Rexa pertencen a herdeiros que viven en Vigo ou en Barcelona

En Celeiro as plantacións de eucalipto están cerca das casas, si, pero nin a terra agraria foi masivamente forestada (como sucede noutras zonas) nin o territorio está abandonado. Queda unha explotación de leite e 3 de carne (antes eramos 20 casas con vacas), onde se dá o millo non hai plantacións forestais e está a pradeira case todo o que vale para iso.

É certo que antes se botaba cereal (trigo e centeo) no monte, que se ía a por molido para estrar o gando nas cortes e que había un rabaño de ovellas pacendo no monte abertal (que agora xa non queda, pero que tamén ardía ano si e ano tamén, segundo contaba o meu avó). Pero tamén había máis xente nas casas e a fame era outra.

Porque, cal é a alternativa aos eucaliptos para persoas xubiladas ou para herdeiros que viven en Vigo ou en Barcelona? Os toxos e as silveiras? Tamén se dan ben na Mariña. Ou é que pretendemos que teñan un rabaño de cabras ou que planten castiñeiros e veñan rozalos dúas veces ao ano?

Facer da desgraza unha oportunidade

Por iso, o acontecido este domingo é tamén unha oportunidade para xestionar a zona queimada doutro xeito, de maneira conxunta, sen que os propietarios perdan a titularidade dos seus montes pero gañando seguridade, profesionalización e rendemento.

Hai instrumentos e ferramentas legais para ordenar e xestionar en conxunto o monte; só fai falla poñer aos propietarios dacordo

Só así é posible ter faixas de protección amplas arredor das vivendas e mantelas limpas, abrir camiños e cortalumes alí onde fan falla e crear discontinuidades con frondosas. En definitiva, ordenar o monte dun xeito racional.   

Veremos se se da algún paso nese sentido. Instrumentos e ferramentas legais existen, como as agrupacións forestais de xestión conxunta, pero hai que poñer aos veciños dacordo e alguén ten que tomar a iniciativa.

Non serve que o Concello mire para outro lado dicindo que a política forestal é cousa da Xunta, nin que a Xunta non faga tampouco nada escudándose en que os montes de Celeiro son de propiedade privada.

Se non cambiamos o modelo forestal da zona, o único que quedará será agardar ao vindeiro incendio, quizais dentro de 5 anos, de 7 ou de 12

Porque se cada un deses propietarios privados empezamos a cortar o noso cacho de monte para volvelo plantar, teremos unha masa continua e uniforme de 140 hectáreas de eucalipto (as que di a Xunta que arderon) todas da mesma idade: un polvorín.

É dicir, estaremos aínda en peor situación que o domingo para enfrontarnos a un novo lume. Polo menos agora había, ao lado de eucaliptais maduros, plantacións novas que o bulldozer aproveitou para entrar e facer o cortalumes.

Así que de todos depende facer que a historia non se repita. 

Una idea sobre “O último lume na Mariña: a culpa non foi (toda) dos eucaliptos

  1. Patricia

    Vaia novedá que un lume forestal sexa un caos, nótase que poucos viron na mariña, pero será pola metereoloxía , non polo ven organizado que teñen o monte os propietarios eses que se queixan de como actuou o personal de extinción.

    Personal de extinción que está en risco, cada vez que un veciño vai chusmar e aparca onde lle sae dalí e tranca unha pista que podería ser unha vía de escape para uns bombeiros forestais ou unha motobomba…ou cando a un iluminado da zona se lle ocurre poñer un contralume.

    Probablemente se lles deixaran estar no quirófano cando operan a un familiar, tamén habían querer decidir como facer…a ignoracia é o que ten.

    O de sempre …os veciños sempre criticando … se tivera cada propietario a súa finca limpa e cumpriran as distancias , iso non ocurría.

    Como decía un coñecido meu: -para dirigir hai moitos-.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información