“O turismo rural é un complemento a un sector primario que teña rendemento económico”

Hai oito anos que o biólogo vigués Marcos Reinoso cambiou a súa vida urbana para comezar no Courel unha andaina ligada á organización de actividades na natureza

“O turismo rural é un complemento a un sector primario que teña rendemento económico”

Marcos Reinoso,

Na Serra do Courel aínda está viva a Galicia que foi e da que xa pouco queda. Soutos centenarios con castiñeiros de máis de vinte metros de altura, arandeiras silvestres que agroman nos camiños, cogomelos xenuínos dende a primavera ata o outono, devesas mestas, alvarizas coidadas, castros prerromanos, necrópoles, minas de ouro e, incluso, ata osos pardos. Eiquí séntese ben o pouco que é un home, dicía Uxío Novoneyra e ese foi o testemuño que Marcos Reinoso colleu e fixo seu para botar a andar o proxecto naturalista Pía Paxaro.

Hai oito anos, este biólogo vigués, reconvertido agora en courelao, cambiou radicalmente a súa vida urbana para fundar esta empresa que, entre outras cousas, quere divulgar a importancia de manter vivo o sector primario, sen o que o turismo rural non tería o máis mínimo sentido: <<o turismo rural debe entenderse como complemento a un sector primario con rendemento económico. É moi sinxelo de comprender. Se non hai quen coide os soutos, os camiños desaparecen. Se non hai vacas que pazan nas zonas máis altas, os pastos tamén desaparecerán>>.

 Castiñeiros do Courel

Rehabitar o rural

Pía Paxaro adícase a organizar andainas guiadas por tódalas rutas forestais de sendeirismo da comarca e todo tipo de actividades para o tempo de lecer: xornadas micolóxicas, catas de mel e aceite, alugueiro de bicicletas, prismáticos… Todo cunha misión divulgativa clara: <<dar a coñecer a enorme riqueza paisaxística, botánica, fáunica e etnográfica da serra. Por resumilo, transmitir a esencia do Courel>>, explica Reinoso.

É moi fácil de entender. Se non hai vacas que pazan nas zonas máis altas da montaña, os pastos desaparecerán

Aínda que a pirámide poboacional do Courel leva décadas invertida, iniciativas como a de Marcos <<dan traballo, traen gasto á comarca e, en definitiva, ofrecen oportunidades para rehabitar o rural. Son novos enfoques que, ademais, son unha alternativa real ao canon turístico que só dá a opción de crear casas rurais>>, reivindica o tamén presidente da Asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel.

Nos nosos supermercados atopas o mesmo que atoparías na cidade. Non hai produción primaria

<<Dende a nosa asociación levamos anos demandando ás institucións que o Courel reciba a catalogación de Parque Natural e, así, poder contar cos recursos necesarios para protexer o noso ecosistema>>, engade. Ademais diso, Marcos explica a necesidade que existe de que se profesionalice o sector primario: <<O agro só se emprega para facer hortas de autoconsumo. Nos nosos supermercados atopas o mesmo que atoparías na cidade. Non hai produción primaria. Os visitantes non poden mercar castañas nin cogomelos do Courel>>, conclúe.

 Boletus edulis da Serra do Courel

O futuro dos castiñeiros

Sen dúbida, resulta contraditorio que non se aproveite a potencialidade dun ecosistema tan rico. De feito, o estado actual dos soutos está a favorecer a aparición de pestes como a da avispiña. Este insecto asiático está a afectar gravemente a unha grande parte dos castiñeiros do Courel, atacando as follas e truncando o seu proceso de fotosíntese. Os veciños e veciñas ven como as colleitas de castaña diminúen e incluso algunha árbore chega a morrer.

Imaxina que existise unha denominación de orixe como Castaña do Courel coa que categorizar as máis de 15 especies de castiñeiro que temos

<<Hai 70 anos, toda a veciñanza organizábase para ir demoucar os castiñeiros e mantelos sans. Interesáballes, claro. Daquela podían chegar a alimentar a máis de 6.000 persoas que vivían no concello>>, explica Reinoso. Agora, con apenas 1.000 habitantes e unha poboación envellecida, non existe esa vontade. Malia todo, Marcos insiste en que se se profesionalizase e se formase á xente ao respecto, todo o concello podería obter un beneficio económico como el mesmo fai dende Pía Paxaro: <<ás veces imaxino que existise unha denominación de orixe como Castaña do Courel coa que, a parte de esixir unha calidade mínima aos produtores, tamén englobaría as quince especies diferentes de castiñeiros que temos na comarca>>.

 

O asentamento do oso pardo

Como toda novidade, a reaparición do oso pardo na Serra do Courel xerou opinións dispares. Segundo a Fundación Oso Pardo, o oso desapareceu a finais do século XIX da Serra  do Courel, quedando limitada a súa presenza en Galicia a algúns enclaves de Ancares, próximos ás serras do Alto Sil leonés e o occidente asturiano. Mais a súa historia segue presente grazas á conservación do patrimonio etnográfico.

As numerosas alvarizas de pedra que quedan repartidas pola serra courelá reflicten séculos de convivencia entre osos e humanos

As numerosas alvarizas de pedra que quedan repartidas pola serra courelá reflicten séculos de convivencia entre osos e humanos e tamén os enormes esforzos que realizaron os antigos habitantes para protexer as colmeas. Agora, agás algúns veciños que viven máis illados no bosque e senten un certo <<medo ao descoñecido>>, está a ser ben recibido.

<<Gran parte desta normalización débese ao enorme labor educativo que fan os e as docentes do colexio do Courel. As crianzas aprenden a importancia da presenza do oso. Enténdeno como unha louvanza ao noso ecosistema. Logo, chegan ás súas casas, conversan cos pais e segue o ciclo da sensibilización>>, explica Reinoso.

Os apicultores, contra o que se puidese pensar, son dos máis interesados en conservar o ecosistema para o oso

O feito de que o oso non ataque o gando faille ter mellor reputación entre os gandeiros, en comparación co lobo. Ademais, os apicultores, que poderían ser os máis afectados <<son dos máis abertos e interesados na preservación da especie>>. Gran parte deste mérito teno o Proxecto LIFE Oso Courel, que financiou a rehabilitación das alvarizas, a compra de pastores eléctricos para protexer a maior parte das colmeas e máis a recuperación de certos ecosistemas chave.

 

Un ano en pandemia

A crise económica derivada da pandemia do coronavirus tamén afectou, como é lóxico, a proxectos como Pía Paxaro: <<teño a sorte de ter máis alternativas e outras fontes de ingresos como investigador, pero está a ser un ano complicado para todos, para que enganarnos. Ademais, aconteceu algo que non viramos ata o momento e que outros compañeiros dos Ancares tamén confirmaron. O perfil turístico de praia e chiringuito viu á serra procurando espazos semellantes a aqueles>>. Isto produciu un evidente choque cultural, pero a Marcos axudoulle a reafirmarse na súa postura e non sucumbir a unha sorte de <<colonización turística>>.

Por outra banda, a pandemia impediulles celebrar moitas das xornadas micolóxicas que xeran moito interese, andainas con grande afluencia e festas como a da cantarela -un tipo de cogomelo-, que, ademais de seren grandes reclamos turístico, cobren ese labor divulgativo e converxen nun pulo económico para a comarca.

Delicias do Souto e Caurelor están emprendendo dúas iniciativas de transformación de produtos do souto 

Con todo, o proxecto de Marcos Reinoso non é o único que trata de aproveitar as potencialidades do Courel. Ademais de Pía Paxaro, Delicias do Souto e Caurelor son dúas iniciativas de transformación de produtos do souto e das devesas que van alén do mel. Marmeladas de arando silvestre, licores artesanais e todo tipo de tartas, bicas e galletas feitas —como non-— con fariña de castaña. <<Se coa vontade da sociedade civil conseguimos o que estamos a facer, imaxina o que fariamos cun pouco de axuda institucional>>, conclúe Marcos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información