Hai algo máis dun ano, a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) presentou un recurso contra a Ley de la Cadena Alimentaria. A Fenil argumentaba que a prohibición de comprar leite no campo por baixo do seu custo de produción vai contra a normativa europea que establece a “libre negociación de prezos”. Ademais, aseguraba que “en situacións puntuais de claro exceso de oferta, algo que se produce de xeito cíclico, os produtores non van poder baixar os seus prezos por debaixo dos custos para garantizarse a recollida”, valoraba.
O Tribunal Supremo vén agora de desestimar o recurso da Fenil e confirma que o leite debe pagarse no campo por riba do custo de produción. Esa mesma disposición aplica para as transaccións entre industrias lácteas e cadeas de distribución, de xeito que o leite debe venderse ao longo de toda a cadea a prezos que cubran custos.
Unións Agrarias, que se persoou no Tribunal Supremo para presentar informes periciais contra o recurso da Fenil, felicítase pola decisión do Supremo. “Estase lexislando para protexer á parte débil da cadea, pero a industria sempre trata de torpedear estes procesos”, reflexiona o responsable de Acción Sindical de Unións Agrarias, Félix Porto. “As industrias queren evitar as negociacións no campo e xustificar as imposicións de prezos ás granxas”, cuestiona.
Medidas
Así as cousas, coa sentencia do Supremo recén saída, Unións Agrarias entende que é o momento de que se adopten medidas prácticas que leven á realidade o que di a lei: que as industrias non poden mercar leite no campo por baixo de custos de produción.
“Son necesarias dúas medidas, un Observatorio de Prezos que estableza uns índices de custos e a figura dun mediador público e gratuíto, que arbitre as negociacións entre as organizacións de produtores e as industrias”, defende Félix Porto.
Unións pon como exemplo o caso francés, que xa ten esa figura de mediación desde hai anos, ou a recente decisión do Ministerio de Asuntos Sociales y Consumo de habilitar unha arbitraxe pública entre consumidores e empresas. “Sería aplicar ese mesmo modelo, pero entre produción e empresas”, compara Félix Porto.