O Tribunal Supremo avala a prórroga da concesión de Ence en Lourizán

A sala considera que se poden prorrogar as concesións anteriores a Ley de Costas do 1988 sempre que, “como é o caso, consten informes ambientais favorables”

O Tribunal Supremo avala a prórroga da concesión de Ence en Lourizán

A Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentencias da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga da concesión de Ence. Aquela prórroga, dictada polo Goberno de Rajoy no 2016, acordaba a ampliación da concesión ata o ano 2073. Logo de que a Audiencia Nacional considerara que esa ampliación da concesión era improcedente, Ence decidiu recurrir ó Tribunal Supremo, que agora vén de pronunciarse a favor da pasteira.

O Tribunal Supremo considera que se poden prorrogar as concesións anteriores a 1988 (Ley de Costas) sempre que haxa informes medioambientais favorables. “No asunto analizado, constaban informes favorables da Administración nesa materia”, precisa o poder xudicial.

En paralelo á decisión sobre Ence, a sala decidiu na reunión de hoxe denegar a prórroga da concesión dunha franxa litoral para vivendas en praia Babilonia (Guardamar del Segura, Alicante), pois sinala que existen informes ambientais desfavorables, polo que se decidiu ratificar a sentencia previa de denegación que cursara a Audiencia Nacional.

O contido íntegro das sentencias, que contarán co voto particular da maxistrada Ángeles Huet, coñecerase nos próximos días.

Valoracións de Ence
Pola súa parte, Ence emitiu un comunicado no que valora en positivo a sentencia do Tribunal Supremo. A compañía destaca que “a reversión de deterioros de activos e provisións de gastos, como consecuencia das sentencias da Audiencia Nacional, terá un impacto positivo estimado de 169 millóns de euros no beneficio da empresa no 2022”.

A pasteira declárase disposta a manter un diálogo con todo o entorno da planta, “incluíndo os colectivos máis críticos coa actividade de Ence Pontevedra, aos que convidaremos a reunirse con nós para buscar puntos de encontro e vías de colaboración”, subliña o presidente de Ence, Ignacio Colmenares.

A compañía anuncia que con carácter inmediato, reanuda o Plan Social, polo que apoia a colectivos do entorno da Ría de Pontevedra.

Proxecto en As Pontes
En paralelo ó mantemento da actividade en Pontevedra, Ence subliña que continúa adiante co seu proxecto de planta en As Pontes, que traballará en base a cartón e papel reciclado, dando lugar a fibra reciclada branqueada que se combinará coa celulosa producida noutras plantas de Ence para xerar novos produtos.

Do mesmo xeito, Ence precisa que segue adiante o seu proxecto de investimento na planta de Navia, na que prevé gastar 105 millóns de euros para obter produtos diferenciados, entre eles a celulosa Fluff, especial para produtos hixiénicos absorbentes.

A compañía mantén tamén a súa aposta pola súa división enerxética, con plantas de xeneración de biomasa, fotovoltaicas e co proxecto de crear 20 plantas de biometano en toda España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información