
Claudio Balocchi é Investigador Senior Forestal en Bioforest S.A., o centro de investigación científica e tecnolóxica do grupo ARAUCO en Chile. Recoñecido polas súas investigacións forestais e experto en melloramento xenético, tamén exerceu como responsable da División de Xenética do grupo forestal.
Balocchi foi un dos ponentes no II Simposio Ibérico de Silvicultura, organizado por Máis Madeira que tivo lugar durante a feira Galiforest Abanca no CFEA de Sergude. Quixemos entrevistalo para coñecer como se está a afrontar en Chile a enfermidade dos fungos das bandas que afectan ao piñeiro radiata e que solucións pode haber para ese problema sanitario en Galicia, especialmente na comarca da Fonsagrada e na zona centro de Lugo.
Situación en Chile
Os problemas de bandas vermella e marrón en Chile son causados por fungos como Dothistroma septosporum e Lecanosticta acicola. Estas enfermidades levan máis de 25 anos afectando aos rodais e causando tamén danos en viveiros e en todo o patrimonio forestal.
Os fungos das bandas en piñeiro radiata son máis frecuentes nas zonas de maiores precipitacións, é decir, no sur do país. “Como non temos forma de combatelas eficazmente de xeito inmediato, estamos a mover o cultivo hacia o norte do país. Para manter un fluxo de servizo á industria.”
Estamos migrando os radiata dende o sur hacia o norte de Chile, aínda que os rendementos non son os desexados
Balocchi considera que están a solucionar “indirectamente” parte do problema mediante esa migración da especie cara ao norte do estado chileno. O eucalipto está agora espallándose amplamente pola rexión austral e o radiata destínase a áreas onde hai moi poucas precipitacións de verán.

As bandas de fungos, marrón e vermella levan máis de 25 anos afectando o piñeiro radiata chileno
“Logo de 25 anos, estamos a comprobar que o radiata ten un rendemento menor -ou, como minimo, máis lento- no norte ca no sur. Eso compénsase parcialmente na industria coa maior capacidade de crecemento que o eucalipto está a ofrecer nas zonas onde se deixou o radiata.”
Na Industria Forestal, os efectos das bandas nótanse na redución da capacidade fotosintética do radiata, que frea o seu crecemento diametral e retrasa as quendas de corte. Esto débese á perda de follas. Ademais, aínda que as bandas atacan ás follas e non á madeira, o debilitamento severo da árbore abre a porta a pragas “oportunistas” e patóxenos agresivos que si que poden matar os piñeiros.
As bandas por si soas non matan os piñeiros pero reducen o seu crecemento e abren camiño a patóxenos que si son letais
A maiores das bandas , tamén se detectou un fenómeno similar como é o Dano Foliar do Piñeiro (Phytophthora pinifolia), unha banda de cor negra sobre as acículas vivas. Posteriormente, causa unha clorose (amarelamento) xeralizada, morte da follaxe e caída masiva de follas ou defoliación total.
Traballo xenético
Neste cuarto de século transcorrido dende a aparición das bandas en Chile desenvolveuse un programa de selección xenética para atopar os exemplares e familias máis resistentes a Dothistroma septosporum, un dos fungos máis potentes presentes nas bandas.

Balocchi explicou durante a súa ponencia os avances en xenética e hibridación dos últimos anos
“Atopamos clons moi resistentes a ese fungo e con afectacións moi baixas. Mediante control químico podiamos manter as árbores a salvo durante os seis primeiros anos. E, despois dese tempo, as acículas xa tiñan fortaleza para resistir sen axuda. Dese xeito podíanse manter plantacións produtivas e en bo estado sanitario.”
Estamos localizando os clons de radiata máis resistentes e sacándoos ao campo con idade suficiente para que as acículas estean duras
E tamén se apostou polo que se coñece como propagación vexetativa, é decir, aumentar a idade fisiolóxica das plantas que se levan ao campo. “Dende que se crea a planta nai e se multiplica, chega ao campo con tres anos de vida. Nas zonas máis afectadas por bandas, esperamos ata catro ou cinco anos para levar esas plantas seleccionadas xeneticamente e con acículas xa resistentes.”
Así pois, combínase o manexo fisiolóxico da idade da planta co traballo xenético de selección de individuos e familias que aturan a acción das bandas, se ben priorizan o uso de clons por riba do de familias.
A edición xenética, unha nova tecnoloxía que ofrece oportunidades
A nova ferramenta que supón a edición xenética está a ser empregada en diferentes formas polo equipo de Balocchi. Unha edición que permite ir máis aló da selección de clons e familias e que posibilita actuar directamente sobre os xenes para suprimir ou introducir determinadas características.
O problema da edición xenética consiste en que hai que realizar estudos moi amplos e diversos para coñecer a fondo cada xen candidato
“Comezamos traballando con eucalipto porque é máis doado de rexenerar e obtemos resultados a máis velocidade. Agora comezamos cos piñeiros radiata e taeda. Pero eso require de embrioxénese somática, un proceso biotecnolóxico e natural que forma embrións a partir de células de tecido vexetativo común, sen que haxa fecundación. Busca a multiplicación clonal idéntica a gran escala e a mellora xenética.”

O especialista chileno considera que o uso de funxicidas debe cinguirse a momentos e zonas puntuais
O grande desafío está en manter ben preservado en criopreservación o material editado xeneticamente. É un proceso de conservar células, tecidos ou organismos a temperaturas extremadamente baixas (xeralmente a -196 °C con nitróxeno líquido) para deter a actividade biolóxica. E que posteriormente se poida replicar ese material.
A pregunta que plantea Balocchi está nas posibilidades actuais da edición. “O primeiro é coñecer a fondo os xenes que queremos alterar e localizar os mellores candidatos. Que sexan resistentes ás pragas. E despois hai que facer comparativas por secuenciación, por ómicas (estudar todas as biomoléculas dun organismo) en con todas as técnicas de caracterización xénica ata dar co xen que teoricamente podería mellorar a tolerancia ás pragas. Eso leva tempo e é moi complexo.”
Na hibridación temos unha ferramenta fundamental para crear unha reserva de clons resistentes ás pragas existentes e ás que poidan aparecer
Balocchi advirte de que non é infrecuente saltar pasos no proceso de identificación de xenes. E eso supón un problema porque se pode traballar cun material que realmente non se coñece a fondo e non se saben nin as súas capacidades nin as súas respostas. Por eso, insiste en estudos bioxenéticos profundos e con todas as técnicas dispoñibles.
Funxicidas e fitosanitarios
Respecto do emprego de funxicidas e outros medios químicos ou mecánicos para a loita contra as bandas, Balocchi veo pouco efectivo. “Os axentes químicos son a primeira ferramenta de combate á que se recorre. Pero, igual que nos incendios forestais, sempre é máis eficaz a prevención que o combate.”
“Cando temos unha praga que xa está a afectar, o uso de axentes químicos ten que ir orientado a reducir os danos. Ese é un principio básico na agricultura. Mais no sector forestal é moito máis complexo. Para empezar, porque a maioría de empresas teñen certificados de calidade e de boas prácticas como o FSC, que restrinxen tanto o uso de químicos como as súas formas de aplicación.”
Por outro lado, o uso de funxicidas e fitosanitarios nunca se circunscribe a un só ano. “A presenza dos fungos obriga a unha aplicación todos os anos. No caso das bandas, non se conseguen erradicar e reaparecen coas condicións axeitadas.”
O uso de fitosanitarios non está a resultar efectivo e tampouco é doado por causa da regulación medioambiental
Dese xeito, Balocchi sinala que o único método eficaz é o traballo xenético e a súa aplicación no territorio. “Coas variedades testadas xa temos plantas que van amosar un alto nivel de resistencia. Non imos ter un resultado inmediato pero si unhas plantas que acaban por ser inmunes.”

Os tratamentos fitosanitarios non deron bos resultados nin en Chile, nin en Euskadi nin en Galicia
A maiores das bandas e fronte a outras pragas de fungos e insectos, o especialista chileno apunta ao control biolóxico como “alternativa amigable” ao traballo xenético ou como complemento do mesmo. O control biolóxico é un método ecolóxico de xestión de pragas que utiliza inimigos naturais (depredadores, parasitoides ou patóxenos) para reducir as poboacións nocivas.
Para combater as pragas, o primeiro é o traballo xenético, despois o control biolóxico e, en último caso, o uso de axentes químicos
A alternativa Taeda
Case dende que apareceron as bandas de fungos na comarca da Fonsagrada, comezouse a traballar co piñeiro da caste taeda como posible alternativa de cultivo. Pola súa resistencia aos fungos e pola capacidade para adaptarse a un clima frío e de montaña. En Chile xa se avanzou nesa mesma liña, con diferentes resultados.
“Xeralmente as especies forestais divídense nas adaptadas a climas continentais, con chuvias no verán, e climas mediterráneos, con veráns secos. Os piñeiros radiata e pináster, os maioritarios en Galicia, son de corte mediterráneo. E o taeda é máis de corte continental. Na costa leste americana temos o taeda e na oeste o radiata”.
O taeda e o radiata son piñeiros de climas diferentes. Poden intercambiarse pero rara vez cos mesmos rendementos
“Os resultados co taeda en Chile non foron positivos. Non medraron a bon ritmo, non acadaron o volume desexado e presentaban malformacións no toro. E eso foi porque non se adaptaron ben ao clima. O mesmo pasa co radiata; as enfermidades destrúeno se ten veráns de chuvia e temperaturas non moi altas.” Por eso, dende Arauco están a plantar piñeiros radiata en Chile e taeda en Arxentina e Brasil.

As plantacións de piñeiro taeda para substituír o radiata son aínda unha incógnita en Galicia.
Con todo, e falando como xenetista, Balocchi insiste en que non se debe fuxir dos problemas dunha especie simplemente cambiándoa por outra. “Por exemplo, podo quitar o radiata e meter taeda francés e elimino os fungos. Pero ese taeda traerá as súas propias pragas e doenzas. Non soluciono nada.”
Para evitar entrar nesa deriva, o especialista alude á hibridación. “Hoxe xa se traballa con especies novas de piñeiro de Centroamérica como tecunumanii, caribaea ou greggii que se poden hibridar cos europeos e dar lugar a exemplares de alta resistencia a todo tipo de pragas e enfermidades. A defensa xenética baséase en ter unha ampla reserva de híbridos para afrontar as novas pragas que poidan vir.”
Outros mecanismos
Balocchi recordou que, nunha estratexia global de prevención, hai numerosos outros mecanismos que poden contribuír a frear tanto a aparición como o espallamento das bandas de fungos. Técnicas nalgúns casos tradicionais e sinxelas que só requiren de man de obra e maquinaria.
O control biolóxico permite afrontar as pragas con recursos naturais e sustentables
Así, mencionou o labor que desenvolve o Servicio Agrícola y Ganadero de Chile e que consiste nun manexo integrado con propietarios forestais e empresas como ARAUCO. O manexo silvícola preventivo, con tarefas como clarexos e podas sanitarias melloran a ventilación das masas e reducen a humidade estancada
Respecto do control biolóxico, estanse a desenvolver proxectos no sur de Chile empregando fungos endófitos -microorganismos benéficos que viven dentro do piñeiro- para competir de xeito natural cos patóxenos e establecer unha estratexia de freado das enfermidades de forma sustentable.
Galego









Control OJD