O temporal arrasa fincas de millo sen ensilar por toda Galicia

A inestabilidade do tempo continuará nos vindeiros días, dificultando a entrada nas parcelas e a recollida das plantas que están deitadas, provocando unha merma na calidade da forraxe. As choivas causan tamén serías perdas na pataca da Limia e afectan á castaña do Oriente ourensán

Millo tirado polo efecto do temporal nunha finca no concello de Trazo

Millo tirado polo efecto do temporal nunha finca no concello de Trazo

Os restos do furacán Kirk, convertido agora en forte borrasca, abandonan Galicia deixando tras de si un regueiro de incidencias e importantes danos nas fincas de millo que aínda faltan por ensilar.

As rachas de vento de máis de 100 km, acompañadas de chuvia intensa, tumbaron fincas enteiras que estaban sen recoller en amplas zonas de Galicia, provocando importantes destrozos en comarcas como a de Ordes, a Costa da Morte ou O Xallas na provincia da Coruña e a Terra Chá en Lugo.

As predicións meteorolóxicas falan dunha lixeira melloría de cara á fin de semana e un novo empeoramento a partir do luns, coa volta das chuvias e a inestabilidade atmosférica a semana que vén a toda a comunidade, o que dificultará poder entrar nas fincas.  

Este foi un ano complicado para o cultivo do millo, xa que ao retraso na sementeira uníronse as dificultades para ensílalo por mor do mal tempo

A prioridade neste momento é recoller as plantas deitadas, para evitar que o exceso de humidade e o contacto co chan acaben provocando a proliferanción de fungos que mermen a calidade do ensilado e provoquen micotoxinas na ración das vacas.

As perdas nas granxas son cuantiosas, non só polo descenso de quilos de millo que haberá nos silos cos que alimentar o gando durante o ano en moitas delas, senón polo posible descenso de produción dos animais asociado ao menor aporte nutricional como consecuencia da falla de amidón do millo ensilado antes de tempo, tanto do que está deitado como no caso de ganderías que, en previsión do mal tempo, decidiron adiantar o ensilado aínda sacrificando acadar o contido de amidon desexable.

En previsión do temporal, algunhas ganderías decidiron picar sen agardar a acadar o nivel óptimo de amidón

A merma de produción forraxeira de millo que terán este ano moitas explotacións, que se calcula en torno ao 20 ou 30% na maioría das zonas con respecto ao ano pasado, non poderá tampouco ser compensada en moitos casos co silo de herba, debido a que o retraso á hora de picar o millo deixarase notar despois tamén na sementeira da herba.

Os retrasos no ensilado arrastraranse despois tamén á hora de labrar a herba

A dificultade para entrar en moitas delas se o mal tempo persiste, impedirá a habitual rotación das fincas de millo, condicionando tamén as solicitudes de ecorreximes e outros pagos da PAC. Repasamos a continuación cales foron as consecuencias do temporal nas distintas comarcas leiteiras galegas:  

Unha das fincas da zona de Mazaricos que xestiona Ganxabar

Unha das fincas da zona de Mazaricos que xestiona Ganxabar

“Se agora pasa 15 días tirada, a planta é propensa a morrer e ter problemas de fungos”

O mal tempo na madrugada e primeira hora da mañá deste mércores provocou destrozos importantes na zona de Mazaricos, con moito millo tirado e algún roto. Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas do Xallas e A Barcala que xestionan en común a alimentación do seu gando, alerta agora dos problemas asociados.

Se se puidera apañar rápido non tería por que haber problemas de fungos

“Se mellora o tempo e se puidera entrar hai unha parte que se podería colleitar e recuperar pero vai depender de que levante o tempo. Pero se non se pode entrar nas fincas o millo que está medio tirado vai acabar todo arrastro polo chan. Se está 15 días a planta tirada, ese millo é propenso a morrer e a ter problemas de fungos”, advirte.

A metade das 850 hectáreas de millo que Forxabar sementou para ensilar nas súas instalacións de alimentación en conxunto de Mazaricos están aínda sen recoller e xa auguran un descenso de forraxe con respecto ao ano pasado.

Agora mesmo o menor dos problemas é labrar a herba, o que doe é ver o millo tirado

“O custo total de labrar unha hectárea de millo sobe dos 1.500 euros e o problema é a forraxe que non tes, porque necesitas esa comida para os animais e seguramente este ano non vai haber moito onde mercar millo para ensilar”, augura.

Finca de millo afectada pola auga e o vento en Ordes

Finca de millo afectada pola auga e o vento en Ordes

“O ano pasado sobráballe millo a todo o mundo e este ano vailles faltar a todos”

A zona de Curtis está tamén entre as máis afectadas de Galicia. É unha zona máis fría onde o millo vén normalmente máis tarde, especialmente este ano, que foi labrado na maioría de fincas cun mes de retraso, polo que o temporal colleu pacticamente o 100% das parcelas sen ensilar.

Luis Espiñeira, responsable de maquinaria e sementes de Cusoviame, explica que a afectación foi moi elevada en toda a zona de influencia da cooperativa. “Nos concellos de Curtis, Sobrado, Vilasantar e Aranga, e mesmo noutros limítrofes como Guitiriz, hai fincas que quedaron arrasadas. Iso hai que fresalo porque non o colle a colleitadora. Foi unha calamidade”, describe.

Hai fincas que quedaron arrasadas e vai haber que fresar porque ese millo non o colle a colleitadora. Foi unha calamidade

“Á hora de ensilar, nesta zona somos os últimos sempre. Aquí está ainda cerca do 100% do millo sen colleitar e o problema é que a metade non se vai dar sacado. O ano pasado sobráballe millo a todo o mundo e este ano vailles faltar a todos”, lamenta.

A produción media habitual na zona sitúase entre 45.000 e 50.000 kg por hectárea. “O ano pasado foi superior, pero este ano non sei se chegaremos aos 35.000. E a cousa vai ser peor aínda en calidade que en cantidade, porque a porcentaxe de amidón vai ser moi baixa”, explica.  

Este ano á hora de labrar cambiamos maio por xuño, a maioría do millo foi botado cun mes de retraso

A maioría do millo foi botado en xuño e mesmo en xullo. “Até mediados estívose sementando. Retrasamos un mes a sementeira e nalgunhas zonas aínda así quedando chantados e no verán choveu un día ou dous case todas as semanas, polo que as terras teñen un exceso de auga acumulado”, conta Luis.

Cusoviame non dispón de picadoras no seu parque de maquinaria, pero si con sementadoras, que labran a maior parte do millo e da herba que se bota na zona. “Este ano andaremos polas 2.300 ou 2.400 hectáreas”, cuantifica. “Temos 50.000 kg de herba no almacén e moita desa semente vai sobrar este ano”, di.

A maioría dos afectados non ten seguro que lle cubra os danos ocasionados polo mal tempo. “Foise perdendo o costume de facer seguros, penso que a inmensa maioría, sobre o 80% non o ten. Así que a única posibilidade de recuperar algo sería que a Xunta declarase zona catastrófica e puidese haber algunha axuda por esa vía”, propón.

Unha das parcelas de Casa Carballo en Pol cunha parte do millo tumbado

Unha das parcelas de Casa Carballo en Pol cunha parte do millo tumbado

“Intentaremos apañar o millo que está deitado na fin de semana amarrando un tractor diante para tirar”

Na provincia de Lugo, os danos aparecen salpicados de norte a sur, con maior incidencia na zona da Terra Chá, tanto polo millo que hai tirado como polo desbordamento de ríos e o anegamento de fincas, algo habitual en zonas baixas dos concellos de Cospeito, Vilalba e Castro de Rei, nos que se non deixa de chover será complicado xa poder entrar a colleitar o millo e botar a herba despois. “Por aquí millo tirado non temos, o único problema é que hai moitas terras e ríos desbordados”, conta Jesús Blanco, de Granxa Xustás SL de Cospeito.

Máis cara a Meira, SAT Casa Carballo, de Pol, bota máis de 150 hectáreas de millo. “Xa metemos case 100 hectáreas, quedábannos 50 e pico porque estaban máis verdes”, explica Iago Villamide, que leva a explotación xunto ao seu irmán José.

Aquí se para de chover uns días seca rápido, pero ten que parar e o tempo non o dan estable

“Tumbounos algo porque o millo estaba bastante alto. Nalgunhas fincas a metade está deitado”, relata. Fai uns 10 días a anterior borrasca xa deitara algunhas parcelas, que xa ensilaron. “Collimos as zonas que estaban deitadas, a colleitadora apáñao bastante ben, pero leva bastante máis tempo”, recoñece.

Coa pequena melloría do tempo prevista para o sábado intentarán ensilar tamén o que desta volta lles tumbou Kirk. “Contamos darlle a fin de semana. Non lle podemos esperar moito porque o tempo parece que sigue empeorando para a semana que vén. Poñeremos un tractor enganchado diante para tirar do outro tractor co remolque. Imos probar así. Pero se a máquina non pode entrar xa non se pode facer nada. Se está moi mollado, que de momento está moito, non poderemos ensílalo, e este ano non fixemos seguro”, di.  

Este ano para labrar a herba vai estar complicado. Aínda non sementamos nada e cando veña bo tempo haberá que andar día e noite

Os ríos da zona de Mosteiro, en Pol, ao igual que os de Cospeito, Vilalba ou Castro de Rei, botáronse por fóra, o que vai dificultar tanto recoller o millo como sementar despois as pradeiras. “Este ano para labrar a herba vai estar complicado. Nós aínda non sembramos nada. Cando veña bo tempo haberá que andar día e noite. Temos dúas máquinas e labraremos coas dúas”, conta Iago.

Máis cara ao sur, na zona de Lugo, vai colleitado en torno ao 30 ou 40% e os danos do temporal desta semana súmanse aos do xabarín, que este ano está a provocar importantes perdas en moitas fincas, segundo indica Álex Castedo, que ten unha empresa de servizos.

Na comarca da Mariña desta volta o vendaval só afectou a zonas altas máis desprotexidas

Na comarca da Mariña desta volta o vendaval só afectou a zonas altas máis desprotexidas

Incertidumes que deixa o temporal: como afrontar as perdas e a xustificación da PAC

“No millo tirado hai un descenso de calidade porque non chega ao nivel de amidón que debería ter”

Na Mariña os ventos do suroeste deixaron un forte temporal na costa pero non afectaron desta volta especialmente en terra. Tan só houbo danos puntuais en fincas de millo situadas en zonas altas desprotexidas, máis batidas polo vendaval.

Pero José Ramón Loza, o responsable de cultivos da cooperativa Clun na zona e encargado do parque de maquinaria de Os Irmandiños, explica que aínda arrastran dos efectos da borrasca da semana pasada, que deixou unhas 20 hectáreas afectadas.

Na Mariña o vendaval da semana pasada deixou 20 hectáreas de millo afectadas

“Aínda non se puideron apañar, estamos valorando que facer con elas, intentaremos apañar o que se poida a costa de empregar máis tempo e de averías nos cabezais. Xa tivemos varios problemas de atascos de máquinas”, indica.

Nas fincas con millo deitado descende o rendemento das picadoras pero tamén a calidade da forraxe. “Co millo tirado hai un descenso de calidade porque non chega ao nivel de amidón que debería ter. O fluxo de nutrientes cara a espiga redúcese e a planta céntrase máis en sobrevivir. Ademáis, o solo está máis cuberto e non ventila, o que pode desencadear problemas de fungos e micotoxinas”, detalla.

Clun ten contratada unha póliza de seguro que cubre as perdas polo millo que quede sen apañar nas súas fincas de xestión directa

Clun leva colleitado unha cuarta parte das 600 hectáreas que labra para o CAVI, o centro de alimentación que a cooperativa ten en Barreiros, e en torno a un 30-35% no xeral da campaña na comarca, outras 700 hectáreas que colleitan para explotacións da zona.

O custo de labrar o millo este ano co parque de maquinaria da cooperativa oscilou entre os 1.200 e os 1.400 euros a hectárea, con laboreo, abonado, semente e unha aplicación de herbicida, e para cubrir as posibles perdas nas fincas de xestión directa, Irmandiños traballa con Agroseguro.

“Temos contratada unha póliza clásica e en función do que quede sen apañar valorarán os danos. Peritan e pagan polo que quede na finca sen apañar. Hai unha franquicia e o importe que abonan cubre normalmente os custos de sementeira e outros gastos”, asegura José Ramón.

“A produción vai caer polo menos un 20%; moito do millo encamado non se vai dar aproveitado”

Kiko Mosquera é o responsable de maquinaria da cooperativa Cobideza, que o martes estivo aproveitando para ensilar até o momento mesmo de empezar a chover, xa contra a noite. “O luns e o martes estivemos metendo e en canto pase un día sen chover seguiremos”, avanza.

Teñen aínda sen ensilar a metade das hectáreas que traballan na zona e teñen previsto continuar coa programación que tiñan establecida, sen alterala como consecuencia dos efectos da borrasca. “Seguiremos na mesma orde porque todos os socios van ter algo deitado”, argumenta Kiko.

O temporal deixou bastantes danos na comarca do Deza con fincas nas que o millo está completamente deitado e mesmo partido pola metade. “O que está encamado dese xeito non se vai dar aproveitado, nin sequera picándoo só a un xeito, porque fanse remuíños”, explica.

A maior parte da xente nesta zona non ten seguro; empeza a habelos polo verme ou o xabarín, pero polo vento non

Cobideza ten aínda polo menos para dúas semanas de traballo das colleitadoras. “Nun ano normal chegariamos como moito até o día do Pilar, pero este ano vai haber millo até o día 20 polo menos. Moito non valía aínda para meter, porque está verde”, asegura.

Kiko calcula que o descenso de produción con respecto ao ano pasado vai ser dun 20%. “Este ano en agosto aquí non caeu unha triste gota e houbo nordés. A media do que levamos apañado até agora é de 30 toneladas e iso que foi o botado cedo”, matiza.

A maior parte dos gandeiros da zona non teñen seguro que cubra os danos provocados polo temporal. “Hainos que teñen seguro polo verme ou o xabarín, pero polo vento non”, asegura Kiko.

É unha circunstancia que tamén confirman Suso Montes e Alberte Lamazares, o presidente e o secretario da cooperativa O Rodo, outra das que hai na comarca do Deza. “En Rodeiro quedaba o 70 ou o 80% do millo sen recoller e tirou ben del. A zona norte do concello é máis lixeira e podes entrar máis rápido a apañar, pero o val de Camba é zona máis húmida”, explican.  

UUAA calcula danos por importe de 65 millóns de euros

Ourizos tirados polo vento en Viana do Bolo

Ourizos tirados polo vento en Viana do Bolo

Unións Agrarias fixo este mércores unha primeira estimación de urxencia do importe dos estragos que causou o temporal Kirk en moitas zonas produtoras de Galicia, calculando que as perdas na produción de millo van rondar os 65,5 millóns de euros en toda a comunidade.

“Nalgunas zonas gandeiras máis afectadas, como Trazo, Ordes ou A Costa da Morte, a produción forraxeira é vital para a rendibilidade das granxas, polo que o impacto vai a ser tremendo se temos en conta que hai unha afectación no 60% nas parcelas (case 22.000 ha afectadas), que aínda non colleitaran a produción”, destaca Óscar Pose, responsable do sector leiteiro do sindicato.

En Galicia seméntanse 72.815 hectáreas de millo, segundo os datos da PAC

UUAA salienta que neste momento os gandeiros apenas tiñan recollido a metade do millo “e o que quedou afectado apenas se aproveita”, din. “En zonas de Lugo como Cospeito e Vilalba as parcelas están completamente inundadas o que vai imposibilitar traballalas durante moitos días o que suporá que se bote a perder moita da produción”, asegura.

Afectacións sobre os soutos de castaña

A piques de comezar o forte da campaña de recollida de castaña nas principais zonas produtoras de Galicia, o temporal provocou a caída dos ourizos, rachou ponlas dos castiñeiros e mesmo tirou árbores enteiras.

“Destaca a perda en soutos de castaña en Viana do Bolo, onde se botaron a perder moitos castiñeiros pola perda de polas e mesmo foron derrubados moitos exemplares. O ventos tamén estragaron os ourizos o tiralos ao chan sen maduraren e arrincou as follas das árbores, o que vai dificultar a recollida da castaña cando maduren”, indica UUAA.

Perdas no sector da pataca da Limia

Unha terra de patacas completamente anegada na Limia

Unha terra de patacas completamente anegada na Limia

A Limia, considerada a principal comarca produtora de pataca de Galicia, está a sufrir as consecuencias das choivas persistentes das últimas semanas, imposibilitando a recollida dos tubérculos, máis de 120 millóns de kg.

“Deixar na terra o 90% da produción de pataca, supón afrontar perdas duns 38 millóns de euros, pero a maiores, hai que sumar a inversión que xa está feita no cultivo, que ronda os 19 millóns de euros, polo que estarían en risco 57 millóns de euros”, calculan desde a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL).

A implantación do cultivo da pataca viuse gravemente afectado pola imposibilidade de acceso ás parcelas en tempo. “Na primavera, as terras de cultivo  estaban  totalmente asolagadas  pola mal drenaxe das cunetas, dos canais secundarios, dos ríos e do canle principal do regadío”, denuncian.

Os agricultores da comarca piden reunirse co delegado da Xunta en Ourense ante a difícil situación que afronta o sector

ADEGAL demandou das Administracións a limpeza e mantemento das infraestruturas agrarias, pero “debido á súa pasividade, esta recorrente problemática  vólvese repetir na recolleita, con graves consecuencias e perdas millonarias”, din.

A estas perdas na pataca hai que engadir que nesta campaña agrícola o cereal de inverno perdeuse practicamente na súa totalidade e houbo retrasos na sementeira do de primavera, o que produciu a merma no seu rendemento, e por tanto, menores ingresos nas explotacións agrarias.

“De seguir as choivas, este ano tampouco se poderá sementar o cereal de inverno, afrontándose unha gran incerteza na viabilidade das explotacións agrícolas da comarca”, din.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información