O tempo solleiro evita repetir tratamentos contra o mildio

Publicidade
O tempo solleiro evita repetir tratamentos contra o mildio

Primeiros síntomas de black rot en viña abandoada en O Condado. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, informa que a incidencia de mildio nos viñedos da provincia remitiu e tampouco se detectaron novos síntomas. Ademais, as cepas afectadas están curadas ou en fase de curación.

O tempo solleiro e os ventos do norte predominantes nos últimos días foron claves para que non se localizasen novos danos. De cumprirse as previsións meteorolóxicas, que anuncian que se manterá o tempo seco, o risco de infeccións de mildio é mínimo, polo que non será preciso renovar os tratamentos, agás naquelas viñas onde as plantas se manteñan húmidas durante horas polo orballo da noite. Nestes casos, os técnicos de Areeiro recomendan vixiar a posible detección de novas manchas.

Nas súas inspeccións en viñedos, os expertos detectaron esta semana os primeiros síntomas de black rot en cepas abandonadas da comarca de O Condado, que adoitan padecer a enfermidade. Ademais, tamén se detectaron danos na zona luguesa da Ribeira Sacra. Con todo, polo momento son danos esporádicos, mais aconsellan iniciar a vixilancia, en especial nas viñas máis húmidas.

Tamén segue a haber síntomas de erinose, aínda que sen ser preciso tratar. Continúa habendo ataques de caracois ás viñas. Os expertos detectaron xa síntomas de alteracións da madeira e naquelas viñas moi ventiladas, os fortes ventos romperon pampos.

Froiteiras

Esta semana tamén detectaron os primeiros síntomas de oídio en maceiras, con brotes illados. Tamén recomendan empregar trampas para a captura da avelaíña da maceira.

Dende Areeiro recomendan prestar atención á aparición de síntomas de bacteriose nas plantas de kiwi, que se atopan nestes momentos cos botóns florais, un estado fenolóxico que cómpre protexer destas enfermidades. Así, indican que é preciso tratar se o tempo é húmido pero, aínda sen precipitacións, aconsellan tratar aqueles predios onde é habitual ter estes problemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información