O SLG valora levar a cabo accións de protesta en demanda duns prezos xustos para o leite

Denuncia que os prezos en orixe están en Galicia 2,5 céntimos por baixo dos custos de produción e que a nova PAC afonda en máis esixencias e burocracia para os gandeiros

Acción de protesta do SLG polos baixos prezos do leite no ano 2015

Acción de protesta do SLG polos baixos prezos do leite no ano 2015

Este xoves 28 de outubro o Sindicato Labrego Galego convoca ao sector lácteo galego en Lugo para poñer en común os problemas que está a vivir e decidir que accións levar adiante. Esta encontro, baixo o lema-denuncia Nin PREZOS nin PAC, terá lugar de 11 a 14 horas no Salón de Actos da Casa Sindical de Lugo.

“Non nos pagan o leite como no resto do Estado nin se apunta unha mellora nos próximos meses. A pesar de que algunhas industrias anunciasen subidas, na maioría dos casos fanse insuficientes. Noutros, precisamente os que por volume de recolla pesan no Observatorio Lácteo e nos contratos que o toman de referencia, non teñen pensado mover os prezos”, denuncia o SLG.

317 granxas desapareceron en Galicia entre agosto do 2020 e agosto do 2021

“A grande distribución cando lle peta segue a empregar o leite como produto reclamo vulnerando o acordo lácteo e agora comeza a facer campaña tentando xustificar un novo aumento de prezos ás persoas consumidoras argumentando que teñen que pagarlle máis ás persoas que producen”, quéixase o SLG. 

Os prezos máis baixos do Estado

Sen embargo, a realidade é ben diferente. Segundo os datos oficiais FEGA, en xaneiro de 2021 o prezo medio estatal foron 0,34 euros por litro mentres en Galicia situouse en 0,33 €/l e en agosto o prezo medio estatal foron 0,338 euros por litro mentres en Galicia foi de 0,327 €/l. “É de salientar que a maioría inmensa das granxas sitúanse en realidade por debaixo desas referencias”, asegura o Sindicato Labrego. 

Os custos de produción medios foron valorados no mes de xullo, sen ter en conta a suba producida desde entón, en 0,3565 €/l polo Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio de Agricultura

A alza xeralizada dos custos de produción está tamén afectando directamente ao sector leiteiro. “As granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir custos de produción”, calcula o SLG. E prevese que esta situación empeore significativamente a partir de xaneiro do ano 2022, cando volte ser estipulado o prezo de insumos que se negocian anualmente, como os cereais ou, nalgúns casos, a electricidade.

Outono quente de protestas

“Dende o Sindicato Labrego Galego levamos meses denunciando esta situación que está afogando ao sector leiteiro galego pero nin a Consellería nin o Ministerio están querendo escoitar”, denuncia o SLG, que agora valora realizar accións de protesta.

O sector leiteiro galego leva meses a agardar e demandar medidas frente aos dous graves problemas de fondo que se manteñen presentes como a máis inmediata ameaza á súa viabilidade: o baixo prezo do leite e os altos custos de produción. Outros sindicatos e asociacións, como Agromuralla ou UUAA, xa anunciaron tamén accións de protesta para o vindeiro 4 e 11 de novembro respectivamente, polo que se agarda un outono quente no agro galego. 

Unha PAC que “ignora” a Galicia

Segundo datos de agosto, das 11.687 persoas produtoras de leite que sobreviven no Estado español, 6.540 son galegos e galegas (a seguinte comunidade autónoma é Asturias, con 1.476). É dicir, o 56% dos produtores e produtoras de leite de todo o Estado están en Galicia. “Producimos o 40,81% do leite a nivel estatal, sen embargo as propostas para a Política Agraria Común 2023 que están a negociar a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación son un absoluto despropósito e un desprezo para o sector leiteiro galego”, denuncia o SLG.

As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PAC actual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos

“Vémolo no proxecto de decreto de xurros, no proxecto de regulación do bovino, na medición das emisións… Nada se axusta á nosa realidade. As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PAC actual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos. De seguir por este camiño, esta nova reforma deixaranos, novamente, entre as comunidades cos pagos máis pequenos por persoa activa agraria e co maior número de persoas agricultoras a título principal que non cobran PAC”, vaticina o Sindicato Labrego. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información