O Sindicato Labrego pide medidas para frear a “forte baixada de prezos” do vacún de carne

A organización empraza á Xunta a que fixe o custo de produción e impida a venda de becerros por baixo del. Advirte ademais de que nalgunhas zonas está a haber problemas para dar saída a todos os animais das explotacións pola caída na demanda

O Sindicato Labrego pide medidas para frear a “forte baixada de prezos” do vacún de carne

Imaxe do recento congreso de vacún de carne do Sindicato Labrego. / Arquivo.

O Sindicato Labrego Galego advirte da “forte baixada de prezos” da carne de vacún en orixe e pide medidas para frear esta baixada de prezo. “Levamos semanas constatando como o prezo que perciben as granxas de carne polos seus tenreiros non deixa de baixar, situándose xa por debaixo dos 8€/quilo canal na maioría dos casos. Ademais, en moitas zonas, xa hai problemas para darlle saída aos tenreiros das granxas cara aos matadoiros”, aseguran.

“Dende o SLG pedimos a actuación inmediata da Xunta de Galicia e do goberno do Estado español ante esta situación e a activación de medidas que protexan as granxas antes de que sexa demasiado tarde. Solicitámoslle con carácter inmediato á Consellería do Medio Rural a convocatoria da mesa do sector con todos os axentes que operamos en Galicia”, reclaman.

“Levamos meses denunciando que o contexto de prezos alto que vivía o sector era algo conxuntural, froito da oferta e da demanda, e non estrutural, e demandamos ás Administracións (Xunta de Galicia e Goberno do Estado) e a outros axentes do sector sentar as bases dunha cadea onde se garantiran prezos estables por riba dos custos de produción a todos os elos da cadea”, solicitan. 

Se a baixada de prezos continúa pode levar de novo ao sector a unha situación extrema

O SLG pide con carácter inmediato á Consellería do Medio Rural a convocatoria da mesa do sector con todos os axentes que operan en Galicia e que nesta se fixen cales son os custos de produción e se vixíe que non exista competencia desleal nin pactos para baixar os prezos en ningún elo da cadea.

“Somos conscientes de que o mercado sofre certo estancamento por varias razón, entre elas que non está a saír gando para fóra, e que o consumo se resentiu nos últimos meses por mor da Crise en Oriente Medio, pero non xustifica a baixada tan forte que está a acontecer. No caso de non activarse medidas de maneira inmediata, moitas granxas testemuñarán perdas en poucas semanas”, advirten. 

Medidas concretas e cumprimento da Lei

“Estamos asistindo é a unha forte baixada dos prezos en orixe que xera moito desánimo no sector, que ve como irremediabelmente se camiña cara a tempos pasados onde se producía a perdas. Na nosa organización lamentamos profundamente que estes últimos tempos de tranquilidade relativa no sector en canto a prezos non se utilizasen para sentar as bases co obxectivo de establecer uns custos de produción e fixar estes como vinculantes para o prezo que se percibe nas granxas”, defenden o SLG.

Semella que mudou a realidade do mercado, pero habendo unha boa regulación e control sobre a cadea, é posible manter os prezos en orixe

“Nos últimos meses, día tras día, demandamos á Xunta de Galicia, ao Ministerio e a actores como a IXP Ternera Gallega que desenvolveran estas ferramentas, previndo que poderiamos volver a esta situación de baixada de prezos. Semella a que mudou a realidade do mercado, pero habendo unha boa regulación e control sobre a cadea, é posible manter os prezos en orixe”, asegura o sindicato.

No relativo aos custos de produción, os últimos datos publicados en 2022 pola Xunta de Galicia en base a un estudo realizado pola Fundación Juana de Vega fixaba en 6,30€/quilo o custo medio das granxas de vacas nodrizas en extensivo existentes en Galicia, con datos anteriores á guerra de Ucraína e á actual guerra en Irán . “Dende aquela os custos de produción non deixaron de subir, aínda máis nos últimos meses coa crise de Oriente Medio, onde o gasóleo duplicou o seu prezo e outros insumos como os fertilizantes tamén subiron”, lembran. 

Debate sobre a inclusión dos xatos azul belga na IXP Ternera Gallega

Samuel Formoso, vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP Ternera Gallega, asegura que nos últimos meses a industria e a distribución que forman parte do Consello Regulador e da Mesa de Prezos da IXP Ternera Gallega piden constantemente unha baixada de prezos afirmando que sobra gando.

Con todo, rebate o representante do SLG, a situación xeral e a medio prazo na IXP indica que non sobran cabezas, e aínda máis nun contexto de peche de granxas nos vindeiros anos. “Se non termamos dos prezos en orixe, quen vai querer coller o relevo nunha granxa se se ve obrigada a vender a perdas porque ninguén fai cumprir a Lei da Cadea?”, pregunta. 

A mensaxe dos cebadeiros de que non teñen xatos dabondo choca coa realidade que viven as granxas de Suprema, que levan semanas vendo como baixan os seus prezos coa escusa de que sobra carne

“O que estamos vendo é que a mesma industria e distribución que pide esta baixada unilateralmente os prezos da tenreira galega suprema, escusándose en que sobra carne, quéixase de que non lle chega a tenreira galega normal e loita por incluír dentro da marca razas como o azul belga e outras”, di.

“Isto é unha clara mensaxe do que quere a industria e distribución amparada dentro da IXP. “Con esta mensaxe o que nos pretenden dicir é que lles sobra a carne que se produce nas granxas tradicionais, as que vertebran o territorio, e o que queren é a carne de cebadoiro”, denuncia. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información