O Sindicato Labrego Galego (SLG) pide á Conselleria de Medio Rural que convoque as axudas de incorporación para mozos deste 2021 e que resolva as correspondentes a 2020.
“Non nos vale a escusa de que non hai cartos, xa que todos os anos sobrou diñeiro do destinado a esta liña de axudas. Polo tanto, a falta de cartos non xustifica que Medio Rural non convoque estas axudas en 2021”, advirten dende a organización agraria.
A este respecto, lembran que “no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia hai partidas sen gastar en finalidades de escasa importancia que poderían reasignarse para facer posible unha prórroga das axudas de 2020”.
A maiores, de cara ao novo período 2021-2027, dende o SLG piden:
-Orzamentos claros e suficientes nas axudas de incorporación.
-Incorporacións progresivas e/ou por obxectivos, baseadas nun plan de incorporación (é dicir, as persoas beneficiarias incorpóranse e van paso a paso, recibindo a axuda segundo vaia precisando financiamento até un tope establecido na resolución).
-Adianto do importe das axudas para axudar realmente á realización dos investimentos precisos, sen necesidade de recorrer a préstamos bancarios.
-Incorporacións tuteladas que fomenten o relevo xeracional nas granxas nas que non existe.
-Axudas para a incorporación de maiores de 40 anos.
-Prazo de solicitude aberto durante todo o ano/período.
-Prioridade e apoio preferente a proxectos agroecolóxicos, baseados na sustentabilidade, na economía local e no comercio de proximidade.