O Sindicato Labrego Galego esixe á Consellería do Medio Rural a convocatoria urxente do Consello Agrario para que a Xunta informe das medidas que está a adoptar para tratar de previr a chegada da dermatose nodular contaxiosa a Galicia, logo de que se teñan detectado os primeiros casos da enfermidade en granxas de Cataluña.
Argumentan desde o SLG que se trata dunha enfermidade “moi grave” que obrigaría ao sacrificio de todos os animais das explotacións nas que se detecten focos, como está a acontecer en Cataluña. “Dende o Sindicato Labrego Galego amosamos a nosa preocupación ante esta doenza e as consecuencias que pode supoñer a súa chegada a Galicia, polo que pedimos actuacións inmediatas por parte da Consellería do Medio Rural”, solicita Brais Álvarez, responsable do sector do vacún de carne do sindicato.
“Dende a nosa organización non podemos entender que, ante esta situación, a conselleira non contactase coas organizacións agrarias máis representativas do sector para ver como se vai enfocar esta ameaza que teñen as granxas galegas. É unha ameaza real altamente preocupante, como a propia conselleira recoñece co envío desta fin de semana dunha carta ás gandeiras e gandeiros galegos, onde se fala de que a detección desta enfermidade nalgunha granxa suporá, por motivos obvios, o sacrificio inmediato de todos os animais da granxa e a destrución dos produtos presentes que puideran estar contaminados. É dicir, estamos ante a ameaza dunha gravísima enfermidade”, engade.
A Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade moi grave calificada de categoría A dentro da Unión Europea
No Sindicato Labrego Galego defenden que “neste momento debe primar a prevención, antes de que comecen a chegar os primeiros casos a Galicia”. Por iso, solicitan que a Consellería do Medio Rural “convoque ao Consello Agrario para tratar estes temas que realmente preocupan ao sector primario e deixe de mandar cartas que tratan ás veces incluso de lanzar balóns fóra dicíndonos cales son as nosas obrigas sen dicirnos como a Xunta de Galicia vai poñer todos os medios dispoñíbeis para que esta enfermidade non chegue a Galicia”, sinala o representante do SLG.
Repercusións da nova PAC 2028-2034
O SLG quere que o Consello Agrario aborde tamén as repercusións que tería a aprobación da futura PAC 2028-2034 nos termos nos que está sendo plantexada. “Neste momento cómpre prestar atención tanto á nova PAC como á Dermatose Nodular Contaxiosa, temas de vital importancia para o sector primario que deberán ser debatidos no Consello Agrario Galego. A Consellería segue sen escoitar ao sector”, afirma Brais, que avanza a posta en marcha dunha campaña informativa por toda Galicia por parte do SLG.
A Consellería prometeu a convocatoria do Consello Agrario para o mes de setembro para tratar a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo para ter voz nas decisións que se tomen dende Europa. Este anuncio tivo lugar logo de que a Xunta de Galicia anunciara o pasado 18 de xullo que ía convocar a todos os axentes do sector primario para facer fronte común diante das novas políticas europeas para o rural e o mar.
Galego









Control OJD