O SLG pide a ampliación do prazo de tramitación das axudas de incorporación

Problemas de funcionamento no sistema informático, erros na orde publicada e escaso prazo de solicitude serían os principais obstáculos para o Sindicato Labrego, que reclama tamén que se manteña a posibilidade de solicitar plans de mellora ás persoas solicitantes da axuda na campaña anterior

Ganaderia Xuiz sala de muxido relevo xeracionalA secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, vén de dirixirse á Consellaría do Medio Rural para denunciar múltiples incidencias na convocatoria da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, para o apoio a investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións e se convocan para o ano 2023, que conta cun mes de prazo para a súa solicitude.

“O proceso de tramitación por parte do persoal técnico do SLG está a evidenciar numerosos obstáculos que afectan directamente ás posibilidades de acceso das persoas agricultoras mozas”, denuncian. Por unha parte, constátanse problemas no funcionamento do MELLES, a aplicación informática para a súa tramitación, que afectan por exemplo á xeración de documentos como o Anexo VII. Por outra, o propio texto da orde está a resultar problemático, ao presentar erros que afectan ás fórmulas para o cálculo dos módulos de certos investimentos, dificultando o asesoramento aos solicitantes e a elaboración dos estudos económicos. Tamén se realizaron modificacións nos criterios de cálculo económico do plan empresarial, o que obriga a refacer e repensar expedientes que xa estaban en proceso.

O SLG non entende as trabas á incorporación de mozos e mozas, cando as estatísticas vaticinan que 6 de cada 10 profesionais do sector estarán xubilados no ano 2030

Canda estas incidencias e variacións, chama a atención a modificación dos criterios para a selección dos beneficiarios. Por exemplo, o artigo 31.1., relativo aos requisitos das persoas beneficiarias, indica a necesidade de “ser titular dunha explotación agraria inscrita, polo menos cunha antigüidade dun ano, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto para as persoas mozas que soliciten nesta mesma convocatoria a axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, ou que se produza unha fusión entre diferentes explotacións”. “Este cambio de redacción con respecto á convocatoria pasada deixa fóra destas axudas granxas de nova creación que terían que agardar un ano para consolidar o seu proxecto de incorporación”, denuncia o SLG. 

Aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter este ano un plan de mellora perden agora a posibilidade de solicitalo

Ademais, a orde deste ano especifica que as persoas solicitantes da axuda de incorporación xunto coa axuda de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas da anterior anualidade, non poderán agora solicitar de novo a axuda de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas (plan de mellora), tanto se teñen esta liña aprobada na anterior anualidade como se non. “Ademais de resultar totalmente inxusto que se retire este apoio ás persoas mozas que deciden iniciar un proxecto agrogandeiro, a prohibición deste aspecto non fica recollido como tal na orde”, denuncia Isabel Vilalba.

Á vista destas numerosas incidencias, dende o Sindicato Labrego Galego veñen de solicitar formalmente á Consellaría do Medio Rural a ampliación do prazo de presentación das solicitudes de axuda e que se permitan solicitar plans de mellora aos beneficiarios da axuda de incorporación na campaña anterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información