O SLG esixe actuacións ante a propagación da vespa velutina e a alta incidencia un verán máis en Galicia

Solicita unha axuda a tanto alzado sobre o censo anual de colmeas polas baixas directas e indirectas que xera esta especie invasora. Avanza que unha vez remate a esmelga, convocará a todas as asociacións e colectivos de persoas abelleiras co fin de organizar unha gran concentración de protesta

Brais Álvarez, apicultor e responsable de Acción Sindical do SLG

Brais Álvarez, apicultor e responsable de Acción Sindical do SLG

O Sindicato Labrego Galego alerta, outro verán máis, do aumento da vespa velutina en Galicia, unha ameaza coa que conviven os apicultores desde fai máis de 10 anos. A súa propagación, afectada en gran medida polo cambio climático, xunto ao aumento da infección por varroa destrutor, ocasionan unha altísima mortandade das abellas e pon en perigo o sector apícola.

“Dende comezos do século a produción por colmea reduciuse á metade, pasando dunha media de 20 quilos por colmea a 10 quilos, isto está motivado precisamente por termos un clima cada vez de máis extremos, que provoca que os períodos de floración sexan máis curtos ou que por mor das inclemencias meteorolóxicas (moita calor ou moita choiva) directamente as abellas non as aproveiten”, afirma o apicultor, Brais Álvarez, secretario de Acción Sindical do SLG.

Plan coordinado e dotado de fondos

Desde o Sindicato Labrego Galego demandámoslle á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Unión Europea que poñan a andar un plan de actuación coordinado e con fondos suficientes para frear o avance da vespa velutina e outras especies invasoras que ameazan a supervivencia das abellas, e que cubra os gastos derivados das perdas que ocasiona a vespa velutina, dando unha axuda a tanto alzado sobre o censo anual en relación ás baixas directas e indirectas que xera a vespa velutina.

Precisamos lexislar, investigar e encontrar novos métodos para combater a velutina

“Ademais, hai países que están valorando a creación de lexislación e normativas arredor da vespa velutina, como é o caso de Alemaña ou Francia. Por exemplo, en Europa estase traballando para estudar os efectos do que se chaman as trampas troyanos, analizando que efectos podería ter no medio ambiente e na velutina o seu uso e con que produtos”, explica Brais. 

Por iso, no SLG solicitan que se avance na lexislación, investigación e en novos métodos para combater a vespa velutina. “Somos conscientes de que actualmente é un momento complexo pola presenza da varroa destrutor pero, unha vez que se remate a época da esmelga, ao fin do verán, se non hai unha resposta por parte da Administración, imos convocar as todas as asociacións e colectivos de persoas abelleiras co fin de organizar unha gran concentración en Galicia”, adianta Brais Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información